A pesar de tratarse esta da semana máis curta de clase,
resultaron os mellores días para despedir un curso repleto de descubrimentos,
experiencias e aprendizaxes, pois celebramos dúas festas: a festa da clase, e xa
hoxe mércores, a festa da auga.
Evidentemente, esta semana non foi todo troula, pois o
primeiro cometido que tivemos xa o LUNS, tras a “resaca” da festa do venres pola tarde, foi revisar, lembrar e
organizar todos os traballiños do arquivador que fixemos durante todo o curso
e, moi especialmente, durante este 3º trimestre.
Así pois, identificamos e trazamos números, asociamos
grafías ás letras do alfabeto, realizamos conxuntos, escribimos o nome e a data
completa, coloreamos, repasamos, recortamos con tesoira e picamos... ata nos
quedou tempo para viaxar a Londres e ao deserto do Sáhara... cantos recordos!
Xa o MARTES, como preludio á festa da auga, á volta da última sesión de
psicomotricidade, tiñamos preparada na clase unha festa, na que grazas á inestimable
colaboración das nosas familias non faltou de nada... mmm!
Tratábase dun día diferente, era un día con certo sabor a despedida, un día
no xuntos celebrabamos o final do curso: comimos snacks e aperitivos varios, bebimos zumes e bebidas isotónicas e
disfrutamos dun tempo extra no patio, xogando no areeiro como auténticos
súper-maiores... divertidísimo!
E aquí non rematou todo, xa que aínda nos agardaba o mellor para o MÉRCORES...
a tan agardada “Festa da Auga” do cole!
Porén, o mércores, tras a asemblea, moi ansiosos por comezar a participar
nos xogos e, sobre todo, por gozar das pistolas de auga, dirixímonos á primeira
estación: pesca-barcos, unha posta delicada e de paciencia que sacou o mellor
do noso enxeño... uf, complicado
dabondo!
De súpeto, sen decatarnos, no espazo reservado para as pistas dos maiores, vimos aparcado o camión dos bombeiros, un sinal de que o que nos agardaba para a segunda parte da xornada pintaba moi, pero que moi ben...
Xa logo, chegou a quenda de prato na cabeza, do relevo de esponxas, das dianas
piratas, das piñatas, dos camareiros...
Tratouse dun día ben diferente ao do curso pasado, este curso si nos queriamos mollar, e entre xogo e xogo, rapidamente baixamos ao “rascacú”, un xogo reservado para os maiores, pero que axiña coidamos en gozar e darnos o primeiro baño de auga fresquiña... que calor!
Axiña, quen máis e quen menos entrou nas dinámicas propostas en cada
estación, ata o punto que rematamos cunha batalla de auga a base de globos, caldeiros,
pistolas de auga e ata o camión dos bombeiros que nos mollou se cabe aínda máis
coa mangueira... pura diversión!...
Que curta se nos quedou a batalla!... queriamos seguir!... Por iso, ao
tratarse dun día e dunha festa especial, -tamén para o profe-, fomos o
derradeiro grupo en recollerse para a clase... de marabilla, que soliño ía!
De volta na clase, mudámonos de roupa e degustamos algúns dos snacks e aperitivos que sobraran do día anterior... tiñamos fame!
Agora chegan as vacacións, unhas vacacións diferentes
respeto ás do verán pasado. O vindeiro curso será de cambios para todos e todas:
grandes, medianos e pequenos, por iso, seguide moi atentos ao noso blogue que
pechará a súa ventá en Rianxo para abrirse noutro cole, noutra aula e xa con
novas “Sonrisas y Mandilones”...
intentarase pechar como ben se merece:... por todo o alto!
#nodesdesiempreperosiparasiempre
Un saúdo e non esquezades que... o noso blogue se
alimentará dos vosos comentarios!
0 comentarios:
Publicar un comentario