Mergullados neste
2º trimestre, cada vez dominamos máis e mellor as novidades que semanalmente
descubrimos logo dunhas ilusionantes contas atrás... canta expectación!
Para comezar, inmediatamente á volta de vacacións, engadimos
unha tarefa nas rutinas do súper-encagado. Siii,
ademais de todas as actividades de lecto-escritura que desenvolvemos no
encerado a primeira hora da xornada, deseguido de dar os bos días, de fichar
ausencias e presenzas, constatar o tempo atmosférico... agora xa iniciámonos na
realización de sumas sinxelas permitindo o desenvolvemento de habilidades
propias do razoamento lóxico-matemático a partir de situacións da vida cotiá. O
seguinte reto... a resta!...
Asemade, moi pronto comezaremos a realizar os nosos
primeiros exercicios de prelectura a partir do descubrimento e identificación
de sílabas illadas que se converterán en palabras, e palabras que se
converterán en frases. Non hai présa, trátase dun longo camiño que continuaremos
o vindeiro curso cando sexamos os súper-maiores de mandilón... fantástico!
Indubidablemente, a lecto-escritura forma parte
indisoluble de diferentes momentos da xornada: no momento da asemblea,
escribindo o título e a data con día e número en cada actividade impresa, tamén
a partir do libriño das letras co que disfrutamos rematado o traballo
obrigatorio... ata modelamos letras con plastilina no momento de xogo libre...
que boa idea ESTEBAN!
Non pensedes que todas estas novidades que vos contamos
son exclusivamente de traballo, pois ademais de todo isto, temos tempo para
memorizar, interpretar e mimar a canción de Robin Hood, unha actividade que pon
a proba o noso ritmo ao tempo que nos permite identificar as partes do corpo
que se indican en cada estrofa... botariamos toda a mañá con Robin!
Tamén, no momento de xogo libre e/ou dirixido gozamos
dunhas pezas novas: as pezas de estrelas, coas que creamos e recreamos
artefactos imposibles, avións e mesmo naves espaciais e zoos... canta
imaxinación!
Uf!, e menuda
organizamos no espazo do xogo simbólico cos materiais de perruquería onde peiteamos
a todo aquel que se deixe. Definitivamente, PAULA e SARA son as perruqueiras
oficiais da clase... que estilazo!
Siii, aínda
nos quedaba o mellor, cambiar no panel de rutinas a tarta de 4 anos, xa baleira,
pola tarta de 5 anos... este si foi un gran acontecemento!
Neste senso, os primeiros afortunados en estreala durante
esta semana foron HÉCTOR e ÁLEX & GAEL... a foto ao principio resistíase!
E para rematar
estas semanas de estreas, que mellor que desvelando o disfrace deste antroido. Como
xa vos contaramos, a temática escollida a nivel de centro é: “A volta ao mundo en 80 contos”, así que
para a celebración do antroido converterémonos nun dos emblemas da
compañía Disney protagonistas de infinidade de contos infantís... Mickey & Minnie Mouse!... Xa hoxe,
DIEGO, máis protagonista que nunca por ser o súper-encargado do día e o
contacontos semanal, luciu estupendamente un dos sinais máis representativos do
noso disfrace... as orellas de Mickey!... Que longa se nos vai facer a espera para o antroido!...
E para a vindeira
semana, esgotamos as novidades?... Nooon,
comezaremos o caderniño de actividades nº3... que nos contarán nesta ocasión
MUNELA, PABLO e BERTA?...
Un saúdo e non esquezades que... o noso blogue se
alimentará dos vosos comentarios!
2 comentarios:
Que gran traballo fas cos nosos fillos.Ben por ti e por eles porque poden dar moito máis so hai que motivalos un pouquiño.
Totalmente de acordo con Pamela...e que perruqueira/os tan xeniales....guapossss!!!
Publicar un comentario