Un curso máis, o noso centro participa no “Plan de Consumo de Froita nas Escolas”, unha inciativa promovida coa axuda financieira da Comunidade Europea e do Fondo Galego de Garantía Agraria.
Tendo en conta isto, durante esta semana, non tivemos que traer a merenda ao cole, xa que dende o luns, procedeuse á distribución de froita a todo o alumnado do centro. A distribución realizábase na hora do recreo e a froita obxecto de distribución foi unha deliciosa mazá de cor amarela-verde para o luns, unha saborosa mandarina para o martes, o mércores tocou pera, o xoves unha das nosas froitas preferidas,... mmm, plátano! e o venres de novo unha mazá que, nesta ocasión foi igualiña que a de Blancanieves... vermella!
A participación nesta experiencia conleva novas aprendizaxes no que a alimentación saudable se refire, pois máis dun aínda que con certa resignación e reticencias iniciais, pouquiño a pouco está aprendendo a comer froita... non é para tanto, non?...
Nembargantes, todo isto non é algo novo para nós, pois no noso centro, e especialmente na etapa educativa na que nos atopamos, considérase a alimentación saudable como un dos alicerces básicos para conseguir unha boa calidade de vida.
Deste xeito, dende fai xa varios cursos, os profes de Educación Infantl do noso cole, decidiron establecer un almorzo saudable no que a cada día lle corresponde un alimento diferente.
Así temos: luns-lácteo, martes-peza de froita do tempo, mércores-bocadillo de embutido, xoves-galletas básicas, cereais ou froitos secos e, os venres... o que máis nos gusta de toda a semana!
Esta experiencia diaria propicia un cúmulo de situacións que favorecen a adquisición de hábitos que promoven un estilo de vida saudable, algo imposible de acadar sen a inestimable colaboración das nosas familias, coma sempre... mil millóns de grazas!
Aproveitando a temática relacionada coa saúde, o luns, logo do patio, -este día nin chovía, nin estaba mollado, nin ía demasiado frío-, acudimos á biblioteca do cole para asistir a unha das sesións do proxecto de divulgación e formación que a Cofradía de Pescadores de Rianxo está levando a cabo.
Alí, a partir do slogan dunha coñecida campaña promocional española de mediados dos anos 80, "Pezqueñines ¡No, gracias!", aprendimos que aquelas especies pesqueiras que non superen as tallas mínimas, debemos deixalas medrar.
Asemade, e tras a pertinente exposisicón na pantalla de cine da biblioteca, participamos nunha dinámica de movemento converténdonos en pescadores por un día. Neste xogo, interiorizamos o concepto das tallas mínimas, pois unicamente podiamos pescar os peixes adultos, os peixes grandes... os pezqueñines voltabámolos ao mar!
Xa na clase, e como actividade de volta á calma antes do xogo libre nos rincóns, xuntámonos en asemblea para seguir conversando sobre a actividade desenvolta, xurdindo novas conclusións sobre iso da pesca responsable.
Sen lugar a dúbidas, as nosas familias teñen unha cultura pesqueira fantástica!... Pois quen máis e quen menos foi algunha vez de pesca, fixádexos que ata o pai dun dos nosos compañeiros ten "2 carnets en 1", un de mariñeiro e outro de pescador...
Mergullados de cheo nos tesouros do fondo mariño, aproveitamos a semana para realizar unha das actividades pendentes do libriño de Pascuala "Cousas de Galicia".
A actividade consistía en recortar, compoñer e pegar as pezas dun crebacabezas no que aparecía unha fotografía vencellada cunha arte de pesca: o marisqueo. Na ilustración, podíase ver unha imaxe tipicamente mariñeira na que aparecen varias persoas mariscando á beira do mar. Neste momento, rapidamente xurdiron de novo e de xeito espontáneo, as nosas particulares ideas sobre esta técnica pesqueira.
Os resultados, moi variables, dependendo coma sempre do noso afán de superación. Nalgúns casos extraviouse algunha que outra peza, e para moitos de nós, a composición do crebacabezas resultou... uf, complicadíiisimo! Claro, é que a nosa paciencia é igualiña que a talla dos peixes que non se deben pescar... mínima!
Agora, na vindeira semana, celebraremos no cole o "Día da Paz", así que seguide moi atentos ao noso blogue e non perdades detalle...
Un saúdo e non esquezades que... o noso blog se alimentará dos vosos comentarios!
1 comentarios:
Este Viernes hará de cuentacuentos:
- SERGIO: "A natación por primera vez". (Edit. Sieteleguas)
Publicar un comentario