Bienvenido

ATCHIIÍS!!... POBRIÑA MUDIÑA H!...

miércoles, 30 de abril de 2014

Nesta semana breve, pero intensa, farémosvos partícipes dunha das historias do País das Letras que sempre ou case sempre suscitan un maior interese e curiosidade, a historia da mudiña H.
Así pois, e convencidos de que un lector non nace, faise, esta semana a través do descubrimento da historia deste novo habitante do País das Letras, seguimos avanzando no noso proceso de lecto-escritura en letra minúscula.
A mudiña H representa as deficiencias, a súa problemática e aceptación, o rexeitamento de actitudes discriminatorias, a prevención de perigos, a valoración axustada dos factores de risco de accidentes existentes no contorno...
Todos os habitantes do País das Letras sabían que era perigoso camiñar cara a esquerda porque alí atopábanse os temibles xigantes. Os pais e as nais advertían aos seus fillos dos perigos que podían correr senón respectaban esa orde do Rei U. Pero ocorreu un día que a pequeniña H estivera xogando cos seus amigos preto dun regato ata que o sol se ocultou tras as montañas. Cando os nenos volveron á casa, fixérono cara ao lado correcto facendo caso dos consellos recibidos dos seus pais antes de saír.
Pero aquel día, á pequeniña H ninguén lle puido lembrar nada, porque os seus pais estaban de viaxe. Así que á hora de retornar á casa, empezou a soprar un forte vento e a chover con grande intensidade. Coas présas por refuxiarse non se deu conta e dirixiuse cara as árbores que estaban á esquerda do camiño.


O mago Catapún, que a vira dirixirse cara ao bosque do País dos Xigantes, aproveitou a oportunidade de amolala. Decidiu mandarlle un vento máis forte e frío, que a arrastrou e empuxouna contra unha árbore; deu tal golpe que quedou tendida sobre a herba caéndolle a chuvia enriba. Alí estivo ata que pasou Timbo, o elefante do príncipe E. Ao vela así, colleuna coa súa trompa e e levouna ao hospital.


Fixeron todo o necesario para curala, pero arrefriárase tanto que non conseguiu recuperar a voz. Non podía dicir nada; quedou mudiña.
Pasaron os días e a mudiña H aburríase por non poder falar nin cantar. Vía que o señor Estudoso debuxaba o corpo de todas as súas compañeiras e a ela nunca a chamaba; enfadouse, púxose triste e, por fin decidiu ir ver aos reis.
Os reis empezaron a pensar e a pensar, e chamaron ao señor Estudoso para que os axudara a resolver o problema. Uns días despois, o señor Estudoso díxolles que a mudiña H podía acompañar a algunhas palabras nas que a Familia Real comece a falar, e outras veces podería ir no medio, pero só de adorno.
Non sabedes o contenta que se puxo a mudiña H cando lle explicaron a solución!...


Sen lugar a dúbidas, esta é unha das historias das que non perdemos detalle, quizais debido a que por fin saen os malos malísimos do País das Letras... os temibles Xigantes! Nembargantes, durante as vindeiras semanas, descubriremos facetas máis divertidas da mudiña H.
Así pois, verémola máis contenta que nunca asistindo á súa primeira festa coa xemelga N -xurdindo así o -NH- .


E de novo, unha vez máis, cando a enfermeira C a coide -xurdindo o -CH-.


Unha vez coñecida a historia da mudiña H e colocada a letra imantada no castelo do panel das rutinas, tocaba aprender o seu trazo en pauta; si, parecía unha letra doada, pero na pizarra dixital... resistiúsenos, que mágoa!...



Ademais de todo isto, este personaxe serviunos de alicerce para lembrar iso que ás veces séguesenos esquecendo: que a lectura e, sobre todo a escritura, realízase de esquerda a dereita, pola contra, acabaríamos... no País dos Xigantes!!!
Agora xa, e tras un novo parón no cole, toca coller se cabe todavía máis folgos, xa que a vindeira semana comezaremos o libro número 5 de ARIS... estupendo!
Un saúdo e non esquezades que... o noso blog se alimentará dos vosos comentarios!

2 comentarios:

Profe J.Ricardo dijo...

Este venres fará de contacontos:

- DIEGO: "Ratatouille" (Edit. Everest)

Esta semana incorporamos a lectura e escrita en letra enlazada en pauta do grafema /H/.

Anónimo dijo...

Que maiores se están facendo !!!!
Graciñas Ricardo por introducilos no PAIS DAS LETRAS