Bienvenido

BITS DE INTELIXENCIA.

viernes, 23 de noviembre de 2018


Esta semana coas vacacións de Nadal cada vez máis próximas, iniciámonos nunha das prácticas que propiciarán interesantes experiencias de ensinanza-aprendizaxe ao longo do curso: o traballo cos “Bits de Inteligencia”.
“Bits de Inteligencia”... como?... non oistedes falar aínda deles?...
Os “Bits de Inteligencia”, resultan de gran utilidade para estimular o cerebro, a aprendizaxe e a memoria, axudando a adquirir novos coñecementos, a desenvolver e ampliar a linguaxe, o hábito e a capacidade de atención, a memoria visual e auditiva, a fomentar a curiosidade e o interese...
Así pois, estes días convertermos a nosa aula nunha auténtica galería de arte, así que... “pasen y vean”!


Neste senso, para mergullarnos no mundo da arte partimos do descubrimento e identificación de obras de todos os tempos e de diferentes artistas que nos permiten realizar un novo achegamento á linguaxe plástica.
A través desta rutina, poñémonos en contacto con diferentes expresións artísticas, desenvolvendo a capacidade de ampliar o noso sentido artístico, así como ofrecernos unha ampla gama de posibilidades coas que contribuír ao desenvolvemento da competencia cultural e artística... case nada!
Para iso, cómpre estar ben atento, cos ollos abertos e a boca pechada para non perder detalle de obras de artistas de renome tales como: Picasso, Leonardo Da Vinci, Miró, Salvador Dalí, Goya..., deixando por suposto un oco ao mundo da muller na arte: Frida Kahlo, Maruja Mallo, e mesmo Julia Minguillón nada na nosa cidade... fantástico!


O traballo a partir destas láminas de arte, supón coñecer, comprender, apreciar e valorar criticamente diferentes manifestacións culturais e artísticas que promoven un xuízo crítico e creativo da realidade. Ao tempo, día a día, aprendemos máis de cada obra: autor, movemento pictórico, características salientables... e todo aquilo que nos amose un coñecemento o máis completo posible das 12 obras seleccionadas... non se nos escapa unha!

"Las Meninas" de Pablo Ruiz Picasso
"La conversación" de Henri Matisse
"Mujer en una ventana" de Salvador Dalí
"Niños jugando a los dados" de Murillo
"La Gioconda" de Leonardo Da Vinci
"Campo de tulipanes en Holanda" de Claude Monet
"La gallinita ciega" de Francisco Goya y Lucientes
"El gran canal desde el palacio Balbi" de Canaletto
"Las bañistas" de Pablo Ruiz Picasso
"El hombre de Vitruvio" de Leonardo Da Vinci
"Madre e hija delante del sol" de Joan Miró
"Latas de sopa de tomate" de Andy Warhol
"Persistencia de la memoria" de Salvador Dalí

Asemade, case con cada lámina de arte, realizamos unha lectura espontánea, global, descritiva, narrativa, con transposición do gravado a posibles experiencias vividas... achegándonos ao coñecemento e valoración da profesión de PINTOR (materiais que emprega, se coñecemos algún, tipos...) e dos MUSEOS (espazo de ocio que serve para conservar as obras expostas).
Agora xa, a vindeira semana, a nosa aula encherase de toneladas concentradas de purpurina para celebrar a chegada do Nadal... preparados!


Un saúdo e non esquezades que... o noso blogue se alimentará dos vosos comentarios!

"... HOXE O OUTONO, CHEGA Á ANEXA".

viernes, 16 de noviembre de 2018


Esta semana puxemos o colofón final a uns días de intenso traballo que nos serviron para redescubrir os cambios que trae consigo o outono.
Así pois, se nos mergullabamos na celebración de Halloween-Samaín da man da pantasma Enrique, nesta ocasión, as castañas e as follas serviron de alicerce para descubrir e coñecer algunhas características que se producen no contorno e na vida das persoas co outono.
Unha vez máis, as asembleas matinais convertéronse no aliado fantástico co que pescudar os nosos coñecementos previos, deixando en evidencia algunhas das nosas necesidades de aprendizaxe. Todos e todas temos claro, clarísimo, que o elemento característico do outono por excelencia son as follas, agora ben, non tiñamos tan claro que as follas no outono ademais de cor marrón poden ser amarelas, vermellas, laranxas e mesmo verdes, si, si,... verdes tamén!


Ao tempo, identificamos outros elementos característicos do outono no contorno natural: animais como o esquío ou o caracol, indumentaria propia como as katiuskas e os chuvasqueiros e mesmo froitos secos como as castañas e as saborosas noces que moitos apañamos cando saímos ao patio... mmm, deliciosas!
Do mesmo xeito, no referido ao contorno social, a chegada do outono serviunos para prestar atención aos cambios que se producen tamén na vida das persoas. Agora xa, os días son máis curtos, chove a miúdo, vai vento e frío... polo que as actividades cotiás non son as mesmas que no verán, temos que abrigarnos coas prendas axeitadas, botar man do paraugas..., todo isto verificámolo cando saímos ao patio e comezan a aparecer os primeiros gorros, bufandas e luvas, pero... estamos en inverno ou outono?...
Inevitable, todos estes coñecementos e aprendizaxes tiveron cabida na proposta de diferentes actividades impresas cuxo eixo motivador foi o outono. Coloreamos follas de outono de marrón, amarela, vermella, laranxa, verde...


Cos resultados, logo de destroquelar nós mesmos as follas, creamos en primeiro lugar unha tartaruga cunha folla a modo de caparazón...


... e mesmo unha bolboreta voando entre follas do outono, escribindo “OUTONO” de maneira real e contextualizada en cada actividade impresa.


Tamén houbo tempo para o debuxo libre logo do momento do traballo obrigatorio no que debuxamos elementos propios do outono: caracois, árbores, cogomelos e follas, moitas, moitas follas...


E para rematar estes días nos que de xeito ameno e divertido coñecemos un chisquiño máis sobre o outono, que mellor que cantar, dramatizar e mimar a canción que compuxo a profe Marta, porque... “... hoxe o outono, chega á ANEXA”.


Un saúdo e non esquezades que... o noso blogue se alimentará dos vosos comentarios!

ESQUEMA CORPORAL.

viernes, 9 de noviembre de 2018

Esta semana, metidos de cheo no libro de actividades nº2 de MUNELA, adicamos distintos momentos á expresión plástica, exenta de modelos e o menos estereotipada posible.
Aproveitando o centro de interese do corpo humano que nos presenta MUNELA a partir da historia motivadora: “La pesadilla de Munela”, descubrimos, coñecemos e controlamos o propio corpo de forma global e segmentaria a partir das interaccións co espazo, os obxectos e os demais.
Así pois, MUNELA, unha noite ten o peor pesadelo que un monstro pode ter pois, nada máis e nada menos que se converte por momentos en... humano! Tomando esta situación como fío condutor, aproveitamos para interiorizar, se cabe aínda máis, o esquema corporal e así empregar axeitadamente as posibilidades motrices, sensitivas e expresivas do corpo, adaptando a cada situación posturas e actitudes corporais. 



Asemade, mediante o traballo sistemático deste centro de interese, adquirimos hábitos propios dunha vida saudable relacionados coa hixiene, alimentación e o descanso mental e corporal, entre outros, valorando o traballo de diferentes profesionais relacionados coa saúde (médico, enfermeira) e a práctica habitual de deportes como medidas fortalecedoras de saúde.
Neste senso, unha situación excepcional que se propiciou para o coñecemento do corpo humano o curso pasado, foi o debuxo diario do súper-encargado no que cadaquén apuntaba algúns dos seus rasgos característicos: cor de pelo, de ollos, vestido,...
Agora xa, en 4 ANOS, quen máis e quen menos elabora un esbozo máis ou menos completo e coidado do esquema corporal: cabeza con ollos, nariz, boca, orellas e pelo, tamén o pescozo, tronco e extremidades…


Ao tempo, completamos os nosos debuxos con outros elementos que contribúen a dar unha visión de conxunto: soles, nubes, arcos da vella, herba, flores… non lles falta detalle!
Así, e como colofón a todos estes descubrimentos, que mellor que xa hoxe venres, cambiar a actividade do caderniño de MUNELA por un debuxo no que unicamente existía a consigna de debuxarse a si mesmos. Nesta ocasión, non se trataba dun debuxo máis, era un debuxo especial, diferente, único,... por primeira vez nesta actividade traballamos con folios de cores... case nada!
Primeiro, pechamos os ollos e pensamos en que situación nos gustaría debuxarnos para deste xeito deixar testemuña dalgúns dos nosos intereses, motivacións e preferencias... que silencio!


Logo, tocou decidir a cor do folio que nos gustaría para o noso debuxo e lonxe de poder escoller a cor do noso “mellor amigo”, debiamos deixarnos levar polos nosos gustos persoais, ser orixinais... complicada decisión!


O que está claro é que cada vez gozamos máis deste tempo de debuxo, invertindo un tempo de maior calidade no seu proceso de elaboración, despreocupándonos do traballo alleo, empregando para cada cousa un rotulador, coloreando ao xeito, sen présa…


E como nos gusta cando reunidos en asemblea descubrimos, ollamos e identificamos o que debuxou cada compañeiro e compañeira. Bonito, bonito quedou o noso corcho do corredor… fantástico!


Un saúdo e non esquezades que... o noso blogue se alimentará dos vosos comentarios!

HAPPY HALLOWEEN!

viernes, 2 de noviembre de 2018

Hoxe venres puxemos o colofón a uns días monstruosamente divertidos cheos de cabazas, pantasmas, morcegos e moitas, moooitas historias de “medo”.
Comezamos a motivación desta celebración mediante un torbeliño de ideas no que destacamos elementos representativos desta data: pantasma, bruxa, esquelete, vampiro, castelo encantado, momia e... FRANKENSTEIN!       
Pero... que é ou quen é FRANKENSTEIN?... Pois FRANKENSTEIN é un gran home de cara verde, metade humano, metade robot que este curso se converteu no personaxe fantástico estrela das nosas conversas, debuxos e xogos.
Si, si, ata o profe trouxo unha figura solar de FRANKENSTEIN que situamos onda a cabaza do curso pasado... excelente motivación positiva!


Do mesmo xeito, a partir das asembleas matinais aprendemos a identificar e a respectar os medos propios e alleos dándolle a naturalidade propia, pois... quen non ten algún medo?...
Tranquilos, non hai de que asustarse!... bruxas, pantasmas, vampiros e demais personaxes arrepiantes só existen nos contos, nas pelis e/ou na nosa imaxinación... queda claro?
Ao tempo, este curspo voltamos recrear a festa de aniversario de Enrique coa lectura dos contos: El cumpleaños de Enrique (Edit. Edelvives) e Sonidos de Miedo (Edit. SM).
Asemade, o colexio mudou a súa ambientación: corredores e pasadizos terroríficos converteron a nosa escola nun colexio... “divino de la muerte”!


E claro, como non podía ser doutro xeito, a porta da nosa aula tamén mudou engadindo elementos representativos desta festa no que non podiamos esquecer a FRANKENSTEIN... quen se atreve entrar?...


Mesmo o corcho converteuse na morada ideal duns FRANKENSTEIN que nos serviron para traballar a serie de dúas cores... parabéns!


Agora ben, si hai un elemento que relacionamos claramente co Halloween-Samaín, son as cabazas, que pintamos con cera plástica de cor verde clara ou escura e témpera de cor laranxa... terroríficas!


Uf!… non pensedes que nestes días foi todo traballar, pois quedou tempo de sobra para gozar, uns máis que outros, coa escolma de diferentes capítulos de animación adecuados á nosa idade e propios da data; “El silbido de Frankenstein” e a canción de “Let’s go to Halloween” de Conecta Kids e Pocoyó… resultaron un éxito!


Por outra banda, e por se todo isto fose pouco, dende o centro solicitouse a colaboración das familias na decoración das cabazas. Había bruxas, vampiros, bebés e ata personaxes dos nosos debuxos favoritos… familias, mil millóns de grazas pola vosa colaboración!
E por fin, por fin chegou o mércores 31 de outubro, día no que viñemos ataviados dos nosos personaxes de terror preferidos: esqueletes, vampiros, momias, bruxas “buenas” e malas, zombies… truco ou trato?… HA HA HA!

 

Finalmente, para rematar estes días de medo, que mellor que levar hoxe venres para a casa a coroa elaborada na que pintamos un morcego con témpera de cor negra e pincel… complicado dabondo non saírse do contorno!



Agora xa sabedes: “Truco o trato hay que decir, y otra vez, repetir. Truco o  trato hay que decir, disfruta el Halloween”.


Un saúdo e non esquezades que... o noso blogue se alimentará dos vosos comentarios!