A nosa aula non podía permanecer á marxe
das Tecnoloxías da Información e da Comunicación (TICs), por iso, este curso
incorporamos ás nosas actividades cotiás a interacción co Encerado Dixital
Interactivo (EDI), a partir dos recursos educativos que nos ofrecen as
ferramentas web 2.0: software comercializado, conexión a recursos web na Internet,
repositorio de contidos e actividades do Espazo Abalar da Consellería…
Dende o momento do nacemento convivimos con todo tipo de equipos tecnolóxicos: smartphones, tablets, PCs…, polo
tanto, resulta evidente que as actividades que desenvolvemos na escola
converteranse nunha realidade, se cabe máis rica e froitífera, se no proceso de
ensinanza-aprendizaxe se empregan medios tecnolóxicos de información e de
comunicación.
Deste xeito, o curso pasado,
cando eramos os máis pequerrechos e pequerrechas do colexio, mergullarámonos de
xeito tímido no uso e manexo das múltiples posiblidades que nos ofrece o
Encerado Dixital Interactivo disposto na zona da asemblea. Así pois, empregamos
este recurso para adentrarnos no centro de interese que NUBA nos presentaba en
cada historia axudándonos a comprender cada vez máis e mellor o noso
pequeno-gran mundo... estabamos como no cine!
Ademais, xa en 3 anos
participamos en varias actividades a través do emprego case sistemático do Encerado
Dixital Interactivo mediante unhas doadas tarefas cuxa finalidade era controlar
o punteiro do rato... que recordos!
Agora xa en 4 anos,
empregaremos ao longo do curso e segundo as necesidades de cada momento, as
posibilidades que nos ofrece o Encerado Dixital Interactivo como un excelente
recurso didáctico para aprender e para xogar. Coa introdución do manexo deste
medio traballaranse, reforzaranse e ampliaranse algúns dos contidos propios da
Educación Infantil: lóxica-matemática, lecto-escritura, grafomotricidade, as
cores, nocións espaciais, temporais, topolóxicas, musicais… ademais da
consabida adquisición doutras capacidades, competencias e habilidades máis
específicas como aprender a mover de maneira precisa o rato, sinalar, facer
clic, arrastrar…
Estas e outras actividades, axudarán
a contribuir ao desenvolvemento da Competencia Básica establecida pola UNESCO:
Tratamento da Información e Competencia Dixital, ao tempo que acadamos os obxectivos
incluídos no “Plan de Integración das TIC´s” do centro... que interesante!
Parece doado, si, pero se non queremos
“perder a partida”, hai que estar cos ollos ben abertos para non perder
detalle...que pantalla tan grande!
Cada día agardamos con ilusión desenvolver
actividades a través do EDI, agora temos que propoñernos ter un chisquiño máis
de paciencia para agardar sen desesperarse demasiado a nosa quenda… moooita paciencia e atención!
Un saúdo e non esquezades que... o noso blogue se alimentará dos vosos
comentarios!
1 comentarios:
Esta semana, ao tratarse o venres de día non lectivo, desenvolveremos a actividade do préstamo semanal de biblioteca o xoves.
O contacontos deste xoves será:
- PAULA: Colección PEPPA PIG, "El viejo sillón de papá". (Edit. Beascoa)
Publicar un comentario