Nuns días nos que en
Lugo se respira xa olor a polbo e a cachelos, a nosa aula comeza a vestirse de
festa e as conversas arredor da inminente celebración do San Froilán 2018
supuxeron distintas experiencias que non
pasamos por alto.
Así pois, desenvoltas
as rutinas e tarefas cotiás propias do súper-encargado, as asembleas
matinais de principio de curso están a resultar un chisquiño máis longas que de
costume, pois ademais de servirnos para establecer e consensuar parte das
normas que rexerán a vida da aula ao longo do curso, cadaquén, de xeito cada
vez máis natural e espontáneo aproveita para contar interesantes anécdotas
propias.
Neste senso, a
celebración do San Froilán trouxo consigo diferentes faladoiros onde o eixo
vertebrador foron fundamentalmente as barracas.
Nas conversas
dirixidas deste curso faremos especial fincapé nas regras que rexen os
intercambios lingüísticos: erguer a man para falar, ser pacientes e agardar a
quenda en silencio, respectar e escoitar cando un compañeiro ou compañeira
fala, non acaparar sistematicamente as conversas... Tendo máis o menos claras
estas e outras normas básicas de diálogo fixemos diferentes achegas sobre como
vivimos o San Froilán...
Como podedes
imaxinar, San Froilán na nosa aula son barracas, atraccións e lambonadas...,
este curso nótase que xa non somos os pequerrechos do cole e o “tren de la
bruja” centrou parte das conversas, expectantes por montar nesta atracción no
que a pesar do nome, PABLO A. e VALERIA deixaron claro que non hai ningunha
bruxa, senón un pallaso que, vasoira en man, ameniza a viaxe... soa xenial!
Tamén falamos das
colchonetas, dos karts, do tren, do scalextric..., e por suposto
das atracción dos máis maiores, que se ben temos claro que non podemos montar,
chámannos a atención un montón...
Neste senso, e como
actividade final que servirá como testemuña desta e outras experiencias
significativas que viviremos durante o curso, deixamos voar a nosa imaxinación
e creatividade recreando o noso San Froilán particular: soles, nubes, corazóns,
árbores, esquemas corporais aos que cada vez lles faltan menos detalles...,
mesmo hai quen se atreveu a debuxar un polbo... parabéns!
Por último, para
rematar estas e outras actividades que serven de preludio á troula que
presidirá a nosa cidade nos vindeiros días, que mellor que decorar o corcho do
corredor cos polbos que pintaramos días atrás... bonito, bonito quedou o
corredor vestido de festa... siii, o San Froilán 2018 está aquí!
Agora xa, toca gozar
da festa e aproveitar para coller folgos renovados, axiña comezaremos os
cadernos de actividade de MUNELA, mentres, seguimos consolidando, ampliando e
reforzando conceptos e normas na realización da actividade individual... case
case preparados!
Un saúdo con sabor
a polbo sanfroilanceiro e non esquezades que... o noso blogue se alimentará
dos vosos comentarios!
0 comentarios:
Publicar un comentario