Que rápido pasa o tempo!... Máis súper-maiores que nunca, xa non queda nada ou case nada daquelas bágoas
durante os días que durou o período de adaptación, dos garabatos descontrolados
que enchían as mesas de mil e unha cor, da timidez inicial que posteriormente
deu paso á complicidade, dos nenos e nenas que precisaban do profe para ir ao
aseo, para axudarlles a sonar os mocos e que levaban os mandilóns abrochados de
forma desigual... o do mandilón si que nos custou... uf!
Pois ben, agora xa, chegados ao derradeiro curso de
Educación Infantil, o paso do tempo faise, se cabe, aínda máis evidente, e aos
pequerrechos e pequerrechas do profe... comezaron a caérselles os seus
primeiros dentes!... Unha situación que propiciou nas asembleas matinais
conversas diversas sobre o tema dos dentes e, moi especialmente, sobre a figura
do Ratoncito Pérez.
O Ratoncito Pérez, é e será un dos personaxes máis
populares na vida dos nenos e nenas de todos os tempos. Recollendo cada noite
os dentes de leite caídos e cambiándollos por agasallos.
Pero... sabedes como o Ratoncito Pérez comezou esta
extraña e divertida costume?... Pois a través da lectura do conto titulado: El Ratoncito Pérez (Edit. Susaeta) descubrímolo, concedéndolle, a este
personaxe un toque máis máxico.
El Ratoncito Pérez (Edit. Susaeta) |
Así pois, son
varios os compañeiros e compañeiras que recibiron a visita do Ratoncito Pérez
e, como non podía ser doutro xeito, aproveitaron este gran acontecemento para
facer partícipes ao resto do grupo-clase desta fantástica experiencia. Mesmo o noso UNAI,
tras cada día abanear unha e outra vez o dente que se lle movía, finalmente, conseguiu
unha nova visita do Ratoncito Pérez...
Como pode un ratoncito tan pequeno con todos os agasallos?... E como entra nas casas?... Como é capaz de deixar os agasallos debaixo da almofada ou da nosa cama sen que espertemos?...
A estas, e a outras moitas cuestións, intentamos dar
resposta durante esta semana, realizando, a partir da lectura do devandito
conto, un par de actividades impresas que nos serviron para comprender o seu relato
argumental xeral, ao tempo que avanzamos na lecto-escritura en letra enlazada
minúscula e na expresión plástica.
Nunha das actividades impresas plasmamos o momento no
que o Ratoncito Pérez, acompañado de todos os seus amiguiños atopa o dente
debaixo da almofada de Blas, un neno ao que se lle caera un
dente.
Na outra, decidimos plasmar o momento no que o Ratoncito Pérez, para celebralo,
organiza unha gran festa á que
acudiron todos os seus amiguiños
e con batidos de amorodo, biscoito e flan de vainilla, bailaron á luz dunha Lúa
moi presumida cos beizos pintados de cor vermella e zapatos de tacón fúcsia.
Desde o momento no que o Ratoncito Pérez atopou o
dente na casa de Blas, volveu a deslizarse polo pasamáns e facer cantas locuras
se lle pasen pola cabeza, porque cada vez que precisa un dente, o Ratoncito
Pérez acude á casa dun neno ao que ese día se lle caera a cambio dun precioso
agasallo.
Ah!... E que mellor
maneira de ver o paso do tempo que celebrando o primeiro aniversario do curso.
Agora, cada anfitrión, terá un privilexio extra, escoller a súa canción
favorita para bailar ao son da súa melodía co resto dos nenos e nenas do
grupo-clase. Nesta ocasión tocoulle a unha espléndida ANDREA, -toda unha súper-maior-,...
Parabéns ANDREA!... e que cumpras moooitos máis!!!...
Un
saúdo e non esquezades que... o noso blog se alimentará dos vosos comentarios!
2 comentarios:
Este venres fará de contacontos:
- SERGIO: "¡Juguemos a volar!". (Edit. ANAYA)
Esta semana incorporamos a lectura e escrita en letra enlazada en pauta do grafema /S/.
COMO PASA O TEMPO... XA SEIS ANOS
QUE SE NOS ESCAPAN !!!!!!
Publicar un comentario