Siii, tras a conta atrás no calendario, o pasado venres 29 de
marzo rematamos o 2º trimestre de maneira anticipada; e que mellor que
organizar e lembrar os materiais de MUNELA realizados durante todo este tempo.
Así pois,
comezamos a xornada con enerxía, restaba traballo dabondo e a primeirísima hora
da mañá, na asemblea, repasamos algunhas das actividades desenvoltas neste trimestre:
repasamos, rodeamos e tachamos, debuxamos e coloreamos, escribimos, recortamos,
picamos e pegamos...
Neste senso,
axiña nos decatamos que parte das aprendizaxes e coñecementos estiveron
desenvoltos e canalizados grazas a MUNELA, BERTA e PABLO... canto aprendemos!
En primeiro
lugar, a partir do conto nº3: Munela, un
monstruo de lo más normal, mergullámonos no mundo da literatura, identificando
os valores que transmiten os contos e os usos e funcións da biblioteca escolar
e de aula; algo que axiña se rediversificará coa saída didáctica programada
para a volta de vacacións á Biblioteca Pública Provincial... que sorpresa!
Asemade, este centro
de interese facilitou o descubrimento, identificación, valoración e respecto de
emocións e sentimentos propios e alleos a partir dos nosos personaxes de
ficción favoritos: Carapuchiña Vermella, o lobo feroz, a ratiña fachendosa, a
sereíña...
Por outra banda,
a partir do conto nº4: Una peli para
Munela, achegámonos ao mundo do cine, teatro e televisión, coñecendo algúns
dos seus elementos máis representativos: profesións, accesorios relacionados,
espazos para o lecer, normas de uso...
Nesta ocasión, a
historia na que descubrimos que a MUNELA o que verdadeiramente lle gustan son
as pelis de piratas, permitiunos realizar diferentes inversións nas que nin os
malos son tan malos nin os bos tampouco. Que pasaría si Blancanieves fose a
traballar onda os enanitos?... E se o
Príncipe Azul non quixera casar con Blancanieves?... uf!, unha tolería de historias nas que a nosa imaxinación non
concibía tanto disparate... que lío!
O pasado venres, polo
tanto, tratouse dun día especial, dun día diferente. Por iso, aos poucos,
distribuíronse os libros enriba das carpetas, ao tempo que aproveitabamos para
ollar as fichas de cada caderno de actividades... que contentos e ilusionados
estabamos!
Pero aquí non rematou
todo, xa que tamén aproveitamos para organizar nas carpetas individuais todas
as fichas de elaboración propia realizadas, de moitas delas xa nin nos
acordabamos: San Froilán, Halloween-Samaín,
outono, a Paz, o inverno... para iso debiamos estar atentos de como meter a
ficha na carpeta sen que se arrugase: paciencia, amodo, sen présa...
Agora xa, comezaremos o caderno de actividades nº5, onde descubriremos
que MUNELA non é unha lechuga... isto
promete!
Un saúdo e
non esquezades que... o noso blogue se alimentará dos vosos comentarios!
0 comentarios:
Publicar un comentario