“Hoxe é o día. As
rúas de Nubaris están adornadas con bastóns de caramelo, algodón de azucre e
froita con chocolate. Aos pequenos nubaris fáiselles a boca auga. Todos saben
que día é hoxe: o anubarisario de MOLI”.
Co gallo desta celebración, xunto cos nosos amiguiños
e amiguiñas de 4 ANOS A da profe Silvia, decidimos preparar un delicioso
biscoito.
Así pois, para rematar esta semana, metímonos na pel dun
auténtico chef de cociña, e con gorro de cociñeiro incluído xa dende primeira
hora da mañá, comezamos revisando os ingredientes necesarios para o biscoito.
A ver, a ver... necesitabamos: IOGUR DE LIMÓN, FARIÑA,
OVOS, AZUCRE, LEVADURA e RAIADURA DE LIMÓN.
Tamén revisamos os utensilios para botar, misturar e
bater: BATIDORA, ESPÁTULA e FONTE.
Todos e todas moi atentos aos pasos que a profe Silvia
ía marcando en cada momento, participamos activamente na preparación do
biscoito...
O desenvolvemento deste obradoiro serviunos para
traballar elementos relacionados coa lecto-escritura -a partir da escrita real e contextualizada de palabras significativas:
ingredientes do biscoito- e coa lóxica-matemática -calculamos cantidades necesarias, unidades de medida: vasiño, presa,
cullerada...-, e todo dobre ao preparar dous biscoitos: que complicado!
Que impacientes estabamos!... Queríamos ver o
resultado da nosa receita xaaa!... Así,
para que esta espera resultase máis levadeira, recreamos nuns fantásticos
debuxos o nubarisario de MOLI... canta imaxinación!
E por fin, un arrecendo a doce polo corredor
lembrounos que os biscoitos seguro estaban listos... que ben ulían!
O mellor momento?... Comprobar o aspecto tan profesional dos nosos biscoitos, unha mágoa que
se tostasen un chisquiño!...
Por último, e para que o resultado do noso biscoito resultase máis persoal, especial e diferente, decidimos decoralo cun ingrediente da nosa colleita: LACASITOS de chocolate: perfecto!
Por si todo isto fose pouco, e como a ocasión o
merecía, compracidamente compartimos as galletas que MOLI, onda os nubaris
convidados á súa festa de aniversario, preparaban no conto que serviu como
alicerce motivador a este obradoiro de cociña.
A galleta,
tal e como se indicaba no conto, tiña un efecto máxico inmediato e axiña... disparou
a nosa imaxinación!... cadaquén imaxinou o que máis lle gustaba!... Pero o mellor da
galleta máxica é que sabe de verdade a arco da vella, podédelo crer?...
Rematamos a celebración cunha apasionante batalla de
serpentinas que se agochaban no cofre do nubarisario de MOLI: canto suamos!,
pero que ben o pasamos!...
Un saúdo e non esquezades que... o noso blogue se
alimentará dos vosos comentarios!
1 comentarios:
Acabo de quedar moi sorprendida. Fai un ratiño escoitamos na radio 1 tema q canta Juanes cun español q non lle sei o nome, e Daniela dixo: esta canción pónnola o profe Ricardo.
E eu dixen: qué moderno o profe!!
E dime ela: Home, e a canción q cantamos para a paz. E cantamos no parque e vós non viñéstedes a verme!!
Non contou nada o día da paz pero ahora ó escoitar a canción acordoulle. Se é verdade claro!!
Publicar un comentario