Bienvenido

LEvírtete!...

viernes, 29 de noviembre de 2013

Por primeira vez, e tal e como nos prometera o profe, dentro da actividade do préstamo semanal que levamos a cabo dende que tiñamos 3 anos, incorporamos por fin contos escritos en letra enlazada... pero, non vos preocupedes, para os máis inseguros, como primeira toma de contacto no ámbito familiar con estes textos escritos, as historias tamén se presentan escritas en letra maiúscula.
Para comezar esta nova andaina no proceso de lectura, levaremos emprestados os exemplares da Colección Leo e Releo da Editorial Miniland, así como as Coleccións da Editorial Anaya “Nico y sus juguetes” e “Tina y su pandilla”.
A vindeira semana estréase LUIS MIGUEL con estas novas coleccións, o conto escollido foi Ramona e Renato (Edit. Miniland)... seguro que será un contacontos estupendo!


Sen lugar a dúbidas, os avances dende principio de curso no ámbito da lecto-escritura son máis que evidentes na maioría dos casos. En xeral, estamos motivados, interesados, ilusionados... con iso da letra nova, da letra pequena, da letra minúscula; en boa parte grazas ás historias de “O País das Letras”.
O traballo sistemático desenvolto coa proposta e experiencia didáctica deste método de traballo permítenos semanalmente aprender fácil e alegremente, fomentando diariamente o interesse, a atención e a sorpresa.
Como xa vos contaramos, a vida dos personaxes do País das Letras desenvólvese no seu tranquilo país, onde se localiza unha pequena cidade na que poden gozar das delicias do campo: montañas, bosques, ríos, flores, herba, paxaros e bolboretas.
As dificultades neste idílico país póñenas os xigantes, veciños amigos noutros tempos, pero inimigos irritados agora. O mago Catapún procura amolar sempre ás descoidadas letras. Deste xeito poderemos explicar determinadas dificultades lectoras: porque non fala o H, porque o G ten dous sons... Asemade, a situación do País dos Xigantes, á esquerda, xustifica que as letras camiñen sempre cara á dereita.
Do mesmo xeito, estas historias, preséntanse como unha canle para o traballo globalizado de valores, actitudes e normas.
Así, polo momento, co SEÑOR ESTUDOSO, traballamos as ganas de aprender e o desexo de descubrir cousas novas.


Co REI U e coa RAÍÑA A, traballamos o coidado e respecto polos animais, as plantas e o medio natural, aceptando a responsabilidade das autoridades ante os problemas.











Coa PRINCESIÑA I a importancia de comer equilibradamente para medrar sans e fortes superando sentimentos negativos de tristura.


Coa PRINCESA O a responsabilidade e preocupación ante condutas inadecuadas e co PRÍNCIPE E a xenerosidade, a curiosidade e o... despiste!











Por outra banda, ao ser os súper-maiores de mandilón, esta rutina diversifícase se cabe aínda máis, pois non unicamente comezamos a levar contos escritos en letra enlazada, senón que ademais, -pese a que a máis dun non lle fixo graza ningunha-, tamén cambiamos as fichas de lectura... estas si son de súper-maiores!


Esta semana, nalgunha das asembleas matinais, comezamos a buscar, os datos que se solicitan na ficha e, motivados e con ganas, moooitas ganas, nos enfrontamos a esta tarefa: título do conto, autor/a -que ven sendo a persoa que escribiu o conto-, número de páxinas -nalgúns casos xa non será necesario contar as follas do conto, algúns xa están paxinados-, protagonista -sería a persoa, animal ou cousa á que lle sucede a historia do conto-, e editorial -o que aparece na portada de cada conto nun dos extremos-. Por suposto, todos estes datos irán acompañados cun dos nosos debuxos sobre a historia... isto non pode faltar!
Relatos sinxelos, textos breves que incorporan palabras novas, que coidan a corrección e a beleza da linguaxe e que presentan historias curiosas e divertidas coas que educar a sensibilidade artística, o sentido do humor e axudarnos a descubrir o pracer da lectura. Agora tan só queda disfrutar... LEvírtete!
Un saúdo e non esquezades que... o noso blog se alimentará dos vosos comentarios!

Á CALOR DO LUME.

viernes, 22 de noviembre de 2013


Uf!, xa de regreso ao presente, esta semana contarémosvos todo o que aprendimos na primeira viaxe con ARIS á época das cavernas e dos cavernícolas.
Durante estas semanas, a través do conto motivador da unidade “A familia da cova”, traballamos a Prehistoria; unha época na que tiñan unha forma de vida moi diferente á actual que nos permitiu discriminar algúns tipos de vivenda ao longo da historia: tipis, cabanas e castelos -de sobra coñecidos por nós- e os iglús nos que viven ademais dos pingüíns os esquimós. Esta situación de aprendizaxe, permitiu suscitar o interesse por coñecer a historia como medio para comprender o presente.
Coñecedores das repercusións na estimulación do cerebro, da aprendizaxe e da memoria dos “Bits de Intelixencia”, de novo convertíronse nun recurso didáctico excepcional que propiciaron un primeiro achegamento á época da Prehistoria.


A Prehistoria ocorreu hai moito, moito tempo. Tanto, que non existía a escritura.
A través de diferentes actividades impresas, recoñecimos e diferenciamos algunha característica representativa do Paleolítico e do Neolítico.
Así, do PALEOLÍTICO descubrimos que os primeiros seres humanos vivían en covas e en pequenos grupos, que cazaban con lanzas e pedras, pescaban e recollían plantas e froitas para alimentarse e que o lume daba luz e calor para quencer e cociñar, por iso sempre o tiñan acendido.
Dos animais aproveitaban case todo: a carne para comer, as peles para facer vestidos, os ósos para fabricar utensilios...
Os homes da prehistoria non vivían sempre nun mesmo sitio. Movíanse onde había comida. Eran nómades.


Máis adiante, no NEOLÍTICO, cultivaron plantas e domesticaron animais salvaxes. As primeiras casas eran de madeira, adobe e palla e fabricaban recipientes de barro para conservar e cociñar a comida.
Estes primeiros seres humanos, facían roupa tecendo a lá dos animais, domesticaron cabras, ovellas, porcos e vacas e cultivaban trigo e cebada.


Posteriormente, xa na IDADE DOS METAIS, o ser humano aprendeu a fabricar instrumentos con metais como o cobre, o bronce e o ferro que traballaban fundindo e dando forma. Nesta Idade, conseguiron ferramentas e armas máis resistentes, inventando a roda, a vela e os espellos que eran de bronce ou prata.
Todos os coñecementos adquiridos a través da proposta de traballo desenvolta durante estas semanas, quedaron plasmados en variadas actividades impresas nas que non podían faltar os debuxos libres e sen modelo sobre a Prehistoria. Uns debuxos nos que os mamuts e bisontes ocupan un lugar indispensable... canta imaxinación!









Ademais do mamut e dos bisontes, outro feito que sen lugar a dúbidas non pasou en absoluto desapercibido para nós foron as construcións da prehistoria. Chamábanse construcións megalíticas e estaban feitas de grandes pedras que, ao non existir daquela os guindastres de hoxe en día, precisaban da forza de varios homes que tiraban dunhas cordas... que enxeñosos eran!
Agora xa, e sen apenas coller folgos, esta semana emprendimos unha nova viaxe con ARIS ao Antigo Exipto, onde acompañados por un pequeno faraón caprichoso estamos aprendendo como era a vida, costumes e alimentación nesa época. Así que seguide moi atentos ao nosso blogue que axiña se encherá de pirámides, escaravellos, momias e faraóns...
Un saúdo e non esquezades que... o noso blog se alimentará dos vosos comentarios!

CON BOTAS E CHUVASQUEIRO!...

viernes, 15 de noviembre de 2013

A medida que avanzan as datas no calendario escolar, sucédense as diferentes celebracións propias de cada época do ano. Esta semana, tocoulle á festa das castañas, ao magosto, cuxa celebración tivo lugar hoxe nas instalacións do noso cole.
Sen lugar a dúbidas, o magosto, foi o colofón excepcional para unha semana na que tratamos de definir e concretar máis que nunca as características, elementos e modificacións que se producen no contorno físico e natural e na vida das persoas coa chegada do outono.
Deste xeito, nas asembleas matinais, incorporamos como unha das rutinas da aula a observación, manipulación e experimentación de froitos típicos do outono que as nosas familias aportaron para a exposición organizada no cole.
Nestas cestas había distintos froitos desta época do ano; dende os máis representativos como as castañas ou as noces, ata outros menos habituais que moitos de nos apenas coñecíamos.
Desta vez tivémolo difícil, xa que DANIELA e LEO nos trouxeron uns froitos ben raros que ata pasados uns días non fomos quen de saber de que froito se trataba en cada caso: unha pera, un pomelo ou un coco?... Pois ningún destes, tratábase dun saboroso... mango!


Pois si que andiveron atarefadas as familias do cole, pois ademais de aportar as cestas cos froitos do outono para a exposición e as castañas picadas para o magosto, tamén tiveron que despregar a súa imaxinación para elaborar unha manualidade cuxa materia prima debían ser elementos naturais do outono: froitos, follas secas, paus, pedras... e unha vez máis, sen palabras!, canto artista sen descubrir hai en Rianxo e menudo grao de implicación... parabéns!
Foi tal a resposta ante esta actividade plástica por parte das familias que, os órganos de coordinación docente que organizaron as actividades plantexadas, decidiron organizar unha xornada de portas abertas para o vindeiro luns en horario de 16:00h. a 18:00h.,... non podedes faltar!
Por outra banda, entre as diversas e variadas actividades impresas cuxo elemento motivador era o outono: decoramos un ourizo, completamos o corpo dunha nena debuxándolle a roupa apropiada para esta época do ano (chuvasqueiro, pantalóns... e algúns ata lle debuxamos luvas), recortamos con máis ou menos destreza froitos do outono que posteriormente pegamos nunha cesta, decoramos paisaxes con elementos representativos do outono...









Asemade, tamén fixemos debuxos varios do outono, uns debuxos que neste curso empregamos para moito máis que para decorar a nosa clase, pois servíronnos para crear o deseño da viseira e o cesto para as castañas do magosto.


Ah!... por si non vos decatarades aínda, en todas estas actividades, desapareceu a letra maiúscula, deixando paso aos primeiros trazos en letra minúscula enlazada... que interesados estamos!
Hoxe, no magosto, pasámolo fenomenal participando nos xogos populares organizados no recinto do centro coma o “Remuda da castaña”, “Recolle as castañas”, “Carreira de sacos”, “Pasea a castaña”, “Castaña ao ourizo” e o “Tragacastañas”.


Mentres disfrutabamos cos xogos preparados, as castañas axiña estiveron listas e preparadas para comer, aínda que ben é certo que non son os nosos froitos de outono preferidos...


E para rematar este día, logo de repoñer forzas coas castañas e coa merenda, que mellor que bailar ao ritmo do “Just Dance”; coreografías imposibles ao ritmo da música máis actual.
Bueeeno, pero que súper-maiores somos xa: facemos as filas para os xogos agardando cada vez con máis paciencia a nosa quenda, entramos sós ao pavillón dos maiores para ir ao baño, bailamos ao ritmo da música dos maiores sem deixar tempo para as pelexas... estupendo!


E agora que?... Pois axiña comezarán os días máis estupendos e marabillosos para calquera neno e nena: o Nadal; a época do ano na que ata os máis maiores volven a ser nenos. Ademais, prometémosvos que o Nadal deste curso quedará no recordo de todos e todas... será algo estupentástico, sorprenderémosvos!...
Un saúdo e non esquezades que... o noso blog se alimentará dos vosos comentarios!

MOCHILA VIAXEIRA.

viernes, 8 de noviembre de 2013

A semana pasada, a pesar de andar macro-liados coa celebración do Halloween-Samaín sacamos un chisquiño de tempo para incorporar na nosa parrilla de clase unha rutina de sobra coñecida por todos e todas… a “Mochila Viaxeira” xa está aquí un curso máis!
A actividade da “Mochila Viaxeira”, está pensada para que, dende a biblioteca escolar, se leve a cabo unha actividade que vos implique ás familias nunha dinámica coa que se pretende unha colaboración na formación de novos lectores.


Do mesmo xeito que os cursos pasados, nesta rutina as nosas familias contan cun papel moi importante ao servirnos de guías no correcto uso dos materiais e na aportación persoal ao “Caderno de Viaxe”.
Trátase dunha actividade totalmente voluntaria que este curso introduce como principal novidade a periodicidade quincenal no canto de semanal. Así, durante eses quince días no que a “Mochila Viaxeira” esté na nosa casa, podremos visualizar, manipular, interpretar, ler... os materiais que nela se atopan; ademáis, cada familia deberá consensuar unha temática determinada para que sexamos nós os encargados de plasmala no “Caderno de Viaxe”.
No “Caderno Viaxeiro”, non teremos límite de follas, e as temáticas das actividades que se poden abordar son múltiples, servíndonos de base para a asemblea matinal de cada martes... imaxinación ao poder!
Para que esta proposta de traballo se convirta nunha realidade froitífera no noso proceso de ensinanza-aprendizaxe, resulta indispensable que sexamos nós os encargados de plasmar a temática no “Caderno de Viaxe”. Para isso, debedes facernos partícipes e converternos nos verdadeiros protagonistas da actividade, do contrario a proposta de traballo carece de sentido.
Xa o martes pasado, na asemblea matinal, o profe ensinounos os materiais que se atopan na “Mochila Viaxeira” e descubrimos moi ilusionados que non eran os mesmos que os do curso pasado... que guai!
Os materiais que levaremos na “Mochila Viaxeira” deste curso serán:
  • Croco. OQO Editora.
  • Colección Mini Larousse. Edit. Larousse.
  • Pregunta á Dra. Peteiro. Sobre os bichiños. Baía Edicións.
  • Os Bolechas Coidamos a Escola. Edit. A Nosa Terra.
  • DVD Planeta Hoobs. Cielo y Cosmos. Edit. Planeta.
  • En el Colegio. At School. Edit. Everest.
  • Volve a Cociña de Larpeiros. Edit. Galaxia.
  • Revista Muy Interesante Junior, nº 60.
Así que xa sabedes: ese conto que tanto nos gusta, ese libro de poemas que contén palabras fermosas, esas imaxes que tanto nos abraian, eses DVD´s que fan bailar ás pedras, unha película de debuxos animados, un libro que aborda aspectos relacionados cos temas que andamos a traballar… viaxarán connosco ata as nosas casas.
FROILÁN xa leva unha semana disfrutando da “Mochila Viaxeira”... e o resto, estades preparados?...

E a vindeira semana?... Que mellor xeito que comezala observando, recoñecendo e identificando algunhas das modificacións que se produciron xa no contorno físico e natural e na vida das persoas coa chegada do outono?...
Para ir abrindo boca, na barra da marxe esquerda do noso blogue atoparedes un enlace á recompilación de materiais e recursos para traballar o outono e o magosto achegada pola Secretaría Xeral de Política Lingüística... está xenial!


Un saúdo cos brazos abertos como as páxinas dun libro e non esquezades que... o noso blog se alimentará dos vosos comentarios!

ABRACADABRA!

viernes, 1 de noviembre de 2013

Durante estes días, o noso cole encheuse de cabazas, pantasmas, bruxas, e morcegos para celebrar o Halloween-Samaín, unha data que dado o cúmulo de experiencias vividas queda moi presente na aula durante o resto do curso.
Así pois, ao longo destes días, levamos a cabo diversas actividades en torno a esta festa de orixe celta.
Comezamos introducindo o tema do Halloween-Samaín cun torbeliño de ideas no encerado no que cada un aportou alomenos unha palabra vencellada con esta data: BRUXA, ESQUELETE, PÓCIMA, FRANKESTEIN, MEDO... todos uns expertos!


Posteriormente, e aproveitando o torbeliño de ideas da asemblea matinal, decidimos escribir as palabras surxidas en folios de cor azul coa fin de empregalas como elemento decorativo para a porta da nosa clase que, como non podía ser doutro xeito, vestiuse para a ocasión.
Este curso, ao ser os súper-maiores de mandilón, tiñamos que dar exemplo no noso corredor e recreamos con rotuladores e ceras plásticas o noso personaxe de terror favorito. Cada un deu renda solta á súa imaxinación: Dráculas e Frankensteins varios, tamén homes lobo e homes cabaza, esqueletes e bruxas, morcegos...


O resultado?... Unha porta espeluznantemente terrorífica!!!...


Ademais de todo isto, dispuxéronse á nosa altura nas paredes dos corredores, papel continuo de cor negra que axiña se comezaron a encher de elementos representativos desta data que fomos recreando unha vez rematado o traballo obrigatorio marcado para ese día. Esta tarefa continuarémola a vindeira semana...
Asemade, e do mesmo xeito que cada curso, traballamos os contos clave desta data de El Cumpleaños de Enrique (Edit. Edelvives), Sonidos de Miedo (Edit. SM) e Unha pantasma con asma (Edit. Kalandraka); engadindo a historia de Hu, el fantasma, grazas a Carmen, a profe de P.E.L.O.
Destas e doutras historias de medo, moooito medo como o de A bruxa regañadentes (Edit. OQO), xurdiron uns debuxos incriblemente fantasmagóricos... uuuuuuuhhh!!!


Por se todo isto fose pouco, unha vez máis dende o centro pediuse a colaboración das nosas familias para a elaboración das cabazas, e dende o luns o desfile de cabazas foi un non parar: bruxas, vampiros, princesas, ata unha cabaza das Monster High… mil millóns de grazas, familias!
Este curso, ao igual que o pasado, decidiuse expoñer as cabazas nas fiestras do cole, para no serán en horario de 18:00h. a 20:00h., acender as candeas que levaban dentro e deste xeito que o cole parecese que estaba encantado. Para iso, a mañá do martes, saimos ao aparcadoiro da parte dianteira e dispuxemos as nosas cabazas ao longo das nosas fiestras… quedaron xeniais!



Xa o mércores, celebramos a nivel de centro o Halloween-Samaín, portámonos mellor que nunca, traballamos como auténticos súper-maiores nas fichas preparadas para a ocasión... e ata nos quedou a todos e a todas un chisquiño de tempo para xogar antes de degustar a deliciosa merenda.
Unha merenda diferente da habitual con forma de pastasmas, cabazas, arañas... e todo aquilo que vos poidades imaxinar elaborado de delicioso chocolate... Non deixades de sorprendernos, familias!
Despois do recreo, puxemos o disfraz de pantasma que os días previos confeccionamos coa axuda do profe, e moi moi nerviosos, agardamos a que os maiores, vestidos de seres monstruosos, nos visitaran como cada curso.

TRUCO OU TRATO?...
Aiii!... Neste intre armouse boa!... xa que por máis que o profe nos concienciara durante a semana de que non había que ter medo, que eran os maiores de Educación Primaria con carautas semellantes ás do Antroido, foron varios os que se agocharon detrás da mesa do profe mentres pechaban as orellas e os ollos como se dun pesadelo arrepiante se tratase... foi un momento, abuuf!
Agora ben, tan pronto como se marcharon, axiña decidimos ir a asustar aos máis pequechos e pequechas do cole, pero nin rastro deles... pois claro, tamén andaban de clase en clase a asustar ao resto de nenos e nenas...
E para endozar se cabe aínda máis o día... uns chupa-chups que, como non podían ser doutro xeito, tamén tiñan unha presentación diferente... cabazas monstruosamente deliciosas...


Un saúdo cos ollos e as orellas ben pechadas e non esquezades que... o noso blog se alimentará dos vosos comentarios!