Bienvenido

BUFANDA VIOLETA... PARA ANDAR EN BICICLETA!

viernes, 18 de marzo de 2016

Sabiades que o vindeiro luns 20 de marzo comeza unha nova estación?... Siii, a primavera xa está aquí!!, e con ela os días serán máis longos e o sol quentará con máis intensidade...
Se ben é certo, no noso cole dalgún xeito a primavera comezou un chisquiño antes, pois o 2 de febreiro celebramos o “Día da Candeloria”, día no que se marca a metade do inverno, considerado o preludio da chegada da primavera, do renacer da natureza e da festa da luz. É o día do casamento dos paxaros, o día dos namorados. A partir deste día ningunha ave voa soa. Saen os paxaros a celebrar a súa voda e ter pitiños pola primavera.
Deste xeito, a entrada do noso pavillón está presidida por un colorín colorado arco da vella que recrea un poema de Manuel María, autor homenaxeado este ano polo “Día das Letras Galegas”.


E para completar este fantástico mural... que mellor idea que cada clase recrease o casamento dos paxariños dos que vos falabamos antes mediante o emprego de materiais, elementos e técnicas da linguaxe plástica.


No noso caso, foi ben doado: témpera de cor vermella e purpurina, moita, moitísima purpurina. Finalmente, para darlle unha visión de conxunto: rotuladores fluorescentes e corazóns grandes, medianos e pequerrechos!...


Se ben é certo, as modificacións que se producen no contorno coa chegada dunha nova estación non pasan desapercibidas na nosa aula, e como non podía ser doutro xeito, suscitaron diversas actividades que nos serviron para observar e identificar algúns elementos do inverno e da primavera.


Comezamos ollando as roupas dos percheiros, recoñecendo a indumentaria propia que precisamos para protexer o noso corpo contra o frío: pezas máis grosas, uso de materiais máis cálidos, maior cantidade de roupa e accesorios específicos desta estación: bufandas, gorros, guantes, abrigos...


A necesidade de abrigarse no inverno como medida fortalecedora de saúde para evitar arrefriados, gripes, dores de gorxa… quedou claríiisima!
Ademais de todo isto, non podía faltar o elemento por excelencia do inverno: a neve! E que podemos facer coa neve?... Uf!, un montón de cousas: bonecos de neve, batalla de bólas de neve, montar en trineo, esquiar... e ata “ángeles” de neve!!... Que ben o pasaron varios compañeiros que nos contaron a súa recente experiencia na neve... fabuloso!


Aproveitando os primeiros raios de sol dunha semana de primavera anticipada, voltamos disfrutar do momento do patio: corrimos, saltamos, trepamos, rodamos... ata un día que o sol quentaba dabondo, decidimos organizar un pícnic á calor do soliño e merendamos no patio... algo distinto!


Por outra banda, aproveitando o inicio inminente da Festa da Pascua en Padrón, recreamos en cadanseu debuxo coelliños de Pascua, iso si, rodeados de moreas de ovos de delicioso chocolate como cos que os nosos padriños e madriñas nos agasallarán nos vindeiros días... mmm!


Nembargantes, por si a algún padriño ou madriña se lle esquecese este día, de maneira anticipada o venres levamos cadanseu ovo de Pascua nun sobre con forma de coello que recreamos con rotuladores logo do momento da merenda...quedaron ben simpáticos!


E para pechar este 2º trimestre, sesión de contacontos dobre. Por un lado DANIELA, elixiu o conto de Verónica el hada buena (Edit. Vicens Vives) e MICAELA o conto de Los osos toman el sol (Edit. Vicens Vives), cada unha no seu estilo... estiveron fantásticas!



Agora xa, toca descansar, repoñer forzas e disfrutar dunhas merecidas vacacións para enfrontar con todas as ganas do mundo as actividades que nos agardan no 3º trimestre. Boa Pascua, familias!...
Un saúdo e non esquezades que... o noso blogue se alimentará dos vosos comentarios!

FROITA NA ESCOLA.

viernes, 11 de marzo de 2016

Un curso máis, o noso centro participa no “Plan de Consumo de Froita nas Escolas”, unha inciativa promovida coa axuda financieira da Comunidade Europea e do Fondo Galego de Garantía Agraria.
Así pois, durante esta semana, non tivemos que traer merenda ao cole, xa que dende o luns procedeuse á distribución de froita a todo o alumnado do centro. Desta vez tocou: unha deliciosa mazá de cor amarela-verde para o luns, unha saborosa mandarina para o martes, o mércores pera, o xoves unha das nosas froitas preferidas,... plátano! e o venres... biscoito de chocolate!... Siii, o venres celebramos o aniversario de NICOLÁS e a laranxa que tocaba este día reservámola para a vindeira semana... resultou un cambio total!


A participación activa nesta experiencia conleva novas aprendizaxes no que a alimentación saudable se refire, pois máis dun de nós, pouquiño a pouco está aprendendo a comer froita... non é para tanto!...
Todo isto non é algo novo para nós, pois no noso centro, e especialmente na etapa educativa na que nos atopamos -Educación Infantil-, considérase a alimentación saudable como un dos alicerces básicos para conseguir unha boa calidade de vida.
Deste xeito, dende fai xa varios cursos, os profes de Educación Infantl do noso cole, decidiron establecer un almorzo saudable no que a cada día lle corresponde un alimento diferente.
Indubidablemente, unha boa dieta alimenticia contribúe ao desenvolvemento de hábitos de vida saudables que, xunto coa práctica de exercicio físico e de deporte, facilita estilos de vida fortalecedores dun desenvolvemento integral e harmónico das nosas capacidades: intelectuais, físicas, afectivas, sociais...
Esta experiencia diaria propicia un cúmulo de situacións que favorecen a adquisición de hábitos que promoven un estilo de vida saudable, algo imposible de acadar sen a inestimable colaboración das nosas familias... mil millóns de grazas por estar ao noso carón!
Aproveitando a temática da semana: froita na escola, levamos a cabo unha actividade impresa na que había que completar un froiteiro con diferentes froitas de tempada. Así pois, con máis ou menos tino, debuxamos e coloreamos alomenos 4 das nosas froitas preferidas, non sen antes, falar de todo isto na asemblea matinal.
Esta actividade permitiunos demostrar os nosos coñecementos sobre aquela froita de tempada que acostumamos a comer decote. Saiu dende a froita de sempre como a mazá, pera ou plátano, ata a froita máis exótica como o melón, a sandía e as fresas, pero as fresas con nata e azucre, eh!...


Quedaron uns froiteiros do máis coloridos!, como melloramos no debuxo!, canta arte!...


Agora xa, a vindeira semana, daremos un pulo importante ás actividades impresas das letras, convertíndose en fantásticas situacións para seguir avanzando no proceso de lecto-escritura. Chega o turno do D, N e Ñ, B e V, C e Z, F, G e X. Ao tempo, repasaremos e non esqueceremos as letras traballadas dende inicio de curso: as vogais, o P, L, M, S, T, e R, entre outras. 
Un saúdo e non esquezades que... o noso blogue se alimentará dos vosos comentarios!

SOÑOS DE GARABATOS.

viernes, 4 de marzo de 2016

A pesar dunhas semanas intensas no que a actividade se refire, -rematado o libro número 3 de MOLI, comezamos e casi casi rematamos o libro número 4-, iniciamos o estudo duns “Bits de Inteligencia” novos, nesta ocasión vencellados co mundo da arte... fascinantes!

Como xa vos contaramos o curso pasado, os “Bits de Intelixencia”, resultan de gran utilidade para estimular o cerebro, a aprendizaxe e a memoria, axudándonos a adquirir novos coñecementos, a desenvolver e ampliar a linguaxe, o hábito e a capacidade de atención, a memoria visual e auditiva, a fomentar a curiosidade e o interese...

Sabedores da adquisición de todos estes logros, chegou o momento de facer unha primeira aproximación ao mundo da arte mediante o descubrimento e identificación de distintas obras pictóricas de importantes artistas de renome tales como: Picasso, Leonardo Da Vinci, Miró, Salvador Dalí..., entre outros.
A través desta rutina, poñémonos en contacto coa arte e as expresións artísticas de todos os tempos e culturas, desenvolvendo deste modo a capacidade de ampliar ao máximo o noso sentido artístico, así como ofrecernos unha ampla gama de posibilidades coas que contribuír ao desenvolvemento da competencia cultural e artística.
O traballo a partir destas láminas de arte, supón coñecer, comprender, apreciar e valorar criticamente diferentes manifestacións culturais e artísticas que promoven un xuízo crítico e creativo da realidade que se amosa. Ademais, día a día, aprendemos un pouquiño de cada obra: autor, movemento pictórico, características salientables... e todo aquilo que nos amose un coñecemento o máis exhaustivo posible das 12 obras seleccionadas.
Así, para converternos en expertos en arte: ollos abertos, orellas abertas e... boca?... pechada! Non se nos escapa unha...
  1.  “Persistencia de la memoria” y “Mujer en una ventana” de Salvador Dalí.
  2. “La gallinita ciega” de Francisco de Goya y Lucientes.
  3. “Campo de tulipanes en Holanda” de Claude Monet.
  4. “El gran canal desde el palacio Balbi” de Canaletto.
  5. “El hombre de Vitruvio” de Leonardo Da Vinci.
  6. “Latas de sopa de tomate” de Andy Warhol.
  7. “Madre e hija delante del Sol” de Joan Miró.
  8. “Niños jugando a los dados” de Murillo.
  9. “Las Meninas” de Pablo Ruiz Picasso.
  10. “Las bañistas” de Pablo Ruiz Picasso.
  11. La Gioconda de Leonardo Da Vinci.
  12. “La conversación” de Henri Matisse.













Xa a vindeira semana, o traballo destas obras de arte permitiranos converternos en pequenos-grandes artistas e cadaquén reinterpretará a súa obra favorita. Para iso aínda queda moito que observar, identificar, coñecer e diferenciar... son unhas obras do máis completas!
Un saúdo e non esquezades que... o noso blogue se alimentará dos vosos comentarios!