Bienvenido

E COMO ACTIVIDADES DE PECHE...

jueves, 21 de diciembre de 2017

Esta derradeira semana de trimestre repasamos, lembramos e consolidamos algunhas das aprendizaxes desenvoltas durante todo este tempo a partir dos caderniños de MUNA e das actividades impresas individuais.
Así, xa no inicio de semana, clasificamos e preparamos os traballos elaborados. Neste senso, como gran acontecemento que se prece, marcamos no calendario disposto no panel de rutinas o xoves 21 de decembro con rotulador fluorescente de cor amarela, realizando a conta atrás para o día no que poderiamos ensinar todos os traballos á nosa familia... estupendo!
Durante este trimestre, da man de MUNA, PABLO e BERTA, iniciámonos no uso de distintos materiais de traballo cotiá: ceras plásticas, rotuladores, gomets, témpera e pincel, cadernos de traballo... parece doado, pero unha vez postos..., segue custando acatar o establecido... non todo vale!
Expectantes, ao tempo que recibiamos os cadernos de MUNA para meter na carpeta “grande”, revisamos en gran grupo e de maneira individual algunhas das actividades máis emblemáticas: a cama de MUNA, a visita de PABLO e BERTA ao médico, as “carreteras” -trazos-: verticais, horizontais, diagonais e combinados... aprendemos a coller de xeito máis ou menos correcto a cera e/ou rotulador, a rodear, tachar e colorear con máis ou menos tino, pegar gomets sen desesperar,... non todo é tan doado como parece...


Por enriba de todas estas técnicas instrumentais básicas nas que seguiremos incidindo no vindeiro trimestre, coidamos que, en xeral, cada vez nos amosamos máis preocupados polo traballo propio, despreocupándonos do alleo, esforzándonos, na medida das nosas posibilidades, na realización correcta da tarefa, sen molestar aos demais, respectando e valorando o traballo cotiá... especialmente sobre estas e outras actitudes, insistiremos na volta de vacacións, seguro que xuntos o conseguimos...
Asemade, co gallo do “Festival de Nadal” que tivo lugar hoxe xoves no ximnasio onde desenvolvemos Psicomotricidade; preparamos, memorizamos e mimamos a canción elixida polo profe de Música titulada: “O grilo e a rá”. Tratáse dunha peza propia do folclore popular galego que nos serviu para interaccionar en cadansúa estrofa coa clase de 3 ANOS B... un pracer, profe Ana!... nos fomos os grilos!...


Ao tempo, a nosa aula foi un espazo no que máis que nunca, houbo tempo para as asembleas que xiraron fundamentalmente en torno ao Nadal, para a lectura de contos propios e aportados polo grupo, tempo de xogo libre e/ou semidirixido nos rincóns... siii, resultou o mellor colofón a este trimestre!


Tras todas estas actividades e experiencias, por fin, por fin chegaron as tan merecidas e ansiadas vacacións de Nadal, serán días para disfrutar coa familia, de contaxiarnos co ambiente de Nadal da nosa cidade... días para repoñer forzas, romper coa rutina e así recibir o 2º trimestre con máis enerxía que nunca, agárdannos novos retos, agora xa si de maiores, que nos axudarán a comprender un chisquiño máis o noso pequeno-gran mundo... preparados!
Un saúdo e non esquezades que... o noso blogue se alimentará dos vosos comentarios!

CHRISTMAS TIME!

viernes, 15 de diciembre de 2017

Durante estas semanas na nosa clase esgotamos as actividades impresas finais a modo de reforzo e/ou consolidación dependendo de cada caso, mergullándonos de cheo no Nadal... non paramos!...
O certo é que a rutina do “Calendario de Adviento”, sen decatarnos, foi marcando a conta atrás para o que suporía o remate do 1º trimestre. Nesta segunda quenda foron ÁLVARO, LOGAN A., PABLO A., ANXO, LUCÍA, GAEL e NABIA os afortunados en achegarnos un chisquiño máis ao Nadal... delicioso!














Asemade, os contos unha vez máis posibilitaron que nos contaxiaramos deste ambiente de festa que resulta tan grato e estimulador para a aprendizaxe; ler ten que ser un tempo de pracer, diversión e disfrute.
Cando Martiño tivo ganas de mexar na Noite de Reis (Edit. Kalandraka), supuxo o alicerce excepcional no que asentar as nosas primeiras conversas sobre os agasallos que ansiosos agardamos este Nadal: 


... bonecas de última xeración, clásicos como Peppa Pig, Ben & Holly ou a Patrulla Canina, e mesmo un Dron e unha barbacoa... todo tan sofisticado!
Por outra banda, ao tempo que rematabamos os caderniños de MUNA, ilusionados e cun plus de motivación extra, elaboramos diferentes elementos representativos co gallo desta época do ano.
Decoramos un Papa Nöel troquelado: pintamos a cara con cera plástica de cor carne, o gorro con pincel e témpera de cor vermella, botamos purpurina de cor vermella e pegamos muselina de cor branca para a barba... ho ho ho!


Tamén pintamos un corazón de cor vermella no que recreamos unha improvisada árbore de Nadal de cor verde, á que lle pegamos gomets circulares prateados a modo de bólas e estrelas douradas no seu contorno...



Presidida por un enorme BALTASAR, bonita, bonita, quedou a porta da nosa aula vestida de Nadal... foi o complemento perfecto a un corredor máxico no que se miraba en cada porta un Rei Mago diferente... canta ilusión concentrada!


E que mellor que aderezar estas actividades que a través da escoita activa de panxoliñas e do visionado de fragmentos dos nosos personaxes de ficción favoritos cos que descubrir un Nadal diferente. Deste xeito, iniciámonos na valoración e respecto da diversidade social e cultural como un elemento positivo e enriquecedor da persoa humana...


Agora xa, na derradeira semana de trimestre, toca voltar a vista atrás e repasar todo o vivido durante este 1º trimestre de 3 ANOS, nos que sen darnos conta, a tarta de 3 anos... quedou baleira!... que rápido pasa o tempo!...


Un saúdo e non esquezades que... o noso blogue se alimentará dos vosos comentarios!

MÚSICA MAESTRO!

viernes, 8 de diciembre de 2017

A expresión musical, xoga un papel indiscutible en Educación Infantil, constituíndo unha das linguaxes con maiores posibilidades de expresión que potencia o desenvolvemento da comunicación non verbal e contribúe á consecución dos obxectivos xerais de etapa e das competencias básicas establecidas pola UNESCO, especialmente, a competencia cultural e artística.
A música, constitúe unha forma peculiar de comunicar aspectos da vida cotiá; de aí que, debido á riqueza dos medios que utiliza, á sinxeleza das técnicas que emprega e á variedade de soportes sobre os que traballa, convertan a esta materia nun compoñente indispensable na nosa clase.
Así pois, semanalmente recibimos unha sesión de Educación Musical que corre a cargo de COSME, o profe de Música que cada martes nos trae divertidas cancións que nos achegan ao folclore popular: cancións populares, modernas, didácticas..., poñéndonos en contacto coa arte e as expresións musicais de todos os tempos e culturas.
Neste senso, as cancións, dadas as súas características, converteranse na principal actividade e recurso musical, desenvolvendo a observación, a expresión e a representación musical.
Faise importante que cantemos, que gocemos das cancións; e boa proba disto é o repertorio que empregamos a modo de rito no establecemento dalgunhas rutinas cotiás. Temos a canción dos bos días, dos días da semana, dos meses do ano, do silencio... e mesmo unha canción en inglés! Con estas e outras estratexias expresamos aquilo que, quizais, non seriamos capaces de dicir falando, xa case non queda vergoña...
Asemade, outro elemento representativo destas sesións, é a manipulación do conxunto instrumental escolar a través do que descubrimos e identificamos algunhas das súas características: familia á que pertencen, tipo de sons que emiten, partes e elementos... Uf!... na aula de Música si que hai instrumentos musicais... fantástico!


Con estas e outras actividades desenvolvemos a discriminación auditiva, recoñecemos diferentes instrumentos musicais, valoramos e respectamos a música como medio de comunicación e expresión... case nada!


Unha vez máis, lembrar que aquí tampouco vale todo, e unha actitude que debe primar nestas sesións é a valoración e respecto no uso coidado de cada instrumento musical. Non se poden tocar de calquera xeito... nooon!, faise amodo, prestando atención a cada ritmo e compás... con paciencia!




E para rematar,... que mellor que xuntar música e movemento?...
Achégase o Nadal, e como elemento representativo traballamos a escoita de diferentes panxoliñas, coidando e mimando especialmente a da cantante galega Lucía Pérez. “A Festa do Belén”, trátase dunha panxoliña en galego, cun retrouso pegadizo que fai que a súa letra e melodía converta a nosa aula nunha auténtica festa... que ben o pasamos!


Un saúdo e non esquezades que... o noso blogue se alimentará dos vosos comentarios!