Bienvenido

... PARABENS, SÚPER-MAIORES!

miércoles, 22 de junio de 2011

“Sabedes que os soños poden facerse realidade?... Atrévete a soñar!!!” Este foi o lema sobre o que xirou o acto celebrado onte á tarde na nosa clase.
Foi unha tarde especial, mooooooi especial, unha tarde de sentimentos encontrados: estabamos contentos porque para o próximo curso estaremos na planta dos maiores, pero tamén un pouquiño tristes, sabedores de que unha das etapas máis importantes nas nosas vidas, a Educación Infantil, remataba para sempre.
Onte á tarde vivimos a “Festa do Mandilón”, un acto simbólico que estivemos preparando con moitísima ilusión durante estes días.
Quixemos compartir con todas as familias asistentes, -que foron moitas-, a nosa derradeira asemblea. Tratouse dunha asemblea diferente, especial, xa que os profes foron Mauro e Paulo que, coa nosa axuda, foron explicando que era iso da “graduación”.
Xuntos fixemos unha flashback lembrando eses pequenos grandes-momentos que dalgún xeito marcaron a vida da nosa clase. Lembrades?...


A celebración dos magostos, unha festa que, curso tras curso, propiciou situacións divertidas que nos fixeron pasar momentos sensacionais.


Tamén o “Halloween”, convertidos en cabazas cando tiñamos 3 anos, en pantasmas con 4 anos e de esqueletes en 5 anos... terrorificamente divertidos!!!


Uf, e como esquecer o Nadal da nosa clase!... vivido dun xeito moi especial, compartimos soños e ilusións: as cartas e o e-mail das SS.MM. os Reis Magos, os agasallos, os ensaios de cada festival... Recordos inesquecibles que lembraremos sempre con especial cariño e que voltariamos a revivir unha e mil veces máis.


Finalmente chegaría o antroido, uns días cheos de fantasía nos que cada curso aproveitamos para convertirnos nos nosos personaxes favoritos. De piratas en 3 anos, de Pedro & Wilma Picapiedra cando tiñamos 4 anos e de pingüíns en 5 anos. Foron uns pasarrúas sensacionais e cada vez os disfrutamos máis...


E que me dicides das excursións e saídas realizadas durante estes 3 cursos?... Sen lugar a dúbidas, convertíronse en experiencias de ensinanza-aprendizaxe que, dado o cúmulo de experiencias vividas, estiveron patentes na aula, propiciando descubrimentos, xerando aprendizaxes e contribuindo á interacción entre iguais e aos procesos de socialización infantil.


Por todo isto e por mil millóns de cousas máis, hoxe temos que estar mooooooi contentos, coa seguridade de que en setembro, e xa sen mandilón, agárdannos novos retos que comezarán a formar parte dos nosos recordos.



PROMOCIÓN 2008 - 2011



E lembrade. Nunca deixedes de soñar. Os soños poden facerse realidade... Atrévete a soñar!!!




O BAÚL DOS RECORDOS...

viernes, 17 de junio de 2011

BUSCANDO NO BAÚL DOS RECORDOS, DECATÁMONOS QUE ESTES 3 CURSOS XUNTOS FORON... SÚPER-ESPECIAIS!!




BORJA: "Cando traballo requeteben o profe dime que me vai papar con salsa de tomate e dame a risa".

ADRIANA: "Eu quédome co Festival das Burbujas porque levaba os labios pintados e o público nos aplaudeu un montón".

SANDRA: "Sí!, teño gafas novas e o profe díxome que estaba guapísima".

JADE M.: "Cando vin para este cole porque aprendín moitas cousas".

ÁUREA: "Que ben o pasamos cos carritos de David Manuel e Rosana!".

MAURO: "Cando lles explico aos meus compañeiros cousas interesantes sobre Exipto, o planetario...".

IRIA: "Púxenme moi nerviosa cando os Reis Magos nos enviaron un e-mail".

PAULO: "Cuando soy encargado porque puedo escribir frases largas y números".

LAURA R.: "O mellor momento, os rincóns e xogo ás mamás na cocinita".

ALEJANDRO S.: "A min gústame o patio, o pasamos fenomenal".

PAULA: "O mellor foi empezar o cole porque fixen moitos amigos".

CARLA: "Cando bailei con Marta e Paula como as "Divinas"".

ZAIDA: "Paseino moi ben este antroido cando vin ao cole de Winx".

HUGO: "Divertinme cando aprendemos cousas de Exipto".

AARÓN: "Pásoo xenial cando baixo polo tobogán con Alejandro M.".

IZAN: "Encántame escribirlle mensaxes secretas ao profe porque me da abrazos".

ALEJANDRO P.: "Encántame xogar aos espías no patio".

ALEJANDRO O.: "Gústame moito facer fichas para ser maior".

CÉSAR: "Os contos de Disney do rei Baltasar... o mellor!!!".

CANDELA: "Cando fomos ao zoo de Vigo porque quero ser veterinaria".

MARTA: "Cando empezou o cole porque coñecín a Adriana".

IVÁN: "O mellor foi o festival dos gatos porque levaba o pelo de punta".

ALEJANDRO M.: "Este curso coñecín ao meu mellor amigo Aarón".

SAMUEL: "A obra de teatro "Patito", foi o mellor".

LAURA L.: "Cando lemos contos porque me gusta moito ler".


CON SABOR A DESPEDIDA...

viernes, 10 de junio de 2011

Uf, decatástesvos de que tan só quedan uns días para que o cole remate!!!...
Estamos tristes, excitados, emocionados... raros! e é que estamos en xuño, e percíbese na nosa aula certo sabor a despedida coa chegada das vacacións do verán, unhas vacacións máis que merecidas por todo o traballo e os logros obtidos ao longo do curso.
Nesta ocasión, a despedida será especial, xa que para o vindeiro curso estaremos, xa sen o mandilón, na planta dos maiores, un feito que se traduce para moitos de nós en incertidume e, sobre todo, en ilusión, mooooooita ilusión.
(tranquilo profe, que cumpriremos a nosa promesa)
Estas semanas son intensas no que a traballo e actividade se refire e entre todos e todas estamos pechando moitas das actividades que levamos a cabo ao longo do curso como a da “Mochila Viaxeira” na que as familias tivestes un papel esencial, esta semana tamén compilaremos o “Dossier de Lectura” elaborado a partir da actividade do préstamo bibliotecario...
Por todo isto, tivemos dous respiros que nos fixeron recargar as pilas para enfrontarnos con entusiasmo a todo o que levaremos a cabo durante estes días.

Así, o martes fomos visitar o “Museo do Mar” e a “Casa Museo de Manuel Antonio” que se atopan en Rianxo, e o xoves realizamos a excursión de final de ciclo á “Granxa Serantellos” en Cambados (Pontevedra).
No que respeta á saída por Rianxo, primeiro acudimos a visitar a “Casa Museo de Manuel Antonio” onde descubrimos algunhas curiosidades da súa vida como que foi mariñeiro, que escribía poemas dende o seu camarote, vimos o barco veleiro no que navegaba, a súa habitación e... baixamos en ascensor!... todo unha odisea para máis de un.


Asemade, nesta visita resultou interesante comprobar nas fotografías que se atopan na exposición como cambiou a nosa vila, ata tal punto que non nos resultou nada doado identificar lugares emblemáticos tales como a Rúa de Abaixo ou o parque da tirolina.
Por outra parte, e xa no “Museo do Mar”, situamos Rianxo nun mapa inmenso, tamén coñecimos o proceso de elaboración dun barco, -dende que se tala a árbore ata que se poñen as velas e o motor-, vivenciamos distintas artes de pesca coma o arrastre ou a técnica da rede mediante xogos que lograron distender a visita ao museo...


Aproveitando a saída, fixemos un roteiro polas rúas do noso pobo descubrindo a casa de ilustres escritores nados en Rianxo como Rafael Dieste, Manuel Antonio e A.D.R. Castelao. Unha mágoa que a choiva fixera a súa aparición unha vez máis e tivéramos que meternos na biblioteca, pero ollo, aquí non perdimos o tempo... co que nos gustan os contos!




Pero aínda quedaba o mellor, xa que moitos de nós dende que o profe nos comentara nunha asemblea que desta vez non iriamos nin ao zoo nin á “Casa dos Peixes”, senón que iriamos visitar unha granxa, raro foi o día no que non preguntamos canto faltaba para...
A nova fíxonos moita ilusión, xa que nos fascina todo o relacionado cos animais, e boa proba diso foi o traballo que levamos a cabo a partir das aportacións de distintos libros e contos relacionados coa vida da granxa. Ademais, dous compañeiros trouxeron cadansúa granxa para xogar no momento reservado en cada xornada ao xogo libre nos recantos.
A saída á “Granxa Serantellos” estivo ateigada de anécdotas curiosas e divertidas: houbo nervios na viaxe en bus antes de chegar á granxa, bágoas de medo na visita aos porcos, ilusión cando elaboramos o noso propio pan que despois levamos para as nosas casas, ledicia nos xogos do parque... e, sobre todo, diversión, moooooooita diversión na derradeira excursión que fariamos co noso profe.

Para o día seguinte, e xa no colexio, dado o cúmulo de experiencias vividas, adicámoslle parte da xornada á saída á granxa: comprobando as hipóteses formuladas os días previos, comentando o que máis/menos nos gustou... en definitiva, seguimos propiciando descubrimentos e xerando aprendizaxes.

Como que estades tristes?... Noooooon, eso está prohibido!!!
Si, faltan poucos días para que o cole remate, pero serán días únicos e inesquecibles. Sabedes que os soños poden facerse realidade?... Atrevédesvos a SOÑAR?...

Un saúdo e non esquezades que... o noso blog se alimentará dos vosos comentarios!

2011: ANO INTERNACIONAL DOS BOSQUES.

viernes, 3 de junio de 2011

A ONU declarou o 2011 “Ano Internacional dos Bosques”; por este motivo, desde o 2º trimestre, vimos realizando actividades relacionadas co medioambiente encamiñadas a coñecelo mellor e fomentar o seu coidado facendo un especial fincapé na importancia da reciclaxe.
É a segunda vez que se asigna aos bosques o seu propio “Ano Internacional”.
Esta celebración resulta útil para tomar maior conciencia de que os bosques son parte integrante do desenvolvemento sostible do planeta debido aos beneficios económicos, socioculturais e ambientais que proporcionan. Con este fin, promoverase a acción internacional a favor da ordenación sostible, a conservación e o desenvolvemento de todo tipo de bosques.
A FAO, estima que cada ano, máis de 130.000 km² de bosques pérdense debido á deforestación.
Deste xeito, co motivo do "Día Mundial do Ambiente" (5 de xuño), organizamos na aula de audiovisuais do cole unha exposición con todos os traballos que aportamos elaborados a partir de material de desfeito e refugallo sobre a temática do mar e o medio ambiente; e á que estades convidados a visitar o vindeiro luns 6 de xuño de 16:00h. a 18:00h… non podedes faltar!!!

Un saúdo e non esquezades que... o noso blog se alimentará dos vosos comentarios!

AILALELO, AILALALELOOO...

viernes, 27 de mayo de 2011

Aínda que cuns cantos días de retraso no que a calendario se refire, hoxe celebramos no cole o “Día das Letras Galegas”.
Así, e tras levar a cabo a asemblea matinal da man da nosa súper-encargada Laura L. e coñecer ao derradeiro habitante do “País das Letras” -o mariñeiro W-; moi entusiasmados acudimos ao hall do pavillón norte para desenvolver, xunto co resto de nenos e nenas do cole, o acto organizado polo “Equipo de Dinamización da Lingua Galega”.
Comezamos lembrando da man do alumnado de Educación Primaria a figura de Lois Pereiro, o autor homenaxeado este ano. Descubrimos algúns datos significativos da súa vida como que naceu en Monforte de Lemos (Lugo), que foi o fundador da revista Loia, que estudou varios idiomas e que se adicou á tradución, entre outras cousas.
Logo desta breve introdución, comezamos coa parte do acto máis amena, o momento no que cada clase por niveis cantou un texto folklórico de tradición popular galega que estivemos ensaiando ao longo de toda a semana.
Primeiro, os máis pequenos e pequenas do cole, os nenos e nenas de 3 anos cantaron: “Amoriños collín”,… estiveron sensacionais!
De seguido, os nenos e nenas de 4 anos e: “Ai Rianxo, Rianxo…”, siiiii…, xeniais!
Finalmente, os máis maiores de Educación Infantil que somos nós! Durante esta semana estivemos preparando un fragmento da canción: “Catro vellos mariñeiros” e quen máis e quen menos acompañounos e cantou connosco con palmas incluidas.
Bueno, e así, clase tras clase co momento da merenda e recreo incluídos.


Simultaneamente e para que o acto non resultase denso, concertouse a actuación do grupo de pandereteiras do centro entre as que se atopaban dúas das nosas compañeiras. Todos e todas quedamos coa boca aberta do ben que o fixeron Iria e Laura L., incluso o profe pediulles que tiñan que ensinarnos algunha das cancións interpretadas; pero bueno, deixáremolo para outra ocasión, porque xa na clase deulles un chisquiño de vergoña.

Finalmente, realizouse a entrega de premios do “Concurso de Contos” que se organizaou no cole para conmemorar o “Día do Libro”.
Este curso a temática debía estar vencellada co centro de interese do antroido: o mar, tomando como protagonistas aos personaxes que cada clase elaborou para o día da inauguración da biblioteca. No noso caso, como xa vos contamos, presentamos o conto cooperativo titulado: “Medo, Tiruleca ten... meeedo!!”.



Estabamos entusiasmados cando catro dos nosos compañeiros subiron ao escenario que se improvisou nas escaleiras do hall e recolleron un agasallo que non podía ser outra cousa que... un conto! que xa na clase o profe nos leu.


Ademais do acto a nivel de centro para conmemorar o “Día das Letras Galegas”, a semana pasada asistimos unha vez máis á biblioteca do cole, pero desta vez non se trataba dunha sesión de contacontos como vén sendo habitual este curso. Tratábase dunha exposición do traxe tradicional galego.
A través dun conto, descubrimos os nomes de cada parte do traxe rexional da nosa comunidade: o dengue, as polainas, o refaixo, a saia... tamén os traxes que empregaban noutras épocas a cotío en función da actividade que realizaban en cada momento do día: traxe de gala, traxe para as labores do campo, para a pesca e marisqueo...




Pero sen lugar a dúbidas, os instrumentos musicais foron o que máis nos chamaron a atención, xa que eran distintos, moooooi distintos...
Non se trataba unicamente da típica pandeireta, pandeiro e cunchas, xa que antes, en lugar de mercar os instrumentos de música enxeñábanas para crear os seus propios instrumentos a partir de obxectos e elementos da súa vida cotiá tales coma unha caixa de metal do pemento, golpear un sacho cunha pedra, rascar unha botella de cristal e ata unha tixola, si, si, creaban música ata cunha tixola... impresionante, non si?




A partir da vindeira semana comezaremos os nosos derradeiros días de mandilón. Serán días intensos, de mooooito traballo, días de sentimentos atopados: ledicia porque para o próximo curso estaremos na planta dos maiores e tristes porque sabemos que esta etapa educativa é... marabillosamente fantástica! pero sobre todo días de ilusión, moooita ilusión porque antes de que remate o curso agárdannos mil millóns de sorpresas máis, acompañádesnos?...
Un saúdo e non esquezades que... o noso blog se alimentará dos vosos comentarios!

CANTOS CONTOS CONTAS?...

viernes, 20 de mayo de 2011

Xenial! A sorpresa deste xoves foi xenial!... Como?, que aínda non sabedes quen nos veu visitar este xoves á aula?... Pois atentos…
O profe esta semana tiña un segredo, pero tratábase dun segredo especial xa que tiña a complicidade de Marta e de Adriana que, dende comezo de semana estaban enteradas da nova que mudaría o desenvolvemento da xornada do xoves.
Así, pola mañá, trala realización das rutinas de entrada e das tarefas da súper-encargada Zaida na asemblea matinal, levamos a cabo na aula a actividade do préstamo semanal de contos, xa que ademais de que a biblioteca durante estas dúas semanas estivo pechada, -outro días vos contamos porque-, a última hora teriamos a visita dun contacontos. Pero de quen se trataba?...
O certo é que tras formular distintas hipóteses que non acertaban coa persoa que se encargaría de lernos o conto, finalmente un dos nosos compañeiros, e tras ver as caras das cómplices do profe, axiña dixo: “pues claro, seguro que es el padre de Marta que viene como cuando teníamos 4 años a leernos un cuento”.
Siiiiiii
, que ilusión nos fixo esta nova! O pai de Marta, a partir do conto Paco Papán (Edit. OQO), preparou unha sesión de expresión rítmico-musical que resultou sensacional.
Este conto é de sobra coñecido por todos e todas nós, pero os elementos incorporados na narración converteron a sesión nalgo… colosal!
Lembrades que o curso pasado acompañou o conto de Los 3 cerditos dunha guitarra, non?... Pois desta vez, ademais da guitarra trouxo un novo instrumento musical.
Tratábase dun piano, un piano diferente que para que sone hai que poñelo suxeito ás costas e abrilo e pechalo dándolle a uns botóns e teclas ao tempo… ufff, complicadísimo! Era un acordeón, un instrumento que suscitou gran interese e curiosidade e pronto lle preguntamos para que servían todos eses botóns e teclas e como se facía para que soara.
O contacontos fíxoo requete-ben e boa proba disto foi a atención suscitada mentres contaba o conto; non perdimos detalle e a interacción e conexión foi absoluta.
Sen lugar a dúbidas, a guitarra e o acordeón converteron a sesión nun éxito rotundo, propiciando un ambiente de expectación que resultou tan estimulador para a escoita activa. Ademais, xuntos cantamos a canción do conto, ademais doutras coñecidas por todos e todas como a de “La Galiña Turuleca”, “Ondiñas veñen e van”…
Mil millóns de grazas, pasámolo en grande!!!... e senón, ollade estas fotografías e non perdades detalle das nosas caras…

Un saúdo e non esquezades que... o noso blog se alimentará dos vosos comentarios!

MEDO, TIRULECA TEN... MEEEDO!!

domingo, 15 de mayo de 2011

Ao longo destas semanas estivemos mergullados na elaboración do noso derradeiro conto cooperativo en Educación Infantil que realizamos co motivo da actividade conmemorativa do “Día do Libro” e o “Concurso de Contos” que, como cada curso, se organizaou no cole.


Lembrades o conto de “A festa da primavera” que coa vosa axuda elaboramos cando tiñamos 3 anos, non?...


E o conto titulado: “Miñoca e a máquina do tempo” no que a nosa estreliña amareliña marchaba de viaxe á Idade de Pedra?...


Pois este curso, a súper-protagonista do noso conto foi a Galiña Tiruleca... Efectivamente, a Galiña que alá polo mes de outubro decoramos a partir de distintos materiais e técnicas plásticas e que o mes de maio retomamos para celebrar a “Semana da Poesía”.


Sen lugar a dúbidas, esta actividade permitiu, dunha maneira amena, a consabida adquisición dun senfin de capacidades e habilidades propias da Educación Infantil, tales como progresar na evolución da nosa expresión plástica -ao debuxar e colorear as ilustracións de cada folla-, a lecto-escritura -no momento no que escribiamos en letra minúscula enlazada o texto do relato-, a nosa competencia en comunicación lingüística -cando liamos o conto para seguir co seu argumento-... ademais, resultou grato comprobar, como quen máis e quen menos durante estes 3 cursos foi gañando confianza e seguridade nas súas propias capacidades, como cada vez nos gusta máis realizar un traballo coidado e esteticamente organizado.
Como dato anecdótico, destacar como para moitos de nós, o feito de participar na elaboración do conto convertíase nun “premio” cada vez que o profe nos plantexaba un reto competencial e o superabamos con éxito, algo que contribúe a que cada día nos esixamos un pouquiño máis a nós mesmos e que tantas veces se nos esquece, verdade?...
Nesta ocasión, se cabe a actividade do conto cooperativo tivo un peso especialmente significativo, xa que durante este mes estamos traballando, a partir das actividades organizadas dentro do proxecto de investigación que estamos levando a cabo; a fantasía.
A lectura de contos na nosa aula suscita a participación nun amplo abano de actividades que nos permiten interiorizar o relato e clarificar o sucedido no inicio, nó e desenlace, tamén actividades de expresión plástica debuxando o noso personaxe favorito ou aquela secuencia que máis nos impactou, formulamos hipóteses para desenvolver a creatividade e imaxinación... e un senfin de actividades que contribúen ao noso desenvolvemento integral, convertindo as secuencias de aprendizaxe do noso proxecto “Esculpindo emocións!”, nun achegamento ao traballo das 8 competencias básicas establecidas pola UNESCO.
Velaí vai o conto cooperativo deste curso, velaí vai... “Medo, Tiruleca ten... meeedo!!”... Desexamos que vos guste!


“Na granxa de Pepe e Perla vivía a Galiña Tiruleca.
Tiruleca non era unha galiña máis, xa que era a única galiña que poñía ovos de chocolate.
Unha mañá cando Tiruleca ía poñerse a cantar, deuse conta que non lle saia o seu quiquiriquí. Que lle pasaba?...
O pony Lluvia e a vaca Marita explicáronlle que non podía cantar porque pola noite non durmira nada. Tiruleca non pegara ollo porque tiña medo que Catapún a levase para a súa granxa e non volvese ver aos seus amiguiños da granxa.
O pony Lluvia que era moi presumida, deixoulle o seu osiño favorito para que non tivese medo a Catapún.
A vaca Marita regaloulle un quitamedos con luces, pero Tiruleca seguía tendo medo e non podía durmir.
Entre todos atoparon a solución: o búho Rodolfo que vivía preto da granxa encargaríase de vixiar durante a noite.
Rodolfo contoulle a Tiruleca que Catapún non lle quería facer ningún mal, e que o único que quería era que Tiruleca coñecera ao galo Kiko que estaba namorado dela.
Aliviada, Tiruleca foi á granxa na que vivía o galo Kiko e cando o veu apareceron mil millóns de corazóns... Tiruleca estaba namorada!
E todos moi contentos comeron os ovos de chocolate de Tiruleca: estaban deliciooooosos!”
Un saúdo e non esquezades que... o noso blog se alimentará dos vosos comentarios!