Mergullados nas
rutinas que rexerán a vida da aula durante este curso, esta semana farémosvos
partícipes das nosas primeiras actividades impresas de 4 anos como preludio ao
traballo máis sistematizado que levaremos a cabo nos caderniños de MUNELA que
comezaremos proximamente.
En primeiro
lugar, establecemos e tentamos consensuar as normas de obrigado cumprimento
durante o momento de traballo obrigatorio. Este curso ao ser un dos grupos dos
nenos e nenas de 4 anos debemos concienciarnos de que non todo vale e que, na
medida do posible, tentaremos dar o mellor de cada un no tempo de traballo
individual en mesa.
Neste senso, e parece
ser que cada vez máis concienciados de que non todo vale, de que hai que
traballar amodo, procurando non saírnos do contorno, sen deixar ocos nin “rayajos”...
os nosos traballos resultan cada vez máis elaborados; mudando moi
progresivamente esa tolería por rematar axiña por unha actitude relaxada e
libre de tensións cando nas primeiras horas desenvolvemos en silenzo o traballo
obrigatorio... marabilloso!...
Con todo e agora,
sabemos que no tempo de traballo en mesa debemos estar moi atentos na
explicación de cada actividade para saber que facer. Este curso, a
interpretación libre está prohibida,... moito ollo!... Para iso, cómpre poñer
todo da nosa parte para facelo o mellor posible, e así, cando levemos os
materiais para a casa, as nosas familias se poñan contentas.
Tamén nestes días
descubrimos un accesorio que nos facía ilusión estrear... os estoxos de dous
compartimentos!... Claramente dispuxemos que se gardaría en cada compartimento -lápis
e cores-, ao tempo que lembrabamos o seu uso correcto e ubicación na mesa...
isto si é de maiores!
Indubidablemente están
resultando uns días intensos para comprobar todo o que lembramos do
curso anterior e tamén todo o que esquecemos, neste senso, as tarefas do súper-encargado poñen a proba a cotío as nosas aprendizaxes... xenial!
Porén, case case comezamos dende o
principio coas letras do abecedario, co trazo dalgúns números seguindo a
direccionalidade correcta, coloreamos, debuxamos formas cada vez máis
distinguibles: soles, nubes, casas, flores, árbores... mesmo hai quen se
atreveu a debuxar a súa casa!
Todo isto, foi o
resultado dun traballo sistemático previo no que tachamos,
rodeamos, unimos, escribimos... con lápis e/ou rotulador para que o trazo resulte máis
preciso... como se colle a cera para colorear ao xeito, sen présas para non
saírnos do contorno... non todo vale!...
Por último, e
aproveitando como alicerce motivacional as festas de San Froilán que comezan a
vindeira semana, coloreamos un polbo que en gran grupo acordamos podería ser de
cor lila-violeta, rosa e mesmo de cor vermella... Os resultados cada vez máis
de súper-maiores axiña decorarán o
corcho do corredor para non esquecer que... o San Froilán 2018 está aquí!
Un saúdo
e non esquezades que... o noso blogue se alimentará dos vosos comentarios!
0 comentarios:
Publicar un comentario