Bienvenido

NADAL NA ANEXA...

viernes, 20 de diciembre de 2019

Hoxe venres 20 de decembro, chegou o tan agardado final de trimestre, día no que levamos os materiais elaborados ao longo do trimestre e vivimos máis que nunca a ilusión propia desta data desenvolvendo actividades que mudaron cada xornada escolar.
Sen lugar a dúbidas, o Nadal é tempo de soños e ilusións compartidas, a inminente chegada de Papá Noel e das SS.MM. os Reis Magos de Oriente, propician un case permanente ambiente de maxia que evidentemente non deixamos escapar na escola e na nosa aula.
Así, ao tempo que cada día o súper-encargado abría unha fiestra do “Calendario de Adviento”, aproveitamos para realizar distintas actividades coas que nos achegamos a algúns dos elementos, celebracións e costumes do Nadal na nosa comunidade.



Neste senso, diferentes actividades impresas nos redescubriron algúns dos elementos decorativos máis representativos do Nadal: árbores, bolas, cintas de cores e luces, moitas luces...


Nadal é tempo de agasallos e, como non podía ser doutro xeito, Papá Noel e as SS.MM. os Reis Magos de Oriente, convertéronse nos personaxes por excelencia propios desta data.


Como xa vos contamos noutras ocasións, con estas e outras actividades, ao tempo que coidamos en realizar o traballo cotiá da mellor maneira posible -sen présa e prestando atención ao traballo propio-, avanzamos na escrita espontánea de palabras significativas; agora xa, cada vez máis expertos na escrita en letra minúscula enlazada... que fantástico!


Siii, esta semana foi de festa, resultou unha semana distinta na que como colofón final degustamos un tempo de merenda na que cadaquén trouxo o seu alimento preferido, mesmo sentamos onde quixemos... canto mellor amigo concentrado!


Ao tempo, este día foi máis aló do habitual e ao ritmo do Just Dance 2019, creamos un ambiente de festa inigualable,... que ben!


Xa para rematar, hoxe asistimos ao “Festival de Nadal” organizado a nivel de centro polo alumnado dos niveis aos que lles corresponde esta celebración, a nosa quenda será no “Festival das Letras Galegas”.
Agora, toca gozar destes días de vacacións e repoñer forzas para un 2º trimestre que se presenta cargado de boas novas... este cole si que mola!


Un saúdo con sabor a turrón e a mazapán e non esquezades que... o noso blogue se alimentará dos vosos comentarios!

ACTIVIDADES DE PECHE.

viernes, 13 de diciembre de 2019


Mergullados de cheo nas aventuras dos habitantes de Letrilandia–O País das Letras, comezamos a recta final deste 1º trimestre con actividades relacionadas coa lecto-escritura.
Como xa vos contaramos, este curso, da man do Señor Estudoso, tentaremos gañar un chisquiño de confianza e seguridade nas nosas posibilidades lecto-escritoras.
Estes días, case rematadas as actividades propias do trimestre, traballamos de xeito sistemático a lecto-escritura en letra enlazada minúscula.


Neste senso, identificamos a letra minúscula co seu habitante de Letrilandia–O País das Letras, tamén o seu son e letra maiúscula correspondente, trazamos grafías illadas e/ou combinadas seguindo a direcionalidade correcta... que súper-maiores! 


Este reto competencial que culmina este curso de Educación Infantil, será o resultado dun longo camiño iniciado cando tiñamos 3 anos, onde, dun xeito máis construtivista e significativo, traballamos a lecto-escritura en actividades cotiás como o fichaxe de ausencias e presenzas de cada mañá, cando escribimos “antes de nada y arriba de todo” o nome nas actividades impresas, modelado en plastilina de grafemas, os rótulos e pictogramas da aula que organizan e distribúen o espazo (percheiros, arquivadores, rincones...)... e un senfín de recursos que fan posible que esa linguaxe tan marabillosa que sae dos contos, saia tantas veces como queiramos.



Así, na nosa viaxe a Letrilandia–O País das Letras, coñecemos xa os problemas na perruquería do Panadeiro P, a importancia da Señora do Silencio para que o Rei U poida traballar sen ningún problema e os deliciosos flans que prepara o Leiteiro L... case nada!
Estas e outras historias, dado o interese que suscitan, converten a tarefa de aprender a ler nunha actividade emocionante repleta de intriga, sorpresas e toneladas concentradas de fantasía... estupendo!


Agora xa, para pechar este 1º trimestre como ben se merece, levaremos a cabo actividades que tomarán como eixo motivador o Nadal, así que preparados para ilusionarse e voltar a crer nos Reis Magos porque... os Reis Magos existen!, existen no corazón de cada un dos que cren neles!...


Un saúdo e non esquezades que... o noso blogue se alimentará dos vosos comentarios!

É TEMPO DE NADAL!!...

jueves, 5 de diciembre de 2019

Xa estamos en decembro, rematando o 1º trimestre!...
Este mes de decembro resulta especial no cole xa que trae variadas e divertidas sorpresas que agardamos durante todo o ano e que, dado o cúmulo de experiencias que suscitan, atópanse presentes nas conversas do resto do curso: a lectura de contos de Nadal, os últimos aniversarios do ano, a merenda especial o último día de trimestre e o “Calendario de Adviento”.
No “Calendario de Adviento” deste curso, aparece a ilustración de Papá Noel acompañado dun paxaro, dun oso, dun rato e dun reno que axiña coidamos que non se trataba de Rodolfo... non ten o nariz de cor vermella!


Cada mañá, o súper-encargado abre a porta do día correspondente e come a chocolatina, -respectando posibles alerxias alimentarias-, tras descubrir o debuxo que se agocha en cada caso... mmm!


Esta rutina, un curso máis, proporciona distintas situacións de ensinanza-aprendizaxe, pois ademais de realizar actividades de lóxica-matemática tales como contar, sumar, restar, identificar o número do día… propicia interesantes conversas sobre esta data tan especial.
Así, con esta e outras actividades, descubriremos, identificaremos e valoraremos o Nadal como feito relevante próximo á nosa vida cotiá. Para isto, partiremos de elementos motivadores como cancións, contos, diferentes personaxes de tradición popular, respectando e valorando, en todo caso, a diversidade como elemento positivo e enriquecedor da persoa humana.
Porén, a rutina do “Calendario de Adviento”, relacionarémola coa inminente chegada das vacacións nas que levaremos para a casa todos os traballos realizados durante o trimestre.
Uf!... aínda resta traballo dabondo!... Nestas derradeiras semanas coñeceremos ao Panadeiro P, ao Leiteiro L, á Señora da montaña M e á Señora do silencio S... non hai tempo que perder!... e é que neste curso, a carta ás Súas Maxestades os Reis Magos de Oriente, irá escrita en letra minúscula enlazada para que nos traian cousas de súper-maiores... soa xenial!


E para comezar con esta celebración, que mellor que brillar con luz propia cos restos de purpurina das actividades impresas... ilusiónate co Nadal!


Un saúdo e non esquezades que... o noso blogue se alimentará dos vosos comentarios!