O tempo en Educación Infantil, concíbese baixo un criterio de globalidade e integridade que combina tempos de actividade con períodos de descanso e actividades individuais con relacións de grupo; de feito, nesta etapa educativa é inconcebible o termo horario tal e como se plantexa en Educación Primaria.
Deste xeito, a posta en práctica dunhas rutinas, axúdanos a coñecer o contorno que nos rodea, superando os nosos medos e temores ao descoñecido, dándonos a oportunidade de anticiparnos ao que vai ocorrer despois e proporcionándonos a seguridade, tranquilidade e confianza necesarias para unha correcta adaptación e estancia na escola.
Queredes saber cal é a nosa secuencia rutinaria?... Pois velaí vai!
Quitamos as chaquetas, colgámolas nas nosas perchas e intentamos poñer o mandilón co truco que nos ensinou o profe: “un brazo, outro brazo, e... a voar!” prestando especial atención no correcto abrochado dos botóns: “cada botonciño, no seu furadiño”. Uff, parece moi doado, non si?, pero tan só temos 3 anos e convírtese en toda unha odisea, pero alomenos temos que intentalo... sempre!
Seguidamente, e co mandilón posto e máis ou menos abrochado, sentámonos na liña máxica, unha liña na que o cú sempre nos queda pegado e na que temos que estar cos ollos e orellas abertas, e a boca?... pechada!. Non se pode falar para dar comezo á ASEMBLEA e con ela o ritual dos bos días, o saúdo aos compañerios e ao profe e á elección do súper-encargado de cada día, un neno que cada día se convertirá no protagonista da asemblea matinal.
O súper-encargado revisará no panel do cole que neno ou nena falta, constatará o tempo atmosférico no panel do coello espacial e iniciarase na escribura do seu nome a partir dun modelo.
Ademais, tamén ten encomendada a función de ser o maquinista do tren cando saimos na fila e o encargado de designar o maquinista da fila dos nenos e nenas de comedor.
Posteriormente, falamos acerca das actividades que levaremos a cabo durante a xornada, facendo un recordatorio do que fixemos onte e prestando atención a aspectos relacionados coa lecto-escritura e a lóxica-matemática: revisamos no noso mandilón que letras temos no noso nome, escribimos o nome dos alumnos que faltan ou palabras significativas do centro de interese que estamos traballando, contamos cantos compañeiros faltan, cantos son nenos, cantas son nenas, …
Este momento, ademais de dar inicio e final á xornada escolar, constituirá por si mesmo un elemento motivador para o desenvolvemento da linguaxe oral, xa que aproveitamos para facer partícipe ao profe dos nosos pequenos-grandes problemas.
Logo da asemblea, desenvolvemos as ACTIVIDADES DE APRENDIZAXE, -despaciño, sen présa e traballando como maiores-, para antes do recreo, reservar un tempo para repoñer forzas co momento da MERENDA.
Vedes que durante a mañá non paramos, pero aínda queda o máis divertido, o xogo libre ou dirixido nos RINCÓNS.
Xa vos contamos que durante os primeiros días de clase, o profe ensinounos algúns dos xogos e xoguetes cos que disfrutaremos ao longo do curso; pois a partir desta semana, e xa distribuidos en equipos, cada día temos asignado un rincón: xogo simbólico, biblioteca, expresión plástica e lóxica-matemática, disfrutando ao longo da semana dos 4 rincóns establecidos na nosa aula.
Ademais de todo isto, durante esta semana traballamos o conto de Os tres porquiños (Edit. OQO). A súa utilización na aula, serviunos para crear un clima de diversión e festa que resultou moi grato e estimulador para a aprendizaxe; pasámolo requete-ben recreando e dramatizando a historia: auuuuh!!!
Que?, que nos dicides da nosa primeira semana no cole dos maiores?... Pois a seguinte semana virá cargada de máis sorpresas e novidades, así que seguide moi atentos ao noso blogue. Contamos convosco, familias?...
Un saúdo con sabor a pulpo sanfroilanceiro e non esquezades que... o noso blog se alimentará dos vosos comentarios!