
Así, durante a semana pasada, moi pero que moi entusiasmados, traballamos arreo en diversas actividades impresas que nos serviron para redescubrir e identificar algúns dos aspectos máis representativos desta data. Coñecimos os elementos que caracterizan a unha bruxa (sombreiro-vasoira-gato), realizamos seriacións de pantasmas de cores, escribimos o nome daquelas personaxes fantásticas que máis nos asustan, e ata fixemos os nosos propios debuxos; uns debuxos libres, sen modelo, xa que non somos nenos e nenas de 3 anos… quedaron estupendérrimos e máis dun profe quedou sen palabras!
Pero sen lugar a dúbidas, unha das actividades máis terrorificamente divertida, foi a recreación, un curso máis, do noso castelo encantado. Se lembrades, o curso pasado, entre todos e todas pintaramos un castelo que, máis tarde se enchería de pantasmas de sobra coñecidas por todos e todas, non si?... Pois ben, este curso, lonxe de encherse unicamente de pantasmas, decidimos engadirlle novas personaxes, e que mellores personaxes que aquelas as que máis medo lles temos: vampiros, bruxas, esqueletes, morcegos e, por suposto, o gran descubrimento deste curso… Frankenstein!
UN CASTELO... "DIVINO DE LA MUERTE"! |
Ademais de todo isto, dispuxéronse nas paredes dos corredores papel continuo de cor negra, un papel negro que axiña se comezou a encher de elementos representativos desta data que fomos recreando unha vez rematado o traballo obrigatorio marcado para ese día.
Simultaneamente a todas estas actividades, traballamos algúns dos contos que unicamente lemos nesta data; uns contos que escoitamos no máis dos absolutos silenzos unha e outra vez, así que non serían un mal agasallo para pedirlle a Papa Noel ou ás SS.MM. os Reis Magos de Oriente.
![]() |
Unha pantasma con asma. (Edit. Kalandraka) |
![]() |
Sonidos de Miedo. (Edit. SM) |
![]() |
El cumpleaños de Enrique. (Edit. Edelvives) |
Por outra banda, e por se todo isto fose pouco, unha vez máis dende o centro pediuse a colaboración das nosas familias para a elaboración das cabazas: dende bruxas, vampiros e pallasos, ata unha cabaza excavadora… mil millóns de grazas, familias!
Ao igual que o curso pasado, decidiuse expoñer as cabazas nas fiestras do cole, para no serán, acender as velas que levaban dentro e deste xeito o cole parecese que estaba encantado. Para iso, a mañá do martes, saimos ao aparcadoiro da parte dianteira e dispuxemos as nosas cabazas ao longo das nosas fiestras… quedaron xeniais!
Finalmente, hoxe celebramos o Halloween-Samaín e para iso, o mércores, despois do momento destinado ao patio, puxemos o disfraz e moi pero que moi nerviosos, agardamos a que os maiores, vestidos de seres monstruosos nos cantaran unha divertida canción.
Este curso os máis pequerrechos do cole disfrazáranse de arañas, os máis maiores, os nenos e nenas de 5 anos de bruxos e bruxas e, nós… de cabazas!
TRUCO OU TRATO?... |
Aínda que ao longo da semana o profe intentou concienciarnos para o que ía acontecer o mércores e de que varios de nós presumiamos de ser os máis valientes do cole, pasou o inevitable e a máis dun escapóuselle algunha que outra bágoa, pero é que os maiores traian unhas máscaras, buf… que meeedo!
Foron días nos que, mergullados no Halloween-Samaín, reforzamos e consolidamos algúns contidos de traballo que nos están custando especialmente, pero que vos parece si vos contamos que algún de nós xa le sen apenas titubeos os fonemas traballados ata o momento?... Seguide moi atentos ao noso blogue que axiña vos contaremos de que xeito realizamos diariamente as nosas primeiras lecturas.
Un saúdo escalofriante e non esquezades que... o noso blog se alimentará dos vosos comentarios!