A partir do pasado venres, incorporamos unha
nova rutina á nosa parrilla de clase, a do préstamo de biblioteca.
Trátase dunha actividade cunha periodicidade
semanal (de venres a venres) que propiciará un sempre grato encontro co mundo
dos contos e da lectura e que creará un clima que resulta tan grato e
estimulador para a aprendizaxe.
Ademais, tamén servirá para que nos sigamos
familiarizando coa dinámica da biblioteca, para que nos ilusionemos cun
ambiente propicio á lectura no ámbito escolar e familiar e tamén para que nos
contaxiemos do entusiasmo dos libros como portadores dun mundo máxico e
marabilloso.
Ao longo de cada semana, coa axuda das nosas
familias traballaremos o conto para comprender a súa liña argumental, xa que
cada venres, nomearemos un contacontos seguindo a orde da casiña do panel de
rutinas, que “lerá” o conto ao resto de compañeiros e compañeiras a través da
intepretación das súas imaxes e ilustracións.
O contacontos de cada venres, terá o
privilexio de elexir o conto co que quere deleitarnos na súa particular sesión
de contacontos, o resto levará o conto que lle toque, xa que todos os contos
teñen algo de interesante, divertido ou curioso.
A través da narración dos contos, aprenderemos
a escoitar, a pensar e a ver as cousas cos ollos da imaxinación,
estimulando a nosa creatividade e o sentido crítico.
Entre as moitíiisimas actividades que
podemos levar a cabo a partir do conto están: as actividades de comentar que
axudan a asimilar o conto e a realizar unha trasposión dos feitos ás experiencias
vividas, actividades de xogo dramático, representando os roles dos
protagonistas do conto, e tamén actividades de creación de historias como a
ensalada de fábulas ou o binomio fantástico propostas por Gianni Rodari na súa
obra Gramática de la
Fantasía. (1985)
Moi entusiasmados coa actividade do préstamo,
o venres fomos á biblioteca non sen antes lembrar as normas que debemos seguir
cada vez que acudimos ao pabillón dos maiores. Uf!, iso das normas en ocasións non vai con moitos de nós e
aproveitamos para facer das nosas... sentímolo, profe!
Xa na biblioteca, lembramos as normas, usos e
funcións da biblioteca, así como tamén quen era a súa mascota, a Xoubiña.
Logo, redescubrimos cales serán os contos que
levaremos de préstamo durante gran parte deste primeiro trimestre que, para
comezar, serán os mesmos que os empregados o curso pasado.A que sabe a lúa? (Edit. Kalandraka) |
Unha historia fantástica (Edit. Kalandraka) |
A cebra Camila (Edit. Kalandraka) |
O gato lambón (Edit. Kalandraka) |
Orellas de bolboreta (Edit. Kalandraka) |
Estes contos irémolos cambiando por outros máis de maiores; e serán máis de maiores porque coa axuda das nosas famiias poderemos silabealos, lelos como auténticos súper-maiores, pero para iso aínda temos moooito que traballar, así que paciencia...
Este curso ademais, incorporamos á actividade
do préstamo a realización das nosas primeiras fichas de lectura; unhas fichas
de lectura que ao igual que os títulos dos contos tamén irán cambiando a medida
que gañemos soltura no seu proceso de elaboración. A final de curso, todas as
fichas de lectura semanal levarémolas archivadas no que será o noso primeiro
“Dossier de Lectura”.
Para realizar as fichas de lectura, podemos
empregar rotuladores ou lápis, pero sempre intentando facelas o mellor posible
e, neste senso, as nosas familias xogan un papel indiscutible, xa que na casa,
ao igual que no cole... non vale todo!
Todos xuntos, fomos vendo unha a unha as
fichas de lectura do resto da clase.
Os resultados?... Na súa meirande parte,...
fa-bu-lo-sos!
Para a seguinte semana será o turno de Rodrigo
que escolleu o conto de A casa da mosca
chosca (Edit. Kalandraka)... seguro que tamén estará estupendo!
A casa da mosca chosca (Edit. Kalandraka) |
Un saúdo SANFROILANeiro e non esquezades que... o noso blog
se alimentará dos vosos comentarios!
3 comentarios:
El próximo Viernes hará de cuentacuentos:
- RODRIGO: "A casa da mosca chosca". (Edit. Kalandraka)
QUE PASOU CON ESES EQUIPOS, QUE NON DURARON NADA??
Pois con eses equipos non pasou nada e pasou de todo, e tras un dias de proba, axiña nos decatamos -mestres especialistas e máis eu- que había algunha que outra combinación imposible.
Publicar un comentario