Bienvenido

FOLERPAS DE NEVE...

viernes, 25 de enero de 2019


Esta semana, ao tempo que rematabamos o libro de actividades nº3 de MUNELA, reservamos un tempo para descubrir, identificar e valorar algúns dos elementos e cambios producidos no contorno e na vida das persoas coa chegada do inverno.
Así, como vén sendo habitual, atopamos nas asembleas matinais a mellor das lanzadeiras posibles de ideas previas, evidenciando os nosos coñecementos previos e necesidades de aprendizaxe cara a nova estación.
Neste senso, ollamos as roupas de abrigo dos percheiros, conversamos sobre a indumentaria propia que precisamos para protexer o noso corpo contra o frío: pezas máis grosas, uso de materiais máis cálidos, maior cantidade de roupa e accesorios específicos desta estación (bufandas, gorros, guantes, abrigos…) recoñecendo e asociando partes do corpo e pezas de vestir.



Evidentemente, todos estes coñecementos levámolos á práctica cada vez que chega o momento do patio abrigándonos para atravesar as pistas que separan a nosa aula do ximnasio pois, como podedes imaxinar, o tempo de recreo ao aire libre, polo momento este trimestre, estase resistindo... canto corremos dun lado ao outro!... que divertido!...


Asemade, e para deixar testemuña deste centro de interese, vestimos de inverno a MUNELA, BERTA E PABLO, recreando accións propias da estación: bonecos de neve, esquís, folerpas, gorros, bufandas e luvas... excelente!


Siii, exacto!... se algo temos claro-clarísimo, é que no inverno hai neve, moooita neve… e que podemos facer coa neve?... Uf!, un montón de cousas: bonecos de neve, bólas de neve, patinar, esquiar…


Por outra banda, destacamos que coa chegada do inverno tamén aparecen nas nosas casas novos obxectos que nos axudan a paliar os rigores desta estación tales como as estufas, as mantas, as calefaccións...
Indubidablemente, quedounos clara a necesidade de abrigarse para evitar arrefriados, gripes, dores de gorxa… adquirindo hábitos e actitudes relacionadas co benestar e co coidado da saúde; evitando a visita ao médico.
Neste senso, as alusións a Frozen resultaron, unha vez máis,  inmediatas, un feito que provocou o visionado de fragmentos do filme. Cando Anna lle pide a Elsa o boneco de neve... segue parecéndonos fascinante!


Agora xa, a vindeira semana, reatoparémonos cun dos nosos contos preferidos: Negros y Blancos (Edit. Anaya) cuxa historia serviranos para conmemorar o Día Escolar da Non Violencia e da Paz o mércores 30 de xaneiro.



Un saúdo e non esquezades que... o noso blogue se alimentará dos vosos comentarios!

0 comentarios: