Un curso máis, o
noso centro participa no “Plan
de Consumo de Froita nas Escolas”, unha inciativa promovida coa axuda
financieira da Comunidade Europea e do Fondo Galego de Garantía Agraria.
Así pois, durante
esta semana, non tivemos que traer merenda ao cole, xa que dende o luns
procedeuse á distribución de froita a todo o alumnado do centro. Desta vez
tocou: unha deliciosa mazá de cor amarela-verde para o luns, unha saborosa
mandarina para o martes, o mércores pera, o xoves unha das nosas froitas
preferidas,... plátano! e o
venres... biscoito de chocolate!... Siii,
o venres celebramos o aniversario de NICOLÁS e a laranxa que tocaba este día
reservámola para a vindeira semana... resultou un cambio total!
A participación activa
nesta experiencia conleva novas aprendizaxes no que a alimentación saudable se
refire, pois máis dun de nós, pouquiño a pouco está aprendendo a comer
froita... non é para tanto!...
Todo isto non é algo
novo para nós, pois no noso centro, e especialmente na etapa educativa na que
nos atopamos -Educación Infantil-, considérase a alimentación saudable como un
dos alicerces básicos para conseguir unha boa calidade de vida.
Deste xeito, dende
fai xa varios cursos, os profes de Educación Infantl do noso cole, decidiron
establecer un almorzo saudable no que a cada día lle corresponde un alimento
diferente.
Indubidablemente,
unha boa dieta alimenticia contribúe ao desenvolvemento de hábitos de vida
saudables que, xunto coa práctica de exercicio físico e de deporte, facilita
estilos de vida fortalecedores dun desenvolvemento integral e harmónico das
nosas capacidades: intelectuais, físicas, afectivas, sociais...
Esta experiencia diaria propicia un cúmulo de situacións que
favorecen a adquisición de hábitos que promoven un estilo de vida saudable, algo
imposible de acadar sen a inestimable colaboración das nosas familias... mil
millóns de grazas por estar ao noso carón!
Aproveitando a
temática da semana: froita na escola, levamos a cabo unha actividade impresa na
que había que completar un froiteiro con diferentes froitas de tempada. Así
pois, con máis ou menos tino, debuxamos e coloreamos alomenos 4 das nosas
froitas preferidas, non sen antes, falar de todo isto na asemblea matinal.
Esta actividade
permitiunos demostrar os nosos coñecementos sobre aquela froita de tempada que
acostumamos a comer decote. Saiu dende a froita de sempre como a mazá, pera ou
plátano, ata a froita máis exótica como o melón, a sandía e as fresas, pero as
fresas con nata e azucre, eh!...
Quedaron uns
froiteiros do máis coloridos!, como melloramos no debuxo!, canta arte!...
Agora xa, a
vindeira semana, daremos un pulo importante ás actividades impresas das letras,
convertíndose en fantásticas situacións para seguir avanzando no proceso de
lecto-escritura. Chega o turno do D, N e Ñ, B e V, C e Z, F, G e X. Ao tempo,
repasaremos e non esqueceremos as letras traballadas dende inicio de curso: as
vogais, o P, L, M, S, T, e R, entre outras.
Un saúdo e non esquezades que...
o noso blogue se alimentará dos vosos comentarios!
0 comentarios:
Publicar un comentario