O xoves, realizamos a tan ansiada excursión de fin de curso á “Casa dos Peixes” e á “Casa do Home - Domus” en A Coruña, unha
saída didáctica que resultou do máis froitífera para os nosos procesos de
ensinanza-aprendizaxe.
En primeiro lugar, en canto á “Casa
dos Peixes”, comentar que a pesar de que moitos xa foramos de visita coas
nosas familias; é un destes espazos que non te cansas de visitar, descubrindo
cousas novas cada vez que vas. Neste senso, pouco ou nada ten que ver realizar
esta visita coas nosas familias que cos nosos amiguiños e amiguiñas, pois os
descubrimentos e aprendizaxes son, se cabe, maiores.
A saída cumpreu as expectativas que levabamos marcadas, e xa nos días
previos, nas asembleas matinais, cadaquén apuntou os seus coñecementos previos sobre
o tema, coa fin de explotar didacticamente a actividade o máximo posible;
incluso, debuxamos elementos do fondo mariño na unidade didáctica desenvolta
hai xa varias semanas cuxo eixo motivador eran os medios de transporte.
Como podedes imaxinar, todos e todas tiñamos unha finalidade-ilusión común
que era ver de cerca os tabeiróns, unha expectativa que marcaría a visita polo
acuario, amosándonos ás veces impacientes, por non ver por nigún lado, aos que
consideramos, os animais máis temidos do fondo do mar.
Ao longo da visita portámonos moi, pero que moi bien, máis ou menos
atendimos ás explicacións da nosa monitora, facéndolle preguntas
contextualizadas e de maneira ordeada.
Sen lugar a dúbidas, a actitude de escoita activa que mantivemos case en
todo momento, é o indicador máis claro do interese e curiosidade que suscitou
esta saída didáctica para todos nós, resultou ser un tema ben interesante do
que nunca cansamos de escoitar e aprender cousas novas.
Ao final da visita, todavía quedaba o que todos e todas agardabamos, xa que
tras coñecer algunhas curiosidades acerca dos tabeiróns, e máis concretamente de
Gastón, o tabeirón máis grande do acuario... por fin os puidemos ver, alí...
tan cerca!
No despacho do capitán Nemo, no mesmísimo submariño Nautilus, destacar reaccións
para todos os gustos: algúns acercámonos o máis que puidemos ao cristal para “acariciar” aos tabeiróns cando pasaban
ao noso carón, outros, máis reticentes, ficaron nun segundo plano, ata que
pouco a pouco tamén se foron animando a “interaccionar”
cos tabeiróns... foi alucinante!
Por outra banda, finalizada a visita polas dependencias da “Casa dos Peixes”, dirixímonos de novo
ao autobús; desta vez o destino estaba máis preto: a “Casa do Home - Domus”.
Aquí, a visita non estivo guiada, así que, de forma máis ou menos
ordeada, antes de dispoñernos a comer na zona de picnic habilitada nas
instalacións deste museo, experimentamos cos materiais e actividades de cada espazo:
deixamos marcadas as xemas dos nosos dedos en diferentes cores nunha tablet enorme, limos a mente do compañeiro para adiviñar cal era o debuxo que
escollera en cada caso, mirámonos en diferentes espellos, comprobamos a
potencia dos nosos goles, encestamos nuns bisontes prehistóricos, comprobamos como
se movía o bebé na barriga da súa nai... sairá futbolista seguro!... Esta
visita, continuámola tras o tempo adicado á comida, foi na segunda visita cando
tivemos o museo só para nós... que afortunados!
Tras este cúmulo de intensas emocións, fomos comer e liberar tensións: corrimos,
saltamos, xogamos... foi divertidísimo!
Para o día seguinte, xa no colexio, dado o cúmulo de experiencias vividas,
adicámoslle, como non podía ser doutro xeito, unha conversa inicial nunha
asemblea improvisada á saída a Coruña: comprobando as hipóteses formuladas os
días previos, comentando o que máis nos gustou...
E por que dicimos que foi unha asemblea improvisada?... Pois porque os
bombeiros e a policía local viñeron con todos os vehículos habidos e por haber
para explicarnos como desenvolven o seu traballo cada día... isto é un non
parar!
Non estivo mal, pero... e a festa da escuma?... Este curso quedamos sen
refrescar a vaga de calor que asolagaba a explanada das pistas de E.Primaria...
que mágoa!
Estamos tristes, excitados, emocionados... raros! nun abrir e pechar de
ollos chegamos á derradeira semana de curso, e con ela a derradeira semana de
mandilón. Así pois, o vindeiro luns, ás 17:00h. estades todas as familias de 5
anos convidadas ao acto organizado pola profe Silvia e polo profe para despedir
o mandilón... será unha despedida por todo o alto... contamos con vós!
Un saúdo e
non esquezades que... o noso blog se alimentará dos vosos comentarios!
2 comentarios:
Esta semana coa incorporación da lectura e escrita en letra enlazada en pauta do grafema /W/ terminamos a cartilla de lectura de "O País das Letras".
Estes días aproveitaremos para traballar a lectura e escrita en pauta dos grafemas /J/ e /Y/ que non parecen na cartilla ao non existir en lingua galega.
Grazas pola vosa colaboración durante todo o curso coas lecturas semanais da cartilla de lectura.
graciñas pola tarde de onte.... sodes os mellores
Publicar un comentario