Bienvenido

A LENDA DAS BOLBORETAS.

viernes, 29 de enero de 2016

Ao longo destes días seguimos mergullados no traballo de elementos vencellados coa Educación para a Paz. E que mellor xeito que seguir traballando este concepto que coa lectura dun dos nosos contos preferidos: Negros e Brancos  (Edit. Xerais)... fantástico!
Esta historia, conta que hai moito tempo, todos os elefantes do mundo eran de cor negra ou branca, e odiábanse entre si. A guerra non tardou en comezar, e durante moito tempo non se volveu a ver a ningún elefante sobre a Terra. Ata que un día, aqueles elefantes que desexaban a Paz e que se agocharon no máis profundo da selva saíron do seu escondite.
Este conto, xa o traballaramos o curso pasado, converténdose nun dos máis solicitados na actividade do préstamo: quen non levou este conto?... Pois ben, desta vez, realizamos uns fantásticos debuxos nos que plasmamos aquela secuencia que máis nos gusta e/ou chama a atención... canta creatividade!


Esta historia serviunos como alicerce de reflexión para as asembleas matinais, as cales, unha vez máis se convertiron nun recurso excepcional para chegar ao centro deste concepto que tantas veces escoitamos: a PAZ.
Día a día, os nosos faladoiros foron máis ricos e froitíferos: torbeliños de ideas previa, relacionamos o concepto de Paz con accións como: “non pegar”, “recoller”, “facer ben a ficha”... chegando moi acertadamente á conclusión de que a Paz é algo máis que a ausencia de guerra.
Asemade, participamos nunha das actividades propostas a nivel de centro, decorando o noso corredor cunhas bolboretas con mensaxes de Paz.


“Conta unha lenda que os indios americanos pensaban que as bolboretas eran quen de levar os nosos mellores desexos aos deuses. Atrapar unha bolboreta, susurrarlle un desexo e... liberala, aseguráballes que este sería cumprido. Dende entón... as bolboretas foron símbolos de ledicia, esperanza, beleza, boas novas e... PAZ”


Asemade, nunha cartolina A3, cada aula recreou mediante a expresión plástica a súa mensaxe de Paz.
No noso caso, recurrimos a unha fermosa mensaxe de Teresa de Calcuta; feito que nos permitiu un primeiro achegamento á figura deste personaxe tan próximo ás necesidades e demandas dos nenos e nenas do mundo.
A PAZ COMEZA CO SORRISO DUN NENO” 
que escribimos en letra maiúscula, engadindo as nosas fotografías adoptando posturas combinadas co corpo, papeis de cores, purpurina, estrelas, corazóns... non quedou material sen empregar!


Xa o venres, logo do momento do patio, coa coroa da Paz elaborada para tal efecto, acudimos ao porche do pavillón dos maiores onde o Equipo de Actividades Complementarias e Extraescolares tiña organizado un acto a nivel de centro no que cada clase amosou a súa mensaxe de Paz.


Os representantes da nosa clase foron: YAIZA e GAEL, a parella que máis alto falaba na asemblea e a parella que nos deu a súa palabra de honra de que non lles daría vergoña falar polo micrófono diante do resto de nenos e nenas do cole... escoitouse perfecto!


Como fin de festa, cantamos a canción escollida para este curso: Tu enemigo de Pablo López e Juanes, un dos hits do momento que non deixa de soar en todas partes... estupendo!
Para pechar toda esta secuencia de actividades, fixemos unha reinterpretación dunha obra de arte na que escribimos unha vez máis a palabra “PAZ” partindo dunha situación real de contextualizada, para recortar e pegar nun folio fluorescente... a pomba da paz estes días non podía faltar!


E a vindeira semana?... O cole encherase de antroidadas diversas grazas ao Toribiño que, por si non o sabiades, xa fixo a súa aparición nos corredores de ambos pavillóns... o Antroido está aquí! 
Un saúdo e non esquezades que... o noso blogue se alimentará dos vosos comentarios!

"ABUELITO DIME TÚ..."

viernes, 22 de enero de 2016

Na redacción dos principios establecidos no actual sistema educativo, ocupa un lugar relevante a transmisión daqueles valores que favorecen a liberdade persoal, a responsabilidade, a cidadanía democrática, a solidariedade, a tolerancia, a igualdade, o respecto e a xustiza, así como aqueles outros valores que axudan a superar calquera tipo de discriminación.

Tendo isto presente, ao longo desta semana iniciámonos no traballo da Educación para a Paz; pois o 30 de xaneiro conmemoraremos o Día Escolar da Non Violencia e da Paz. Este traballo sistemático, non quere dicir que este ámbito de acción o limitemos exclusivamente a esta data, pois ao longo de distintos momentos da xornada, dunha maneira ou doutra, traballamos diversos elementos relacionados con esta temática.
Sen ir máis lonxe, o momento da asemblea posibilita o traballo desta temática progresando na escoita atenta ao resto do grupo, no respecto de opinións distintas á propia, levantar a man para falar...
Asemade, tamén traballamos elementos relacionados con esta temática cando a principio de curso entre todos e todas establecemos as normas que rexen a vida da aula ou cando aprendemos formas pacíficas e máis aceptadas socialmente para resolver os conflitos que día a día nos suceden e que forman parte do noso proceso de socialización.

Por outra banda, ademais da lectura de diversos contos cuxa temática principal é a paz en todas as súas dimensións, esta semana convertemos en protagonista da Paz a... HEIDI!
No momento do recreo, case diariamente, aproveitamos para disfrutar dun novo capítulo desta serie de debuxos animados descubrindo con HEIDI, Pedro, Copito de Nieve, Niebla, Clara, Srta. Rottenmeier, Sr. Sesemann... unha serie de todos os tempos onde se resaltan determinados valores humanos e o amor cara a natureza.


Incluso, cando trouxemos ao cole os nosos xoguetes de Nadal, LAURA, trouxo unha boneca que, aínda que nun primeiro momento non recoñeciamos, axiña nos decatamos que se trataba de HEIDI. Se cadra, era unha HEIDI máis modernizada-cambiada da que coñecemos, grazas á serie de debuxos en 3D que existe na actualidade... converteuse nunha espectadora de primeira!



Ademais, esta semana, aproveitamos para desenvolver unha tarefa que nos quedara pendente no primeiro trimestre: o debuxo de HEIDI. Tratábase dunha actividade na que unicamente había que colorear seguindo os códigos de cor establecidos. Se cabe, levounos máis da conta, e é que a pesar de que coas ceras novas resulta practicamente imposible saírse do contorno, son tan finas que nos leva tempo, moooito tempo rematar...
Finalmente, cadaquén debuxou no ceo aquel elemento que considerou: soles, nubes, estrelas, arcos da vella, bolboretas... e corazóns, moitos moitos corazóns... a HEIDI gústalle a paz!
Ah! E que mellor xeito de terminar a actividade que escribíndolle palabras bonitas a HEIDI: CARIÑOSA, ALEGRE, DIVERTIDA, GUAPA... ben bonito quedou o noso corcho do corredor... un corcho pola PAZ!


Un saúdo e non esquezades que... o noso blogue se alimentará dos vosos comentarios!

PENSAR COAS MANS.

viernes, 15 de enero de 2016


Sen lugar a dúbidas, os fundamentos matemáticos están máis que presentes nas nosas vidas dende ideades temperás, especialmente si temos en conta un aula como a nosa na que a lóxica e as matemáticas impregnan gran parte das actividades que realizamos cada día.
Ademais, esta semana comezamos a... “pensar coas mans”?...
Si, como o ledes!... Este luns, cos estuches máis bonitos do mundo e con máis ceras que nunca, comezamos un caderniño de actividades cuxo obxectivo é desenvolver contidos matemáticos empregando uns materiais estruturados como elemento motivador: os bloques lóxicos de Dienes.
Os bloques lóxicos son 48 pezas pintadas das cores primarias (amarela, azul, vermella): triángulos, cadrados, círculos e rectángulos de diferentes tamaños (grandes e pequenas) e de diferentes espesores (grosas e delgadas).


Neste senso, a partir das rutinas da nosa aula, desenvolvemos actividades cunha gran dose de matemáticas e, ao enfrontalas, implicitamente utilizamos estes coñecementos, poñémolos en xogo e mellorámolos.
Nas RUTINAS DA ASEMBLEA: a través da resposta a preguntas tales como: cantos faltan?, cantos somos en total?, cantos días fixo sol?..., iniciámonos no uso convencional dos números como estratexia de conteo, de formación de conxuntos e de rexistro de feitos.


Tamén na escritura da DATA diaria: traballamos o anterior e posterior entre números, formación de conxuntos e identificación de numerais.
Nas ACTIVIDADES DE PSICOMOTRICIDADE: coñecemos as posibilidades e limitacións do corpo e do contorno próximo, realizando unha estruturación da noción de espazo e de diversos conceptos xeométricos.
Logo do patio, as actividades de relaxación coa “Hora de Ler” e a SESIÓN DE CONTACONTOS: traballamos a sucesión de acontecementos, utilización de cuantificadores para describir características de personaxes, lugares, situacións...



Asemade, entre os rincóns que organizan o espazo da aula contamos co RINCÓN DE LÓXICA-MATEMÁTICA: un espazo que nos permite desenvolver habilidades propias do pensamento matemático, a través do traballo construtivo con distintos recursos didácticos como as regretas, figuras de volume, texturas e formas... e agora tamén os puzzles de maiores!
Esta semana, co inicio dos caderniños de lóxica-matemática, disfrutamos, -uns máis que outros-, cos puzzles que engadimos ao devandito rincón: de Mickey & Minnie, princesas Disney, de superheroes... e dende os máis doados -20 pezas- ata os máis complicados de 100 pezas.


Xogamos aprendendo e aprendemos xogando, iniciándonos no desenvolvemento da competencia matemática establecida pola UNESCO, ao tempo que desenvolvemos a intelixencia lóxico-matemática de Howard Gardner... que interesantes as matemáticas!
Por outra banda, esta semana, reincorporamos a rutina do préstamo semanal de biblioteca disfrutando, alomenos durante un par de semanas, da colección de Iago e Uxía (Edit. Edelvives). Así, o vindeiro venres SABELA R.G. deleitaranos con Iago ten un pesadelo.


Xa logo, comezaremos coa Colección da Serie Azul (Edit. Vicens Vives) realizando os nosos primeiros exercicios de prelectura silábica... fantástico!
E para abrir boca, adiantámosvos que o colexio encherase de centos de bolboretas. Non se trata do inicio anticipado da primavera, senón da reinterpretación dunha fermosa lenda de PAZ que moi pronto vos contaremos.
Ah!... e non pensedes que 4 anos esqueceuse do antroido!... Este curso seremos un cole de conto, e o Ciclo de Educación Infantil iremos de personaxes de contos infantís: 3 anos de Carapuchiña Vermella e o Lobo Feroz, 5 anos de Peter Pan e Campanilla... e 4 anos?... aínda barallando distintas posibilidades... que complicado! Nesta semana recibiredes a informacion oportuna... por suposto, sempre ideais!  


Un saúdo e non esquezades que... o noso blogue se alimentará dos vosos comentarios!

CARGADIÑOS DE AGASALLOS, OLÉ, OLÉ, OLÁ!...

viernes, 8 de enero de 2016

Este xoves, acompañados dos nosos xoguetes de Nadal, regresamos de novo ao cole tras as vacacións. Xoguetes?... Si, si, tanto o xoves como o venres puidemos traer o cole o noso xoguete de Nadal favorito... fantástico!
Como vos podedes imaxinar, a rutina de entrada (posta e abotoado do mandilón), esta semana dilatouse un chisquiño no tempo, é que todos aqueles xoguetes dispostos en cadansúa mesa resultaban unha auténtica tentación.
Transcurridos uns minutiños, e xa máis tranquilos, comezamos a asemblea, unha asemblea matinal diferente pois despois de tanto tempo sen vernos, tiñamos mil millóns de cousas que contar, sendo o máis importante deixar claro-clarísimo todo aquilo que nos deixaron Papá Noel e as SS.MM. os Reis Magos de Oriente... que locura, abofé que fomos requete-bos!, veremos senón ten que saír máis dun da casa para poder gardar tantos xoguetes...

Sabiades que o xoves 17 de decembro tivemos no cole a visita duns axudantes dos Reis Magos?... Non se trataba nin moito menos dos Reis Magos de verdade, en tanto que estes con tantísimo traballo como tiñan na súa fábrica de xoguetes resultoulles imposible acudir en persoa ao cole. Nembargantes, isto non supuxo ningún problema para que, ilusionadísimos, preparásemos a nosa carta para entregarlles persoalmente a estes axudantes reais.






















Resultou unha experiencia inesquecible, moi emocionados acudimos ao pavillón dos maiores e alí mesmo, agardábannos Bob Esponja e Minnie Mouse... isto si que foi unha sorpresa! 





Estes personaxes causaron tal furor que as SS.MM. os Reis Magos de Oriente quedaron relegados a un segundo, ou case terceiro plano... nin caso lles fixemos! Alomenos non ata o momento de recoller a bolsa de chucherías coa que nos agasallaron...



Sen lugar a dúbidas, esta mañá do xoves 17 de decembro resultou do máis especial: visita de Bob Esponja e Minnie Mouse, das SS.MM. os Reis Magos de Oriente, derradeiro ensaio xeral do Festival no pavillón... e, súper-festa na clase cunha merenda especial rica-riquísima: turrón, froitos secos, galletas e, chocolate, moito moooito chocolate... mmm, delicious!


E no cole?... Que agasallos nos deixaron para o cole?...
Na Noite de Reis, as SS.MM. os Reis Magos de Oriente pasaron tamén polo cole e deixáronnos unha carta na que nos daban algunha pista do lugar onde nos deixaron os agasallos.
Cos ollos e as orellas abertas, moooi abertas, e coa boca pechada, moooi pechada, non perdemos detalle do que poñía a carta.


Neste momento, comezamos a buscar os agasallos que, ao igual que o curso pasado, agocharon no rincón da cocinita.


Para que cada un de nós tivese a oportunidade de abrir un agasallo, organizamos 3 grupos, e ao ao sinal de: “preparados, listos, xa!” un tras un fomos abrindo cada un dos paquetes.
Comezamos abrindo o agasallo con forma de rectángulo que viña do REI MELCHOR... perfecto, este agasallo suporá un reto á paciencia e concentración!


Logo, seguimos polo agasallo máis pesado, era o do REI GASPAR... xusto o que precisamos para que Peppa Pig e Caillou descansen!


E para rematar, abrimos o agasallo máis grande que soaba coma unha pandeireta e que non podía ser de ninguén máis que do REI BALTASAR... agora Pepe ten un lugar de seu!


Ao longo de toda a mañá, as conversas estiveron vencelladas cos agasallos de Nadal: bonecas, coches teledirixidos, kits de maquillaxe, de perruquería, de chefs..., tamén mochilas dos nosos personaxes de debuxos animados favoritos, Moni Monitas a montón...


Porén, non había lugar a “ficha”, e unicamente tivemos que debuxar algúns agasallos que nos trouxeran. Que casualidade que a máis dun “non lle acordaba”, xusto nese momento, que agasallos tivera este Nadal... únicos!


Nooon, non todo acabou aquí… nin moito menos! Pois para que vexades que xa metimos segunda e que traemos as pilas cargadísimas, xa retomamos a actividade da mascota, MOLI será a convidada especial de XIMENA, puxemos no panel das rutinas a tarta dos aniversarios de 5 anos -menuda festa!-, incorporamos a lectura de frases... sinxelas? cos fonemas traballados -aquí polo momento suamos todos ou case todos-,... este trimestre… promete!

FAMILIAS!!!... Despois dun Nadal repleto seguro de mil e unha anécdotas cargadas de toneladas de ilusión, maxia e fantasía, agardamos que voltedes a crer nos Reis Magos, e que nunca esquezades que... os Reis Magos existen!, existen no corazón de cada un dos que cren neles!...
Un saúdo e non esquezades que... o noso blogue se alimentará dos vosos comentarios!