Hoxe venres, iniciamos as vacacións do 2º trimestre,
unhas vacacións que marcarán o sprint
final do curso cun 3º trimestre que se non agarramos ben, voará nun abrir e
pechar de ollos... cantas sorpresas nos agardan!
Sen lugar a dúbidas, foron moitas e variadas as
actividades que levamos a cabo ao longo deste trimestre, pero gustaríanos
facervos partícipes das desenvoltas durante esta semana tras rematar os libros
de actividades de ARIS... canto traballamos!
Cada inicio dunha nova estación, sérvenos para observar,
descubrir e identificar algúns dos cambios máis significativos que trae consigo
a chegada de cada estación tanto no contorno como na vida das persoas. Por iso,
durante estes derradeiros días de trimestre, traballamos a primavera e os seus
efectos no contorno próximo e na vida cotiá das persoas.
Para comezar, levamos a cabo un torbeliño de ideas no
que, previa man levantada, tiñamos que apuntar obxectos, elementos,
situacións... vinculadas coa primavera. Posteriormente, cadaquén tivo que
debuxar nunha árbore espida algúns dos elementos primaverais citados no
torbeliño inicial, sen esquecer que non podería haber ningún repetido.
Asemade, e aproveitando este torbeliño de ideas,
decidimos mudar a porta da aula que aínda estaba vestida de inverno. Así, e como
non podía ser doutro xeito, enchémola de flores, soles, paxaros e bolboretas, moooitas bolboretas. Bonita, bonita,
quedou a nosa porta vestida de primavera...
E se cadra, aínda máis bonita, a portada dos traballos
deste 2º trimestre que, tamén decidimos vestir de primavera... por si aínda
alguén non se decatara... agora si que si, queda claro, que a primavera xa está
aquí!
Por outra banda, tamén traballamos cunha lámina de arte
de Remedios Varo titulada: “Tiforal”, sabedores das repercusións do mundo da
arte para o desenvolvemento do pensamento creativo e do xuízo crítico.
En primeiro lugar, e tras a presentación da lámina,
observamos libremente a obra, para seguidamente, pararnos máis detidamente
nalgúns dos seus elementos máis significativos como a fonte e os animais que
aderezaban a composición artística. Xa para rematar, formulamos hipóteses
acerca de quen sería e que podería estar facendo a protagonista da lámina.
Finalmente, e logo de analizar as cores empregadas
maioritariamente, así como as formas e tamaños de árbores e flores, recreamos a
obra. Así, mentres que uns decidiron seguir estritamente as cores empregadas na
obra orixinal; outros decidiron empregar cores sen relación algunha cos
elementos que semellaban na obra... somos uns artistas!
Ademais de todas estas actividades coas que consolidamos aprendizaxes e
coñecementos adquiridos en cursos pasados, esta semana resultou tamén activa no
que a actividades complementarias se refire, pois nunha mesma semana acudimos
ao Auditorio Municipal de Rianxo dúas veces, e... non choveu!
O martes, expectantes, acudimos ao concerto didáctico co que nos obsequiou
a editorial Edelvives a Educación Infantil e ao Primeiro Ciclo de Educación
Primaria.
O concerto correu a cargo de Susa Herrera que nos presentou “Cantos
Animales”, a súa derradeira compilación na
que recolle 10 cancións de animais e nas que aparecen moi diversos estilos
musicais. No concerto, estiveron presentes o zorro, a rá, o elefante, o oso, o
crocodilo, o poney, o panda, a xoaniña e o cangrexo. Unha mágoa que non rescatara
algúns éxitos das súas anteriores publicacións... botamos de menos ao camaleón!
Xa o venres, de novo asistimos ao Auditorio á sesión de contacontos coa que
nos obsequiou a todo o centro o Consorcio. Un contacontos entregado que nos
contou e cantou 3 historias sobre un burro... canto rimos!
Agora, nestes días de vacacións, toca coller folgos novos para o derradeiro
trimestre que nos agarda co mandilón. Se ben será un trimestre breve, pero tentaremos
que se convirta nun trimestre inesquecible co que grandes e pequenos poñamos o
broche que se merece a esta etapa que sempre quedará nas nosas lembranzas. Así
pois, nenos e nenas e familias despedirémonos de Educación Infantil ao
grande... contamos convosco!
Un saúdo e non esquezades que... o noso blog se alimentará dos vosos
comentarios!
2 comentarios:
Á volta de vacacións fará de primeira contacontos do trimestre:
- ANDREA: "O lazo da ovella" (Edit. Sotelo Blanco)
xA A despedida... como pasa o tempo. podes contar con toda a nosa familia para o que queiras
Familia riveiro-suárez
Publicar un comentario