
Pois claro que si, acaso pensabades que as Súas Maxestades, os Reis
Magos de Oriente, ian esquecerse de 5 anos B?...
Xa vos contaramos que a última semana antes das vacacións de Nadal
prepararamos candansúa carta para entregarlles aos Reis Magos. Unhas cartas nas
que había xoguetes de todo tipo e para todos os gustos.
Asemade, nas asembleas matinais que precederon as vacacións de Nadal, entre
todos e todas decidiramos que lles podíamos pedir aos Reis Magos para a escola.
Uf!, isto non
resultou tan doado como as cartas persoais, e custounos un chisquiño poñernos
dacordo, e que claro, como é lóxico e normal, cada un velaba polos seus
intereses, e se uns querian todo o de Peppa Pig, outros preferían máis pezas de
construción, coches novos para o scalextric, e mesmo unha Tablet... case nada!
Finalmente, e tras ollar e reollar unha e outra vez os catálogos que
durante eses días presidían o rincón da biblioteca, decidimos de maneira máis
ou menos consensuada 2 agasallos, e que o terceiro fose unha sorpresa.

Así pois, e cos deberes feitos, este xoves comezamos o cole cunha mirada pícara cara o rincón da cocinita tan pronto entrar na aula, espazo onde os Reis Magos adoitan deixarnos os agasallos... e velaí había 3 paquetes! Como podedes imaxinar, as hipóteses resultaron innecesarias: os Reis Magos estiveran na nosa aula!
Nesta ocasión, os Reis Magos non deixaron anotado quen trouxera cada
agasallo, cada paquete, e o profe contounos que ao entrar á aula, a fiestra do
carón da súa mesa, a que tiña o Papá Noel pegado no cristal, aparecera aberta,
pero... como puideron abrir a fiestra?... Claro, son Reis e Magos.
Coma o curso pasado, o profe dividiunos en 3 grupos
para que todos e todas tivesemos a oportunidade de abrir un agasallo, e ao
sinal de: “preparados, listos, xa!”,
un tras un fomos resolvendo cada incógnita, en primeiro lugar o paquete máis
grande -oooh, o gato cósmico súper-sónico
en acción... estupendo!-.
Xa logo decidimos abrir o paquete mediano -siii, unha nova adquisición para o rincón
da cocinita... menuda pocholada!...-.
E por último, o paquete máis pequeno envolto en papel
de cor azul con motivos das Monster High, este tratábase en certo modo do
agasallo máis predecible -desta vez os
Reis Magos atenderon algunhas das suxerencias do profe... we love Peppa Pig!-.
Despois destes momentos cargados de toneladas concentradas de
inxenuidade, e coma se dunha mañá máis se tratase, iniciamos todos os rituais
que, día a día levamos a cabo: rutinas de entrada, elección da súper-encargada -nesta ocasión tocoulle a MENCÍA que, a
pesar das vacacións de Nadal, non esquecera o seu turno no panel da asemblea-,
actividades de lóxica-matemática e lecto-escritura -agora con textos escritos unicamente en letra minúscula, que
súper-maiores somos!-...
Evidentemente, despois de tanto tempo sen vernos na escola, tiñamos mil millóns de
cousas que contar, pero claro, como podedes imaxinar, a conversa centrouse casi
única e exclusivamente nos agasallos que nos trouxeron Papá Noel e as Súas
Maxestades os Reis Magos de Oriente que plasmamos nuns debuxos cargados de soños feitos realidade...
E para rematar esta curta, pero intensa semana no que a emocións se refire, que mellor maneira que facelo disfrutando cos nosos amiguiños e amiguiñas do noso xoguete de Nadal favorito... canta ultra-modernidade concentrada por metro cadrado!

Agora, toca voltar de novo á calma e seguir portándose ben e traballando como nós sabemos.
Así pois, neste 2º trimestre que comezamos, centrarémonos en coñecer da man
de ARIS a Idade Media e os indios norteamericanos, cuxa vida e costumes estaban
moi ligadas a un profundo respecto pola natureza... acompañádesnos?...
Un saúdo e non esquezades que... os Reis Magos existen!, existen no
corazón de cada un dos que cren neles!!!
2 comentarios:
Este venres fará de contacontos:
- XIANA X.: "Teño un irmán máis novo". (Edit. Miniland)
Canta ilusión !!!!!
Eu quero volver a ser pequena
Publicar un comentario