Como xa
vos contaramos a principio de curso, unha das rutinas que leva a cabo o súper-encargado na asemblea é a
constatación do tempo atmosférico, asignando a PIPO, o coelliño espacial, o seu
pictograma correspondente. Polo momento contamos co pictograma do sol, do sol
con nubes, das nubes negras/grises e da choiva, valorando cada vez con máis
forza a necesidade de recrear o pictograma da néboa, tan presente na nosa
cidade.
Así pois,
ao longo de practicamente todas estas semanas, estupefactos constatamos como o
pictograma da choiva converteuse nun elemento presente no panel do tempo
atmosférico. Houbo semanas nas que o pictograma da choiva foi... un pleno
total!
Este feito,
convértese na proba irrefutable da estación na que nos atopamos: o inverno,
onde as baixas temperaturas, a choiva e os días máis curtos presentan
modificacións na nosa vida cotiá fóra e dentro da escola: traemos paraugas, vestimos katiuskas...
Neste senso, a saída
ao patio exterior é unha misión imposible, cambiando este polo tempo libre e de
lecer que pasamos no ximnasio, non é o mesmo, pero tampouco está de todo mal...
A partir
destes feitos continuados, iniciámonos na formulación das nosas primeiras
hipóteses sobre as calidades e propiedades da auga: cor, sabor, estados... Se
algo nos quedou claro é que a auga é transparente, e como a cor transparente
non existe, pintarémola de cor azul clara ou escura... perfecto!
Nin por
un momento dubidamos en representar unha pinga de choiva a partir dun dos troquelados de MUNA, prestando
atención ás medidas de uso responsable da auga no desenvolvemento dos hábitos
cotiás: hixiene das partes do corpo, cepillado de dentes, fregado da louza...
Por outra
banda, aproveitando este cúmulo de circunstancias e sabedores das posibilidades
que nos ofrece a literatura infantil, traballamos un dos contos da editorial
Galaxia titulado: “Mola que chova”.
“Que chova e chova e non deixe de chover!”... A partir
deste conto, descubrimos que nos días de choiva tamén é posible pasalo ben.
Abonda con ter os ollos moi abertos para descubrir que tamén pode molar que
chova.
O gato
Rufo, aprende da man de Sabela, a súa dona, as múltiples oportunidades que lle
ofrecen os días de choiva: marcar récords de salto na lama, imaxinar aos donos
de todos os paraugas que levou o vento, e ata organizar carreiras de
caracois... case nada!
Para rematar,
e para deste xeito equilibrar actividade e descanso, coñecemos, memorizamos e mimamos
unha nova canción titulada: “Arco Iris” coa que se cabe aínda máis, gozamos das
inclemencias meteorolóxicas do inverno, ao tempo que identificamos as cores en
elementos da realidade: vermella, verde, branca...
Todo xa
case listo, entramos no sprint final
deste 2º trimestre que aproveitaremos para rematar o derradeiro caderniño de
MUNA no que poremos a proba as aprendizaxes adquiridas no que vai de curso...
preparados!
Un saúdo
e non esquezades que... o noso blog se alimentará dos vosos comentarios!
1 comentarios:
De novo agradecer os teus esforzos por facernos partícipes da apredizaxe dos cativos.
Agora tamen entendo a ansia por saltar nos charcos.
Publicar un comentario