Durante o primeiro trimestre, a partir das fantásticas historias protagonizadas por NUBA e outros habitantes que nos mergullan na Dimensión NUBARIS, coñecimos a escola, o corpo, a casa e a familia.
Pois ben, neste segundo trimestre, ampliamos o noso mundo experiencial, achegándonos ao descubrimento do contorno cotiá (a rúa, as tendas...), valorando algúns dos seus elementos representativos ao tempo que adquirimos hábitos e normas de convivencia, de seguridade viaria...
Da man de NUBA e de LENA, paseamos pola Rúa Nubesol, establecendo algunhas semellanzas e diferenzas coa nosa rúa.
O coñecemento do contorno próximo, supuxo ademais, incidir especialmente nas modificacións que se producen no contorno físico e natural e na vida das persoas coa chegada do inverno, valorando a necesidade de abrigo durante esta estación do ano.
Así, e tras ollar as roupas dos percheiros, conversamos sobre a indumentaria propia que precisamos para protexer o noso corpo contra o frío: pezas máis grosas, uso de materiais máis cálidos, maior cantidade de roupa e accesorios específicos desta estación (bufandas, gorros, guantes, abrigos…); recoñecendo e asociando partes do corpo e pezas de vestir, diferenciándoas segundo o tempo e estación na que se utilizan en cada caso.
Sen lugar a dúbidas, quedounos clara a necesidade de abrigarse nesta estación para evitar arrefriados, gripes, dores de gorxa… adquirindo progresivamente hábitos e actitudes de benestar e de coidado da saúde.
Por outra banda, se algo temos máis que claro, clariiísimo, é que no inverno hai neve, moooita neve... E que podemos facer coa neve?... Uf!, un montón de cousas: bonecos de neve, bólas de neve coma Renato...
A partir desta situación, empregando distintos materiais e técnicas plásticas, creamos e recreamos cadanseu boneco de neve ao máis puro estilo OLAF de FROZEN!...
Pintamos con témpera e pincel moi amodiño, sen saírnos do círculo.
Logo pegamos gomets circulares de cor azul, vermella, verde e amarela.
Por último, debuxamos con rotulador de maiores, do que non se pode borrar e...
TaChÁnNn!... pegamos a nosa foto!... Bonito, bonito, quedou o noso corcho do corredor vestido de inverno.
E a nosa aula?... Pois tamén se visteu de inverno, proba irrefutable da parte activa que tomamos na decoración da zona de exposicións que preside a nosa clase... fabuloso!
Asemade, neste senso, resultou especialmente interesante, retomar algunha das actividades desenvoltas alá polo mes de outubro-novembro cando nos estabamos a adaptar ao ritmo da escola e da aula. Que diferentes se ven as árbores no INVERNO e no OUTONO... non credes?...
Xenial!, comezamos traballando o OUTONO, logo chegou o INVERNO, e agora... agora que toca?... Pois a PRIMAVERA, que segundo cálculos do Observatorio Astronómico Nacional (Instituto Xeográfico Nacional – Ministerio de Fomento), comeza hoxe venres 20 de marzo ás 23:45 h.
E que mellor maneira de darlle a benvida a esta nova estación que creando uns xirasois con cores, moitas moitísimas cores: pintamos, botamos pegamento, pegamos papeliños... axiña mudaremos o noso corcho do corredor!...
Un saúdo e non esquezades que... o noso blogue se alimentará dos vosos comentarios!
2 comentarios:
Os derradeiros contacontos do trimestre para este venres son:
- DANIELA: "Corre corre, cabaciña.”. (OQO editora)
- MICAELA: "Loboferoz". (OQO editora)
- XOEL: "Cocorico". (OQO editora)
Súper chulos os bonecos de neve!!! E os xirasois son do máis primaveral.....so falta un pouquiño de calor para entrar de cheo nesta estación tan bonita como é a primavera e poder quitar os abrigos.
Un saudiño.
Publicar un comentario