A partir desta semana, incorporamos unha nova rutina á
nosa parrilla de clase, a do préstamo de biblioteca, unha actividade cunha
periodicidade semanal que se convertirá nun indiscutible recurso didáctico para
o desenvolvemento lingüístico e para a consabida adquisición de técnicas
vinculadas co proceso de lecto-escritura.
Trátase dun préstamo semanal (de venres a venres) que
propiciará un sempre grato encontro co mundo dos contos e da lectura que creará
un clima que resulta tan grato e estimulador para a aprendizaxe.
Ademais, tamén servirá para que nos familiaricemos coa
dinámica da biblioteca -unha das
nosas asignaturas pendentes este curso-, para que nos ilusionemos cun ambiente
propicio á lectura no ámbito escolar e familiar e tamén para que nos contaxiemos
do entusiasmo dos libros como portadores dun mundo máxico e marabilloso.
Ao longo de cada semana, coa axuda das nosas familias traballaremos
o conto escollido co obxectivo de comprender a súa liña argumental, xa que cada
venres, nomearemos dous contacontos por rigurosa orde da casiña do panel de
rutinas, que “lerá” o conto ao resto de compañeiros e compañeiras a través da
intepretación das imaxes e ilustracións co compoñen.
A través da narración dos contos, aprenderemos a
escoitar, a pensar, a adquirir un
primeiro código moral, a ver as cousas cos ollos
da imaxinación, estimulando a creatividade, o pensamento diverxente e o sentido
crítico.
Entre as moitíiisimas
actividades que podemos levar a cabo a partir do conto están: as
actividades de comentar que axudan a asimilar o conto e a realizar unha
trasposión dos feitos ás experiencias vividas, actividades de xogo dramático,
representando os roles dos protagonistas do conto, tamén actividades de
creación de historias como a ensalada de fábulas ou o binomio fantástico
propostas por Gianni Rodari na súa obra
Gramática de la Fantasía
(1985).
Unha das actividades que levamos a cabo na clase a partir
dos contos son as actividades de ilustración, como debuxar o noso personaxe
favorito do relato ou a escena que máis nos gustou, obtendo como resultados uns
debuxos aos que nos lles falta detalle. Ollade a esta Carapuchiña Vermella con
lobo, cazador e bosque... rechiflante!
Moi entusiasmados coa actividade do préstamo, o venres
fomos á biblioteca non sen antes lembrar as normas que debemos seguir cada vez
que acudimos ao pabillón dos maiores: sempre ben agarradiños na fila,
soltámonos para subir e baixar as escaleiras que unen cada pabillón e, o máis
importante e que máis nos custa... boca pechada!
Xa na biblioteca, sentámonos nas sillas dos maiores -estas
si que son altas- e lembramos as normas, usos e funcións da biblioteca: para
que serve, que podemos atopar...
Logo, o profe foinos presentando un a un os contos que
levaremos de préstamo.
Así, temos contos como: Orejas de mariposa (Edit. Kalandraka), Corre corre cabaciña (Edit. OQO), Mateo (Edit. Kalandraka), Avós
(Edit. Kalandraka), Paco Papán
(Edit. OQO)... algúns deles xa os coñeciamos, e outros, descubrímolos durante
estes días nas asembleas matinais.
Logo, e tras lembrar que cada semana os contos deberán
vir en perfecto estado, -non se poden colorear, raiar, recortar, romper...-, comezamos
co proceso de selección, un proceso que suscitou polémica, pois case todos
queriamos os mesmos contos. O conto de Renato
(Edit. Kalandraka) e o conto de O monstro
de Ricardo (Edit. Kalandraka), foron, sen dúbida, os que máis seguidores
tiveron...
RENATO (Edit.Kalandraka) |
O MONSTRO DE RICARDO (Edit. Kalandraka) |
Nin moito menos esta situación supuxo problema algún, xa que
todos e todas tiñamos claro que os únicos que podían elexir conto serían os
dous contacontos de cada semana. Nesta ocasión Lois, escolleu o conto de Os sete cabritos (Edit.OQO) e Daniela
escolleu o conto de A que sabe a Lúa?
(Edit. Kalandraka)... estamos seguros que serán uns contacontos colosais!
O resto, participamos nunha dinámica sinxela. Unha vez
dispostos os contos nas mesas da biblioteca, tiñamos que movernos ao seu redor
ao son dunha cantinela e, unha vez que parabamos de cantar, tiñámonos que
sentar na cadeira que estaba ao noso carón e... tachán... conto escollido!
Comprobaredes que, aínda que o noso primeiro curso no
cole dos maiores está entrando na súa recta final, non deixamos de incorporar
novidades á nosa parrilla de clase; unhas novidades que coa axuda das nosas
familias convírtense en experiencias de ensinanza-aprendizaxe que non fan senón
contribuír ao noso desenvolvemento integral.
Un saúdo e non esquezades que... o noso blog se
alimentará dos vosos comentarios!
0 comentarios:
Publicar un comentario