Bienvenido

#RespiraImaxinaConfia

lunes, 27 de abril de 2020


Esta semana, seguindo as instrucións da Consellería de Educación, Universidade e Formación Profesional, deixo de novo unhas recomendacións que nesta ocasión toman como eixe vertebrador A EXPRESIÓN CORPORAL.
Indubidablemente, a expresión artística convértese nunha linguaxe con numerosas posibilidades de comunicación. Deste xeito, os elementos, materiais, soportes e técnicas que emprega, permiten a realización de múltiples actividades que potencian o pensamento crítico, o respecto e aceptación dun mesmo e dos demais, a capacidade de observación, análise e representación...

Así, como unha das actividades propias desta linguaxe, está a integración do esquema corporal, posibilitando o descubrimento das posibilidades e limitacións de acción e expresión que ofrece o propio corpo. Neste senso, podemos desenvolver moitas e moi variadas actividades que toman o corpo como recurso principal: representacións individuais de personaxes animados, exercicios de imitación, adiviñas, xogos de mímica/pantomima... Imitar un personaxe ou animal para que o outro o adiviñe, interpretar accións cotiás (durmir, comer, hábitos de hixiene e autonomía: lavar os dentes, peitearse, vestirse/espirse...), representar o noso deporte favorito...

Tamén a representación de historias creadas e/ou inventadas convértese nunha fonte inesgotable de traballo da expresión corporal que pon en xogo distintos elementos relacionados: disfraces, maquillaxes, máscaras, títeres... Coidade para este traballo o uso de contos, cancións, poemas... que posibilitarán un achegamento gozoso coa expresión rítmico-musical-corporal.
Resulta doado crear un títere ou marioneta a partir de materiais de desfeito e refugallo no que integrar aspectos da propia personalidade, converténdose nun instrumento con grandes posibilidades para a estimulación da linguaxe, a imaxinación, control e xestión de emocións... Unha vez elaborado, podemos organizar un teatro de títeres, representando escenas e diferenciando as partes da historia en inicio-nó-desenlace. Ao tempo, o teatro de sombras a partir dos títeres elaborados, rediversificará a nosa adicación e diversión, manténdonos enganchados ao misterioso e descoñecido... que vos parece crear un super-heroe ou super-heroína para loitar contra o COVID-19?... soa xenial!

Alén de todas estas recomendacións semanais, non esquezades o importante que resulta sempre e, se cabe aínda máis relacionado coa expresión corporal, a actividade lúdica: o xogo. Para isto, podemos empregar os propios xoguetes para recrear un circuito e/ou conto motor que nos esixa a posta en práctica de posturas combinadas co corpo, tamén xogos populares de tanta tradición na nosa comunidade: a pita cega, escondite inglés, enredos-twister... familias, tócavos xogar!

Con toda esta situación, as novidades e cambios nas nosas rutinas sucédense case diariamente, de aí que comprender este momento e sobrelevar este tempo de confinamento do mellor xeito posible convértese no obxectivo principal. Para nenos/as e adultos, resulta necesario máis que nunca, o descubrimento, identificación, control e xestión de emocións e sentimentos. Para iso... que vos parece se nos iniciamos no ioga infantil e no mindfulness?... Existen numerosas obras publicadas sobre estas prácticas en Educación Infantil: Tranquilos y atentos como una rana (Edit. Kairós), Burbujas de Paz (Edit. Nube de Tinta), Cae una estrella (atoedición)... traballar a escoita activa, a pirámide da relaxación, a respiración, inhalando e exhalando, fomentará a nosa serenidade, concentración, seguridade... preparados?... Ooommm...

Siii, nada chega por casualidade. Todo ten unha explicación. Abre os ollos, respira, imaxina e confia. Todo vai saír ben.

0 comentarios: