Esta semana, ao tempo que rematabamos o libro de actividades nº3 de MUNELA,
reservamos un tempo para descubrir, identificar e valorar algúns dos elementos
e cambios producidos no contorno e na vida das persoas coa chegada do inverno.
Así, como vén sendo habitual, atopamos nas asembleas matinais a mellor das
lanzadeiras posibles de ideas previas, evidenciando os nosos coñecementos
previos e necesidades de aprendizaxe cara a nova estación.
Neste senso, ollamos as roupas de abrigo dos percheiros, conversamos sobre
a indumentaria propia que precisamos para protexer o noso corpo contra o frío: pezas
máis grosas, uso de materiais máis cálidos, maior cantidade de roupa e accesorios
específicos desta estación (bufandas, gorros, guantes, abrigos…) recoñecendo e
asociando partes do corpo e pezas de vestir.
Evidentemente, todos estes coñecementos levámolos á práctica cada vez que
chega o momento do patio abrigándonos para atravesar as pistas que separan a
nosa aula do ximnasio pois, como podedes imaxinar, o tempo de recreo ao aire
libre, polo momento este trimestre, estase resistindo... canto corremos dun
lado ao outro!... que divertido!...
Asemade, e para deixar testemuña deste centro de interese, vestimos de
inverno a MUNELA, BERTA E PABLO, recreando accións propias da estación: bonecos
de neve, esquís, folerpas, gorros, bufandas e luvas... excelente!
Siii,
exacto!... se algo temos claro-clarísimo, é que no inverno hai neve, moooita neve… e que podemos facer coa
neve?... Uf!, un montón de cousas:
bonecos de neve, bólas de neve, patinar, esquiar…
Por outra banda, destacamos que coa chegada do inverno tamén aparecen nas
nosas casas novos obxectos que nos axudan a paliar os rigores desta estación
tales como as estufas, as mantas, as calefaccións...
Indubidablemente, quedounos clara a necesidade de abrigarse para evitar
arrefriados, gripes, dores de gorxa… adquirindo hábitos e actitudes
relacionadas co benestar e co coidado da saúde; evitando a visita ao médico.
Neste senso, as alusións a Frozen resultaron,
unha vez máis, inmediatas, un feito que
provocou o visionado de fragmentos do filme. Cando Anna lle pide a Elsa o
boneco de neve... segue parecéndonos fascinante!
Agora xa, a vindeira semana, reatoparémonos cun dos nosos contos
preferidos: Negros y Blancos (Edit.
Anaya) cuxa historia serviranos para conmemorar o Día Escolar da Non Violencia e da Paz o mércores 30 de xaneiro.
Un saúdo e
non esquezades que... o noso blogue se alimentará dos vosos comentarios!
0 comentarios:
Publicar un comentario