Aproveitando o traballo referido aos seres vivos desenvolto nas derradeiras
semanas do 2º trimestre, contarémosvos unha experiencia que resultou
especialmente motivadora: o nacemento dun dinosauro na clase!
Así pois, antes das vacacións, participamos, sen apenas darnos conta, nunha
experiencia que nos permitiu iniciarnos no método científico.
A actividade desenvolveuse a partir dun ovo que ao tacto semellaba de
plástico: era suave, duro e pesado dabondo. Este ovo, segundo nos explicaron
varios compañeiros -BRUNO, YAGO e MIGUEL-, había que metelo en auga, agardar
alomenos 5 días e sairía un... dinosauro!?
O experimento disposto no banco da asemblea durante os días que durou a
experiencia, converteuse nunha visita obrigada no momento da entrada. As
hipóteses non tardaron en aparecer.
Día a día vimos como o noso dinosauro amosaba a cabeza, o pescozo e os brazos. Comprobamos a súa cor: amarela e marrón, tamén as súas dimensións... axiña coidamos que se trataba dun T-Rex.
A espera fíxosenos longa e non nos daba chegado o día no que incorporariamos esta achega ao rincón de piratas: que impacientes!
Esta experiencia lúdico-exploratoria, converteuse nunha fantástica situación na que grazas á observación, exploración e experimentación, construímos activamente os nosos coñecementos e aprendizaxes.
A partir da mesma, desenvolvemos o pensamento racional e a nosa capacidade
de análise, tratamos de comprender a situación real a partir dos seus
compoñentes, baseándonos no uso sistemático da razón.
De tal xeito, realizamos un experimento que nos brindou a oportunidade de
observar determinados fenómenos, de establecer e formular as nosas propias
hipóteses para, posteriormente, comprobar si estabamos no certo ou non,
chegando a realizar novos descubrimentos.
Para rematar, xa hoxe venres, como colofón a uns días adicados a pensar
coas mans a partir dos bloques lóxicos do caderniño nº2 de MOLI, reservamos un
tempo para reflectir todas as aprendizaxes adquiridas nun debuxo que nos
levaría, nada máis e nada menos, que á época na que viviron os dinosauros.
Así pois, cadaquén debuxou o seu dinosauro preferido, non sen antes ollar
en pequeno grupo un libro de información onde aparecían distintos tipos de
dinosauros: aéreos, terrestres e mariños.
O resto de detalles do debuxo correría a cargo de cada un, pois debía de completarse con outros elementos da época: covas de pedras, ovos de todos os tamaños -incluso algúns a piques de abrir-, ríos e lagos, árbores, soles e nubes, choiva... quedaron uns debuxos tan chulos que os empregaremos para redecorar o corcho da clase... xenial!
Agora xa, a vindeira semana, chegarálles a quenda de disfrutar do EDI aos novos súper-encargados/as... que idea máis estupenda!
Un saúdo e non esquezades que... o noso blogue se
alimentará dos vosos comentarios!
0 comentarios:
Publicar un comentario