“Moli observa atentamente o seu mapa para decidir onde viaxará. Pecha os
ollos e deixa caer o seu dedo sobre o papel...”
Deste xeito, da man de MOLI, comezamos
o noso periplo polos lugares máis dispares do mundo. Para comezar, descubrimos
dúas illas grandes e varias illas pequenas con moitas montañas e lagos: chegamos
nada máis e nada menos que a Nova Celandia!
Así pois, e servíndonos como
elemento de motivación do conto: A
familia de Tumu, achegámonos á cultura maorí, descubrindo e identificando
algunhas das súas características, elementos e formas de vida cotiá.
Do mesmo xeito, mergullámonos no traballo de contidos vencellados ao
contorno inmediato: a familia, discriminando e respectando diferentes tipos de
familias diferentes á propia, e a casa, recoñecendo e valorando dependencias e
obxectos presentes.
Sabiades que algunhas montañas
de NOVA CELANDIA teñen neve todo o
ano?...
Nova Celandia está rodeada de
mar e lonxe, moooi lonxe doutras
rexións. Por iso algunhas especies de animais e plantas soamente existen alí: o
kowhai, o Golfiño Héctor, o kiwi ou os tuataras son unha mostra da flora e
fauna máis representativa deste lugar.
Neste senso, destacar o POHUTUKAWA, a árbore máis grande do
país. Esta árbore está en perigo de extinción e, por esta razón, é unha especie
protexida.
O pobo que
habita en Nova Celandia chámase MAORÍ,
que significa “normal” en lingua maorí.
Os maorís chegaron a Nova
Celandia en CANOAS desde outras
illas e saúdanse xuntando a fronte e o nariz.
O seu lugar de reunión era a MARAE, espazo no que celebran
cerimonias e desenvolven diversas actividades culturais.
O TAANIKO -roupa tradicional maorí-
tecido unicamente coas mans ou a arte da tatuaxe corporal, son unha
mostra das súas producións artísticas.
O KAPA HAKA é unha danza tradicional maorí que bailan cando queren
dar a benvida. É un signo de hospitalidade.
Recén aterrados de Nova
Celandia, esta mesma semana partimos cara o Polo Norte... que frío!
Ben abrigados, de paseo con
MOLI por terras xeadas, descubriremos que para que o noso corpo funcione
necesitamos ademais de alimentarnos axeitadamente, establecer certos hábitos de
coidado corporal referidos á actividade física, á elección de roupa adecuada
segundo a climatoloxía, á necesidade de abrigarse...etc
Coas mans case conxeladas,
identificaremos as partes ou elementos característicos dun boneco de neve, a
vivenda típica dos esquimós, pasearemos en zorra con MOLI e NAVUK, degustaremos
unha sopa quentiña... ao tempo que as nosas casas e rúas prepáranse para
celebrar o Nadal... preparados?...
Un saúdo e non esquezades que... o noso blogue se alimentará dos vosos
comentarios!
0 comentarios:
Publicar un comentario