Hoxe venres, puxemos o colofón
final a uns días de intenso traballo que nos serviron para achegarnos
progresivamente aos cambios que trae consigo a estación do outono.
Así pois, se nos mergullabamos na celebración do Halloween-Samaín da man da pantasma Enrique e da pantasma Hu, nesta ocasión, as castañas CATARINA e CATUXA, seviron de alicerces para achegarnos á observación, descubrimento e identificación dalgúns dos cambios e características que se producen no contorno e na vida das persoas coa chegada do outono.
Deste xeito, ao longo destes
días, nas asembleas matinais fomos presentando as creacións artísticas
elaboradas coa axuda das nosas familias a partir de elementos característicos
do outono. Bolboretas con follas e castañas, ourizos e mouchos con piñas, mini-bosques
de outono… e, mesmo varias cestas con froitos típicos... parecían da mesma
Carapuchiña Vermella!...
Esta actividade posibilitou coñecer
e identificar de primeira man algúns froitos do outono; dende os máis
representativos como as castañas, as noces ou as abelás, ata outros menos coñecidos,
como as granadas ou os caquis.
Sen dúbida, quedou un “museo do
outono” espectacular ao que acudimos a visitar coas nosas familias na xornada
de portas abertas que se organizou o xoves pola tarde... canta xente había!
Asemade, e traballando, como non podía ser doutro xeito, como elemento representativo do outono as follas das árbores, con pincel e témpera pintamos cadansúa folla do outono de cor marrón, amarela, vermella e laranxa... e é que claro, as follas do outono non son todas marrón!...
Ilusionados e expectantes no
momento no que decoramos o noso corcho do corredor no que puxemos xa a unha
NUBA vestida co seu chuvasqueiro e coas botas de auga, insistindo na necesidade
de abrigo nesta época.
Por outra banda, e no que á
celebración do magosto se refire, o desenvolvemento das actividades modificouse
debido ás inclemencias meteorolóxicas do tempo... unha mágoa! Independientemente
deste feito, para nós resultou un día de festa e un magosto divertidísimo no
que, ataviados coa coroa na que os días previos pintamos á castaña CATARINA, participamos
nos 3 xogos cuxo eixo motivador foi o outono.
En primeiro lugar, participamos
no xogo da “culler-castaña”, amodiño para que a castaña non caese ao chan...
que complicado!
Xa logo, na aula de psicomotricidade clasificamos en cadansúa bandeira os froitos característicos de España, Canadá e Xapón, situación que propiciou o traballo transversal da proposta surxida polo “Equipo de Biblioteca”.
E para rematar... encestamos castañas no xogo por excelencia de cada magosto... o “tragacastañas”!...
Mentres participabamos nos 3
xogos organizados, un cheiro a castaña asada lembrábanos que as castañas
estaban casi listas e preparadas para comer: luuumeee, no cole había luuumeee!!!
Estupefactos comprobamos como os profes asaban as castañas... resultou algo incrible!
Xa de volta á clase, degustamos as castañas nos cestiños da castaña CATUXA. E... uf!, senón resultase tan complicado sacarlles a cáscara ás castañas, de seguro non deixariamos ningunha!... mmm, deliciosas!...
Un saúdo e non esquezades que... o noso blogue se alimentará dos vosos comentarios!
2 comentarios:
Os pasillos da escola estabanche ben bonitos.
A miña pequeñaja veu chea de razón co vaso das castañas e coa corona de Catarina, o máis simpático e que pideume castañas todo o fin de semana. Viva o magosto!!
Que variedade de actividades se poden facer o redor do tema das castañas!!!!
E impresionante ver como se divirten, o tempo que aprenden, con estes xogos.
Adiante. Seguide así
Publicar un comentario