Para o inicio deste trimestre, NUBA gardábanos unha estupenda sorpresa…
unha invitación para viaxar onda ela nun carrusel máxico!...
Invitación aceptada, esta viaxe está resultando moi enriquecedora xa que
estanos permitindo coñecer e identificar algunhas características e servizos de
diferentes medios de transporte característicos do noso contorno.
Para comezar, da man de NUBA, NUBETE, LENA e TOTE, subimos ao carrusel
máxico, onde tan só con pechar os ollos viaxamos a lugares imaxinarios en
diferentes medios de transporte: subimos á locomotora ata chegar ao país dos
animais rebuldeiros, ao avión para subir ás nubes e saltar sobre elas coma se
fosen camas elásticas e, por último, navegamos polo mar e xogamos cos golfiños…
estupenda viaxe!
Esta historia, propiciou un senfín de conversas nas asembleas cuxo eixo
motivador foron os medios de transporte e o medio físico de desprazamento.
Do mesmo xeito, a partir do uso sistemático de Bits de Intelixencia,
chegamos a interesantes conclusións sobre as características, usos e funcións dalgúns
medios de transporte presentes no noso contorno inmediato.
Descubrimos que os medios de transporte TERRESTRES desprázanse por estradas e vías e que estes precisan
rodas para moverse: o coche, o camión, o autobús, a moto, a bicicleta…
Tamén coñecimos os medios de transporte ACUÁTICOS que navegan polos mares, os lagos e os ríos tales coma o
barco pesqueiro ou o barco de vela, a canoa, o cruceiro ou o transbordador,
entre outros.
Finalmente, concluímos que os medios de transporte AÉREOS desprázanse polo aire. Moitos teñen ás e hélices como o
avión e o helicóptero, e outros desprázanse sen motor coma o globo. Sobre este medio,
as conclusións resultaron se cabe máis froitíferas xa que varios de nós
empregamos este medio para viaxes longos, moooi
longos
Nestas conversas, realizamos descricións dalgúns vehículos, valorando a
súa utilidade: viaxar, desprazarnos a lugares que están lonxe, transportar mercadorías
e ata explorar o mundo, o fondo mariño... e chegar ata o espazo!
Este centro de interese ademais, posibilitou o tratamento transversal de
elementos relacionados coa Educación Vial, insistindo na necesidade de
respectar as normas de circulación viaria, co obxecto de previr accidentes.
Por outra banda, esta semana, incorporamos á
actividade do préstamo a realización das nosas primeiras fichas de lectura que
a final de curso levaremos arquivadas no que será o noso primeiro “Dossier de
Lectura”.
No proceso de realización destas fichas,
insistirase no trazo das letras que deben ser escritas a lápis e poden estar repasadas
con rotulador. Do mesmo xeito, nós seremos os encargados de debuxar o que
estimemos oportuno, actuando a familia unicamente como mediadora na actividade.
O máis importante, desfrutar coa actividade na que se
establece un alicerce excepcional de comunicación familia-escola, en tanto que
unha vez máis, dentro das accións da nosa aula, as familias xogaredes un papel
indiscutible, xa que na casa, ao igual que no cole... non vale todo!
Os resultados?... Na súa meirande parte fabulosos!...
Moitos parabéns!...
E para a vindeira semana?... Remataremos a actividade
que comezamos a desenvolver a partir do conto: Monstruo Rosa. (Apila Ediciones) coa que decorararemos a Biblioteca
Municipal á que acudiremos, se o tempo o permite, o martes 21 de abril... que
ilusión!
Un saúdo e non esquezades que... o noso blogue se alimentará dos vosos
comentarios!
1 comentarios:
Os contacontos para este venres son:
- SANTIAGO: "Unha historia fantástica”. (Edit. Kalandraka)
- PAULA: "Corre corre, cabaciña". (OQO editora)
Publicar un comentario