Sabiades que o venres 22 de marzo foi o “Día Mundial da Auga”?...
A “Conferencia de
las Naciones Unidas sobre Medio Ambiente y Desarrollo” declarou no ano 1992
o 22 de marzo de cada ano como o “Día
Mundial da Auga”, unha situación que posibilitou na nosa aula a valoración
da auga como elemento esencial do desenvolvemento sostible, contando cun
impacto positivo na vida humana ao incidir en cuestións que afectan á
seguridade alimentaria, á saúde persoal e ao medio ambiente.
Así pois, co gallo desta celebración, descubrimos,
identificamos e coñecemos algunhas das propiedades e calidades máis
representativas da auga, desenvolvendo actitudes positivas de uso e consumo
responsable.
Neste senso, destacamos e valoramos a importancia da choiva
como fenómeno necesario para a vida dos animais e das plantas. Falamos da
importancia das fontes, dos regatos e dos ríos, portadores de auga aos campos
onde viven todo tipo de plantas e árbores.
Pero... que pasa agora que case todos os días no momento
da constatación do tempo atmosférico apenas poñemos o pictograma de choiva?...
quedaremos sen auga?...
Esta experiencia, enmarcada fundamentalmente nas asembleas matinais, converteuse nunha fantástica situación na que grazas á observación, exploración e experimentación, construímos activamente os nosos coñecementos e aprendizaxes sobre un tema vital como é a auga, os seus usos, funcións, posibilidades, coidados... Desenvolvendo o pensamento racional e a nosa capacidade de análise, tratamos de comprender a situación real a partir dos seus compoñentes, baseándonos no uso sistemático da razón.
Porén, e como vén sendo habitual dende hai xa 7 cursos
consecutivos, este traballo desenvolveuse, en parte, a partir do material que
cada curso a Deputación Provincial de Lugo reparte aos colexios da provincia
para divulgar o coñecemento dos ciclos da auga e da árbore.
A camiñada de Pin
e Gas, conta a historia de dúas pingas que se atopan coa
contaminación e como logo de utilizar a brétema para continuar viaxe, o río
Miño, principal canle de auga de Galicia, será a vía para acadar o mar e
comezar de novo o ciclo.
Que interesante!... pois a partir das actividades
desenvoltas, sen decatarnos, iniciámonos no método científico constatando e
verificando que a auga non ten sabor -é insípida-, tampouco ten cor -é incolora-,
e moito menos ten olor -é inolora-... canto aprendemos!
Un saúdo e non esquezades que... o noso blogue se
alimentará dos vosos comentarios!
0 comentarios:
Publicar un comentario