Sabedores
dos problemas de convivencia escolar de moitas aulas de Educación
Infantil, esta semana foi a quenda das nosas familias... xenial!
* * * * *
Relacionarse cos demais e adquirir progresivamente pautas
elementais de convivencia e de relación social, así como exercitarse na
resolución pacífica de conflitos, convértese nunha das
finalidades da Educación Infantil, para iso, os centros e as aulas convértense
nuns alicerces excepcionais para evitar situacións que en ocasións xeran
situacións conflitivas dende idades temperás.
En todo
caso familias, teremos en conta que os conflitos e pelexas nestas idades,
forman parte do proceso de socialización xurdindo por factores como: diferenzas
individuais (temperamento, idade e personalidade), problemas transitorios de
saúde, situacións frustrantes, por non coñecer ou non comprender as normas que
rexen a vida en grupo... complicado dabondo!
Porén,
e dentro da autonomía pedagóxica e de xestión que a lexislación vixente lle
concede aos centros docentes, establécese o Plan de Convivencia dentro
do Proxecto Educativo (con actividades que terán como obxecto fomentar un bo
clima de convivencia), tamén as Normas de Organización, Funcionamento e
Convivencia (onde se establecen as normas de convivencia e de
conduta de obrigado cumprimento para a comunidade educativa).
Asemade,
existe a figura do Dinamizador de Convivencia así como
a Comisión
de Convivencia integrada no seo do Consello Escolar. Mesmo no Portal
da Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria, dentro de EDUCONVIVES.
GAL, se recollen diferentes protocolos e medidas para afrontar estas
situacións xa dende a etapa de Educación Infantil.
Ademais
de todo isto, nas aulas de Educación Infantil e dada a importancia do establecemento
dun ambiente escolar que transmita sensacións de seguridade afectiva, emocional
e persoal, establécense diferentes estratexias para evitar condutas
maladaptativas tales como a técnica do semáforo (detente-pensa-actúa), a zona
de mediación onde aprendemos a resolver pacificamente os conflitos, a retirada
de atención ou a economía de fichas (ambas técnicas empregadas polo personaxe
televisivo da SuperNanny), lectura de contos como o da Tortuguita, sesións de relaxación, obradoiros de ioga infantil, mindfulness... facilitando que a
afectividade se convirta no fío condutor de toda situación de
ensinanza-aprendizaxe.
A
partir de todo este entramado de relacións e situacións de aprendizaxe,
achegámonos ao desenvolvemento da Competencia Social e Cidadá na que
traballamos habilidades sociais a través da resolución pacífica de conflitos
que xorden na convivencia cotiá de forma construtiva, fomentando a toma de
decisións autónomas e responsables, valorando e respectando a diversidade como un
elemento positivo e enriquecedor.
Evidentemente,
todas estas repercusións tan facilitadoras do noso densenvolvemento persoal e
social, non se convertirían en realidades ricas e froitíferas sen o fortalecemento
de vías de participación familia-escola, onde dependendo do
caso, se establecen pautas para continuar na casa a labor moitas veces iniciada
no ámbito escolar. GRAZAS familias por amosar comprensión,
empatía e receptividade!
Un saúdo e non
esquezades que... o noso blogue se alimentará dos vosos comentarios!
0 comentarios:
Publicar un comentario