Con Elsa, Anna e Olaf, atopamos a mellor das motivacións posibles para
descubrir, identificar e valorar algúns dos elementos e cambios producidos no
contorno e na vida das persoas coa chegada do inverno... que frío!
Mergullados neste centro de interese, comezamos nas asembleas matinais cun
torbeliño de ideas sobre o inverno.
O certo é que as asembleas matinais resultan cada vez máis produtivas no incio
dun novo centro de interese, evidenciando os nosos coñecementos previos e
necesidades de aprendizaxe cara o tema de estudo.
Así, e tras ollar as roupas de abrigo dos percheiros, conversamos sobre a
indumentaria propia que precisamos para protexer o noso corpo contra o frío: pezas
máis grosas, uso de materiais máis cálidos, maior cantidade de roupa e accesorios
específicos desta estación (bufandas, gorros, guantes, abrigos…) recoñecendo e
asociando partes do corpo e pezas de vestir.
Bonitos e curiosos quedaron os nosos traballos nos que ademais de completar
o esquema corporal de MUNELA, BERTA E PABLO, aproveitamos tamén para vestilos
de inverno... excelente!
Por outra banda, coa chegada do inverno, tamén aparecen nas nosas casas novos
obxectos que nos axudan a paliar os rigores desta estación tales como as
estufas, as mantas e as calefaccións “con leña” na aldea.
Sen lugar a dúbidas, quedounos clara a necesidade de abrigarse para evitar arrefriados, gripes,
dores de gorxa… adquirindo unha serie de hábitos e actitudes relacionadas co
benestar e co coidado da saúde; pois unicamente así evitaremos a visita ao
médico.
Así que xa o sabedes: “en xaneiro…
bufanda, abrigo e sombreiro!”.
E tanto que si... pois aproveitando os raios de sol que saíron o xoves,
axiña coidamos en disfrutar da zona axardinada do patio, despois de tanto
tempo, case nin lembrabamos esta zona... marabilloso!
Asemade, se algo temos máis que claro, clarísimo, é que no inverno hai
neve, moooita neve… e que podemos
facer coa neve?... Uf!, un montón de
cousas divertidas: bonecos de neve, bólas de neve, patinar, esquiar…
Neste senso, as alusións a Frozen foron
case inmediatas, un feito que provocou a escoita activa e visionado de
fragmentos parciais do filme... cando Anna lle pide a Elsa o boneco de neve... fascínanos!
E que mellor maneira de reflectir todas estas aprendizaxes que mediante uns
debuxos nos que deixar voar a nosa imaxinación … quedamos conxelados!
Un saúdo e
non esquezades que... o noso blogue se alimentará dos vosos comentarios!
0 comentarios:
Publicar un comentario