Este curso, con carácter excepcional, a nivel de centro decidiuse que o 2º
trimestre rematase oficialmente cunha semana de retraso no que a calendario se
refire; así pois, hoxe venres, puxemos o punto final a un trimestre no que as
nosas aprendizaxes e coñecementos estiveron desenvoltos e canalizados, en gran
parte, grazas ás viaxes con MOLI.
En primeiro lugar, a partir do conto: O
PAPAVENTOS DO DRAGÓN, descubrimos e identificamos elementos representativos
do contorno inmediato, partindo da motivación que ofrecen outros contornos
afastados, pero rechamantes, neste caso, o eixe motivador centrouse en China.
Este centro de interese, facilitou o recoñecemento dos elementos máis
característicos das rúas e dos comercios do contorno cotiá comparándoos cos
doutros lugares, a identificación das diferenzas máis significativas dos
diferentes tipos de tendas, o coñecemento dalgúns servizos fundamentais do
barrio (hospital, parque de bombeiros, comisaría)...
Co gallo deste centro de interese, introducímonos no tema da seguridade
viaria. Para iso, traballamos como hai que ir pola rúa e a mensaxe dos sinais
máis frecuentes que temos que respectar como usuarios desta.
Por outra banda, e por si todo isto fose pouco, con MOLI viaxamos tamén á
selva amazónica, mergullándonos no eixe motivador dos seres vivos.
Neste caso, partimos do conto: YOMA E O GOLFIÑO ROSA; unha historia que nos permitiu descubrir algúns seres
vivos da selva amazónica comparándoos cos do contorno próximo, ao tempo que
identificamos algúns animais en perigo de extinción. Tamén desenvolvemos
actitudes de coidado, respecto e agarimo cara aos seres vivos e coñecemos as
características dalgunhas plantas e animais: costumes, alimentación, ciclo
vital...
Hoxe venres, polo tanto, tratábase dun día especial: sería o día no que levariamos
para a casa os traballiños do trimestre!...
Comezamos con enerxía, restaba traballo dabondo que facer e a primeirísima
hora da mañá repasamos algunhas das actividades desenvoltas durante o 2º
trimestre: repasamos, rodeamos e tachamos, debuxamos e coloreamos, escribimos,
recortamos, picamos e pegamos... cantos avances!!
Neste senso, nomeamos os coordinadores de cada un dos 4 equipos da nosa
clase. Hoxe foi a quenda de MICAELA (equipo azul), SABELA RG (equipo verde),
SABELA RI (equipo amarelo) e MARCOS (equipo vermello).
Máis protagonistas que nunca e confiados na súa responsabilidade,
repartiron os 3 caderniños das fichas de MOLI que levariamos para as nosas
casas, xunto coa carpeta do 2º trimestre.
Sen lugar a dúbidas, resultou un traballo ben doado, pois... quen non sabe
identificar o nome propio e o do resto de compañeiros e compañeiras?...
Ao tempo, o resto aproveitabamos para ollar as fichas que nos ían deixando
nas nosas mesas... fantástico traballo!...
Para rematar, faltaba escribir o noso nome na nube pegada para tal efecto
na carpeta do trimestre. Deste xeito, cadaquén colleu os rotuladores das súas
cores preferidas e escribiu, con máis ou menos tino, o nome propio -canto nos
custa regular o tamaño da letra: nalgúns casos grande dabondo e noutros tan
pequerrecha que non se pode ler... letra mediana é a ideal!-.
Agora xa, queda o 3º trimestre que comezamos con máis ganas que nunca.
Seguiremos viaxando do mesmo xeito que ata agora con MOLI, descubrindo
elementos representativos de lugares afastados da nosa vila que nos axudarán a
comprender un chisquiño máis o noso pequeno-gran mundo... preparados, listos,
xa!
Un saúdo e non esquezades que... o noso blogue se alimentará dos vosos comentarios!
0 comentarios:
Publicar un comentario