Sen lugar a dúbidas, os fundamentos matemáticos están máis que presentes
nas nosas vidas dende ideades temperás, especialmente si temos en conta un aula
como a nosa na que a lóxica e as matemáticas impregnan gran parte das
actividades que realizamos cada día.
Ademais, esta semana comezamos a... “pensar coas mans”?...
Si, como o ledes!... Este luns, cos estuches máis bonitos do mundo e con
máis ceras que nunca, comezamos un caderniño de actividades cuxo obxectivo é
desenvolver contidos matemáticos empregando uns materiais estruturados como
elemento motivador: os bloques lóxicos de Dienes.
Os bloques lóxicos son 48 pezas pintadas das cores primarias (amarela,
azul, vermella): triángulos, cadrados, círculos e rectángulos de diferentes
tamaños (grandes e pequenas) e de diferentes espesores (grosas e delgadas).
Neste senso, a partir das rutinas da nosa aula, desenvolvemos actividades
cunha gran dose de matemáticas e, ao enfrontalas, implicitamente utilizamos
estes coñecementos, poñémolos en xogo e mellorámolos.
Nas RUTINAS DA ASEMBLEA: a través
da resposta a preguntas tales como: cantos faltan?, cantos somos en total?,
cantos días fixo sol?..., iniciámonos no uso convencional dos números como
estratexia de conteo, de formación de conxuntos e de rexistro de feitos.
Tamén na escritura da DATA diaria:
traballamos o anterior e posterior entre números, formación de conxuntos e
identificación de numerais.
Nas ACTIVIDADES DE
PSICOMOTRICIDADE: coñecemos as
posibilidades e limitacións do corpo e do contorno próximo, realizando unha
estruturación da noción de espazo e de diversos conceptos xeométricos.
Logo do patio, as actividades de relaxación coa “Hora de Ler” e a SESIÓN DE CONTACONTOS: traballamos a
sucesión de acontecementos, utilización de cuantificadores para describir
características de personaxes, lugares, situacións...
Asemade, entre os rincóns que organizan o espazo da aula contamos co RINCÓN DE LÓXICA-MATEMÁTICA: un espazo
que nos permite desenvolver habilidades propias do pensamento matemático, a
través do traballo construtivo con distintos recursos didácticos como as
regretas, figuras de volume, texturas e formas... e agora tamén os puzzles de
maiores!
Esta semana, co inicio dos caderniños de lóxica-matemática, disfrutamos,
-uns máis que outros-, cos puzzles
que engadimos ao devandito rincón: de Mickey & Minnie, princesas Disney, de
superheroes... e dende os máis doados -20 pezas- ata os máis complicados de 100
pezas.
Xogamos aprendendo e aprendemos xogando, iniciándonos no desenvolvemento
da competencia matemática establecida
pola UNESCO, ao tempo que desenvolvemos a intelixencia
lóxico-matemática de Howard Gardner... que interesantes as matemáticas!
Por outra banda, esta semana, reincorporamos a rutina do préstamo
semanal de biblioteca disfrutando, alomenos durante un par de semanas, da
colección de Iago e Uxía (Edit. Edelvives). Así, o vindeiro venres SABELA R.G.
deleitaranos con Iago ten un pesadelo.
Xa logo, comezaremos coa Colección da Serie Azul (Edit. Vicens Vives)
realizando os nosos primeiros exercicios de prelectura silábica... fantástico!
E para abrir boca, adiantámosvos que o colexio encherase de centos de
bolboretas. Non se trata do inicio anticipado da primavera, senón da
reinterpretación dunha fermosa lenda de PAZ que moi pronto vos contaremos.
Ah!... e non pensedes
que 4 anos esqueceuse do antroido!... Este curso seremos un cole de conto, e o
Ciclo de Educación Infantil iremos de personaxes de contos infantís: 3 anos de
Carapuchiña Vermella e o Lobo Feroz, 5 anos de Peter Pan e Campanilla... e 4
anos?... aínda barallando distintas posibilidades... que complicado! Nesta
semana recibiredes a informacion oportuna... por suposto, sempre ideais!
Un saúdo e non esquezades que... o noso blogue se alimentará dos vosos
comentarios!
0 comentarios:
Publicar un comentario