O tempo pasa, e non de calquera maneira,... pasa voando,
nun abrir e pechar de ollos... así que esta semana, nas asembleas matinais,
aproveitamos para avaliar algunhas das actividades desenvoltas ao longo deste
2º trimestre.
Así pois, no tocante aos HÁBITOS E NORMAS, cada vez
actuamos con máis autonomía e iniciativa controlando progresivamente os riscos:
na aula -deixamos cada cousiña no seu lugar-, no aseo -sen problemas para pedir
e ir sós ao baño, os problemas surxen ao voltar de novo... coidado!- e no patio
-o banco por momentos baleiro ou case baleiro... estupendo!-. Ah!... e xa que o
mandilón o poñemos e sacamos sen problemas, agora... toca darlle a volta ás
mangas do mandilón!... para moitos xa está chupado!...
Por outra banda, no referido á LÓXICA-MATEMÁTICA e ás habilidades de lecto-escritura, os logros resultan
especialmente significativos.
No primeiro caso, a partir das rutinas da aula: contamos
os días da semana, os nenos e as nenas que faltan de cada equipo e o total en cada
caso, os materiais necesarios no momento do traballo obrigatorio... asociando
cada vez máis e mellor grafía a cantidade de xeito case case natural.
No caso da LECTO-ESCRITURA atopámonos motivados no
descubrimento dos grafemas do abecedario a partir de palabras e textos
significativos da aula.
Así pois, nestes días, traballamos na felicitación que
presidiu a aula durante parte da semana. No encerado, escribimos palabras que
empezaban por unha ou outra letra, analizámolas, segmentámolas en sílabas, creamos
binomios fantásticos... este proceso culminou coa escrita dun pequeno texto na
nosa felicitación de Pascua.
Logo, quedou o máis doado, e enchemos a felicitación de
“ovos de chocolate” estampando o dedo en témpera de cor marrón... canto
rimos!...
E para o 3º trimestre reservamos o mellor do mellor da
lecto-escritura: a ficha de lectura que engadiremos á actividade do préstamo
semanal de biblioteca, o “Libro dos Nomes”, a actividade das letras animadas...
e un senfín de actividades das que vos daremos boa conta a través do noso
blogue para que non perdades detalle: moi atentas familias!...
Entre tanto, ao tempo que lembrabamos todo este 2º
trimestre, reservamos un tempo para a elaboración dun pitiño que, neste caso,
xa de verdade, levaría un ovo de chocolate.
Pintamos de cor amarela o óvalo creado para a ocasión:
sen saírnos do contorno e intentando non deixar oco nin raiajos... uf, era grande dabondo!
Picamos co punzón e coa táboa de picado e escribimos o
nome, con letras nin grandes nin pequenas, medianas.
Por último, neste caso xa o profe, pegoulle ao pitiño uns
ollos móbiles, un pico laranxa, unha crista vermella e unhas plumas. Ah!... e un ovo de chocolate!... o que
deu de si un ovo de chocolate!... o nunca endexamais visto!
Neste senso, aproveitamos a situación e recreamos en
cadanseu debuxo o momento no que os nosos padriños e madriñas nos agasallarán
cun ovo de chocolate -nalgúns casos xa o tiveron anticipado,... que
afortunados!-...
Logo de todas estas actividades de reflexión,
consolidación e avaliación, por fin, por fin chegou o xoves, día no que levamos
para a casa todos os traballiños elaborados durante o trimestre. Que contentos
iamos coa carpeta de NUBA!... familias, preparadas para a sesión de fichas?...
E para rematar o trimestre, que mellor xeito que
converténdonos en coelliños de Pascua con cadanseu ovo de chocolate... mmm, delicioso!
BOA PASCUA, FAMILIAS! |
Un saúdo e non esquezades que... o noso blogue se alimentará dos vosos
comentarios!
1 comentarios:
Pois si, o tempo pasa voandiiiisimo....!!!
Q diferencia de cando empezaron ata agora....Sabela R.G. e Gael entraban asustadiños e cunha cariña de querer chorar...e agora.... agora encantalles ir, contentos e sonrientes e non che quero contar todo o que aprenderon, letras, números, Rosalía de Castro, o espacio, un sinfín de temas dos que falan ó chegar a casa. Síntome moi agradecida e contenta!!
Os poliños de Pascua quedaronvos súper chulos!!!
P.D. Perdón por as faltas de ortografía....
Un saudiño.
Publicar un comentario