Esta semana, seguimos pechando as actividades que
marcaron as semanas e o desenvolvemento de cada xornada escolar durante o
curso.
Así, se fai uns días o noso derradeiro compañeiro Luis
Miguel levaba por última vez a “Mochila Viaxeira”, este mércores tocoulle a
Xiana X. levar para a súa casa a Papeliño e a Papelote. Dúas actividades que se
converteron en realidade grazas á axuda inestimable das nosas familias... mil
millóns de grazas por estar sempre ao noso carón!
Como xa vos explicaramos a principio de curso, Papeliño e Papelote atópanse
situados nun lugar privilexiado da aula e en cada unidade didáctica
convertéronse nun excepcional eixo motivador que nos presentaron, a través das
súas historias, cada centro de interese.
Coñecimos as modificacións que se producían no contorno e na vida das
persoas coa chegada de cada estación do ano, disfrazámonos na unidade didáctica
do antroido na que Papelote nos descubriu o mundo dos indios, tamén vivimos o
Nadal e ata axudamos a unha boneca atopar o sorriso... historias disparatadas,
realmente moi divertidas.
Agora, xa para rematar, traballamos os medios de transporte e de
comunicación, descubrindo que tras unha longa andadura chea de vivencias,
experiencias e aprendizaxes, chegamos ao final de curso co inicio dunha nova
estación: o verán.
Sen lugar a dúbidas, os medios de transporte, convertéronse en eixos
motivadores de conversa nas asembleas matinais. Todos e todas coñeciamos o
coche, autobus, camión, barco, lancha, motocicleta, avión, helicóptero... e ata
varios de nós xa subimos en avión para ir a lugares tan dispares como Tenerife,
Valencia, Madrid ou Barcelona.
Estas sempre froitíferas conversas, servíronnos para lembrar as normas
básicas de comportamento nos medios de transporte.
Siii, agardade!... Xa que como vén
sendo habitual, para pechar este eixo de traballo, que mellor cun debuxo...
Tratábase dun debuxo libre no que tiñamos que plasmar o noso medio de
transporte preferido. Había coches, furgonetas, barcos... e ata cohetes para
viaxar ao espacio, excelente!
Por outro lado,
e como o noso primeiro curso no cole dos maiores está a piques a piques de
rematar, o profe explicounos que para o vindeiro curso, sentarémonos nun equipo
novo -seremos letras en lugar de cores-, tamén teremos libros novos -desta vez
serán de cor rosa,… xa son libros de 4 anos!-, e claro… tamén teremos unha nova
amiguiña, xa que Papeliño e Papelote, ficarán nas clases dos nenos e nenas de 3
anos.
Esta nova
amiguiña chámase Pascuala, unha rá que, do mesmo xeito que o fixeron durante
este curso Papeliño e Papelote, presentarannos cada centro de interese.
Pascuala non se
trata dunha rá normal, nin moito menos, trátase dunha rá cunhas antenas na
cabeza que lle serven para ver todo e máis, unha rá coa que pasaremos momentos
únicos e inesquecibles… estamos seguros!
Así, o venres,
decidimos levar a Pascuala para a biblioteca… uuuy, neste momento houbo un pouco de lío porque todos e todas
queriamos ser os encargados de levala, pero axiña comprendimos que iso,
alomenos no cole, non pode ser.
Xa na biblioteca,
Pascuala, a nosa convidada especial para a sesión de contacontos que correu a
cargo de Carla V. e de Froilán, estivo nun lugar privilexiado… cos contacontos!,
así non perdería detalle das historias que traian preparadas.
Xa o luns,
esgotaremos os últimos 5 días de cole, logo chegarán as vacacións, unhas
vacacións que moitos de nós xa necesitamos e das que agardamos disfrutar miles,
pero antes diso… sabedes que esta semana teremos unha sorpresa cada día? Pois
si, así que seguide moi atentos ao noso blogue que vos manteremos informados...
Ah!, nos vos esquezades de cruzar os dedos para que o tempo acompañe, que
senón…
Un saúdo e non esquezades que... o noso blog se alimentará dos vosos
comentarios!
3 comentarios:
haber se o tempo acompaña na excursio de mañan, eles merecenooo
Que emoción coa Rana pascuala,, este vindeiro curso vai ser prometedor.
E gracias, por darnos a posibilidade, ós que non temos a sorte de ter uns nenos tan faladores, de ver como se desenvolven e todo o que aprenden unha vez fóra das saias de mamá!!
PASÁDEO MOI BEN NAS VACACIÓNS !!!!!!!!!!!!!!!!
CANTAS EXPERIENCIAS VIDIDAS NESTE CURSO, E PARA O ANO MÁIS.....
ESO SI QUE MAIORES SE ESTÁN FACENDO OS NOSOS NENOS/AS
Publicar un comentario