Ao longo destes días seguimos mergullados no traballo de elementos
vencellados coa Educación para a Paz. E que mellor xeito que seguir traballando
este concepto que coa lectura dun dos nosos contos preferidos: Negros e Brancos (Edit. Xerais)... fantástico!
Esta historia, conta que hai moito tempo, todos os
elefantes do mundo eran de cor negra ou branca, e odiábanse entre si. A guerra
non tardou en comezar, e durante moito tempo non se volveu a ver a ningún
elefante sobre a Terra. Ata que un día, aqueles elefantes que desexaban a Paz e
que se agocharon no máis profundo da selva saíron do seu escondite.
Este conto, xa o traballaramos o curso pasado,
converténdose nun dos máis solicitados na actividade do préstamo: quen non
levou este conto?... Pois ben, desta vez, realizamos uns fantásticos debuxos
nos que plasmamos aquela secuencia que máis nos gusta e/ou chama a atención...
canta creatividade!
Esta historia serviunos como alicerce de reflexión para as asembleas matinais, as cales, unha vez máis se convertiron nun recurso excepcional para chegar ao centro deste concepto que tantas veces escoitamos: a PAZ.
Día a día, os nosos faladoiros foron máis ricos e froitíferos:
torbeliños de ideas previa, relacionamos o concepto de Paz con accións como: “non pegar”, “recoller”, “facer ben a
ficha”... chegando moi acertadamente á conclusión de que a Paz é algo máis
que a ausencia de guerra.
Asemade, participamos nunha das actividades propostas a
nivel de centro, decorando o noso corredor cunhas bolboretas con mensaxes de Paz.
“Conta unha lenda que os
indios americanos pensaban que as bolboretas eran quen de levar os nosos
mellores desexos aos deuses. Atrapar unha bolboreta, susurrarlle un desexo e...
liberala, aseguráballes que este sería cumprido. Dende entón... as bolboretas
foron símbolos de ledicia, esperanza, beleza, boas novas e... PAZ”
No noso caso, recurrimos a unha fermosa mensaxe de Teresa
de Calcuta; feito que nos permitiu un primeiro achegamento á figura deste
personaxe tan próximo ás necesidades e demandas dos nenos e nenas do mundo.
“A PAZ COMEZA CO SORRISO DUN NENO”
que escribimos en
letra maiúscula, engadindo as nosas fotografías adoptando posturas combinadas
co corpo, papeis de cores, purpurina, estrelas, corazóns... non quedou material
sen empregar!Xa o venres, logo do momento do patio, coa coroa da Paz elaborada para tal efecto, acudimos ao porche do pavillón dos maiores onde o Equipo de Actividades Complementarias e Extraescolares tiña organizado un acto a nivel de centro no que cada clase amosou a súa mensaxe de Paz.
Os representantes da nosa clase foron: YAIZA e GAEL, a parella que máis alto falaba na asemblea e a parella que nos deu a súa palabra de honra de que non lles daría vergoña falar polo micrófono diante do resto de nenos e nenas do cole... escoitouse perfecto!
Para pechar toda esta secuencia de actividades, fixemos
unha reinterpretación dunha obra de arte na que escribimos unha vez máis a
palabra “PAZ” partindo dunha situación real de contextualizada, para recortar e
pegar nun folio fluorescente... a pomba da paz estes días non podía faltar!
E a vindeira semana?... O cole encherase de antroidadas diversas grazas ao Toribiño que, por si non o sabiades, xa fixo a súa aparición nos corredores de ambos pavillóns... o Antroido está aquí!
0 comentarios:
Publicar un comentario