Bienvenido

"DÍA MUNDIAL DA AUGA".

viernes, 29 de marzo de 2019


Sabiades que o venres 22 de marzo foi o “Día Mundial da Auga”?...
A “Conferencia de las Naciones Unidas sobre Medio Ambiente y Desarrollo” declarou no ano 1992 o 22 de marzo de cada ano como o “Día Mundial da Auga”, unha situación que posibilitou na nosa aula a valoración da auga como elemento esencial do desenvolvemento sostible, contando cun impacto positivo na vida humana ao incidir en cuestións que afectan á seguridade alimentaria, á saúde persoal e ao medio ambiente.
Así pois, co gallo desta celebración, descubrimos, identificamos e coñecemos algunhas das propiedades e calidades máis representativas da auga, desenvolvendo actitudes positivas de uso e consumo responsable.


Onde podemos atopar auga?... Na praia, no río, nos lagos e lagoas, na piscina, no grifo e nas fontes, e mesmo na ducha... máis concienciados que nunca de que auga resulta un recurso que hai que respectar, establecemos algunhas normas que fomentan o seu uso responsable; pechar a billa do grifo é unha excelente medida... así si!
Neste senso, destacamos e valoramos a importancia da choiva como fenómeno necesario para a vida dos animais e das plantas. Falamos da importancia das fontes, dos regatos e dos ríos, portadores de auga aos campos onde viven todo tipo de plantas e árbores.
Pero... que pasa agora que case todos os días no momento da constatación do tempo atmosférico apenas poñemos o pictograma de choiva?... quedaremos sen auga?...



Esta experiencia, enmarcada fundamentalmente nas asembleas matinais, converteuse nunha fantástica situación na que grazas á observación, exploración e experimentación, construímos activamente os nosos coñecementos e aprendizaxes sobre un tema vital como é a auga, os seus usos, funcións, posibilidades, coidados... Desenvolvendo o pensamento racional e a nosa capacidade de análise, tratamos de comprender a situación real a partir dos seus compoñentes, baseándonos no uso sistemático da razón.


Porén, e como vén sendo habitual dende hai xa 7 cursos consecutivos, este traballo desenvolveuse, en parte, a partir do material que cada curso a Deputación Provincial de Lugo reparte aos colexios da provincia para divulgar o coñecemento dos ciclos da auga e da árbore.


A camiñada de Pin e Gas, conta a historia de dúas pingas que se atopan coa contaminación e como logo de utilizar a brétema para continuar viaxe, o río Miño, principal canle de auga de Galicia, será a vía para acadar o mar e comezar de novo o ciclo.
Que interesante!... pois a partir das actividades desenvoltas, sen decatarnos, iniciámonos no método científico constatando e verificando que a auga non ten sabor -é insípida-, tampouco ten cor -é incolora-, e moito menos ten olor -é inolora-... canto aprendemos!
Un saúdo e non esquezades que... o noso blogue se alimentará dos vosos comentarios!

MiSiÓn EsPaCiaL!...

viernes, 22 de marzo de 2019


Embarcados nunha misión espacial, estas semanas descubrimos e identificamos algúns elementos representativos do Sistema Solar, así que… cinturóns abrochados que a viaxe comeza… preparados!
Como sabedes, comezamos cada xornada coa asemblea matinal, un tempo adicado á expresión oral, reflexión, organización e secuencia das actividades propias de cada día no que a elección do súper-encargado é un dos momentos clave.
Entre as tarefas que realiza o súper-encargado, ademais da fichaxe de ausencias e presenzas e das actividades de lecto-escritura e de pensamento e razoamento lóxico-matemático, está a rutina de PIPO, o coello espacial.


Chegado este momento, introducímonos na observación e identificación dalgúns fenómenos atmosféricos e meteorolóxicos que se suceden no día a día, constatando en cada caso co seu pictograma correspondente -de sol, sol con nubes, nubes negras/grises e choiva-, o tempo cotiá.
Estes días, a partir desta rutina, e convertidos nuns auténticos astronautas, descubrimos planetas tales como: XÚPITER e VENUS, compostos fundamentalmente de gases e rochas volcánicas, respectivamente.



Tamén coñecemos un dos nosos planetas favoritos: SATURNO, cuxa forma esférica rodeada de aneis de cores nos resulta tan espectacular.


E como non, a TERRA, que resultou o máis doado de recoñecer ao tratarse do planeta no que vivimos.


Nesta viaxe espacial tamén descubrimos as constelacións, agrupacións de estrelas que se atopan no Universo como por exemplo a de O CENTAURO -con forma de animal mitolóxico metade home, metade cabalo-, ou a OSA MAIOR, -con forma de carro sen rodas-.



Vimos cometas como o HALE-BOOP con forma de lume da que sobresaen varias colas... fascinante!


Para esta viaxe espacial, non puidemos atopar mellor pasaporte que os “Bits de Inteligencia”.



Foi tal a expectación que levantou o uso deste material didáctico, que no tempo adicado ao debuxo, plasmamos en diferentes días auténticas producións espaciais: planetas, estrelas, nubes, cometas...


Noutra ocasión, deixamos voar a nosa imaxinación identificando cores, formas, tamaños e proporcións dos ALIENÍGENAS. Caras verdes, antenas, ollos e brazos sen control... quedou un corcho galáctico!


Xa no último día, achegámonos á figura do primeiro home en pisar a lúa, o estadounidense NEIL ARMSTRONG, sen esquecer a VALENTINA TERESHKOVA, primeira muller en viaxar ao espazo exterior... e mesmo a LAIKA, o primeiro animal en orbitar a Terra... que interesante!
Agora xa, na vindeira semana, iremos pechando actividades e tarefas dun 2º trimestre que rematará o venres 29 de marzo... sprint final en 3, 2, 1!
Un saúdo e non esquezades que... o noso blogue se alimentará dos vosos comentarios!

PARABÉNS!...

viernes, 15 de marzo de 2019


“O día do aniversario, Marcel invitou a Tristán a merendar na súa casa.
- Felicidades! - dixo Tristán ao ver ao seu amigo, e deulle un pequeno paquete.
Marcel abriu o agasallo e preguntou: - Isto que é?
- Sobroume das cortinas da cociña - explicou Tristán.
- Gústache?
- Prefería mellor unha buxaina pero...”
Extracto do conto: Un agasallo diferente. Edit. Kalandraka.

Un dos acontecementos sociais das nosas vidas é o aniversario con todo o que conleva: preparación da festa, agasallos, cumprir anos...
Así pois, á volta das vacacións do Nadal, nunha das primeiras asembleas matinais do ano, colocamos a tarta de 5 anos logo de retirar a tarta de 3 anos que quedara baleira cos aniversarios de decembro de BELTRÁN, NABIA, VALERIA, ALICIA e SIRA.


Agora xa, tocaba poñer as fotografías na recén estreada tarta de 5 anos que, no mes de xaneiro JUAN e MARTÍN F. estrearon entusiasmados, nunha celebración que nos serviu para incorporar novos ritos a esta rutina mensual.


Coma decote, nesta primeira celebración de 5 anos, seguimos o ritual establecido dende o curso pasado: cambiamos a foto, cantamos cancións alusivas e... estreamos a coroa de 5 anos!


Uf!, e non vexades o rápido que segue avanzando este curso que, sen decatarnos, e debido a que febreiro é o mes máis curto do ano, esta mesma semana foi a quenda de ANXO, PABLO A. e LUCÍA que, por si se esquecían, axiña acordaron marcar con rotulador fluorescente de cor amarela no calendario do panel de rutinas o día da celebración no cole... así si!


Como vedes, as pequenas cousas contan cunha significatividade especial na nosa aula convertíndose en alicerces excepcionais que nos fan cada día máis maiores, axudándonos a comprender o noso pequeno-gran mundo.
Un saúdo e non esquezades que... o noso blogue se alimentará dos vosos comentarios!

VIVA O ANTROIDO!!...

viernes, 1 de marzo de 2019

Hoxe venres, como colofón a unha semana na que desenvolvimos distintas actividades relacionadas co antroido, viñemos ao cole ataviados cos nosos mellores disfraces e complementos... foi fantástico!
Como vén sendo habitual, as asembleas matinais convértense na mellor lanzadeira de ideas e coñecementos previos cara un novo tema de estudo: aportamos elementos e características do antroido, símbolos, postres típicos...
Indubidablemente, os disfraces e accesorios ocupan un espazo privilexiado nesta celebración onde grandes e pequenos deixamos voar a nosa imaxinación para converternos naquel personaxe que fai que vivamos o antroido de maneira divertida e enxeñosa... case nada! Neste senso, quen máis e quen menos tiña escollido disfrace, ou alomenos o personaxe no que lle gustaría converterse.
Este ambiente festivo que propicia o antroido, favoreceu distintas propostas de traballo que nos permiten avanzar no noso proceso de maduración e desenvolvemento.
A véspera do antroido no cole, pintamos a carauta, reconvertida en antiface, de MUNELA. Axiña coidamos a cor na que debiamos pintar: os cornos de cor amarela, o pelo de cor verde escura (verde botella) e a cara de cor verde clara.


O resultado?... 25 MUNELAS, cada unha no seu estilo... xeniais!...


Ao tempo, e anticipando o final do antroido, achegámonos ao momento do “enterro da sardiña”, recreando esta con plastidecor azul -a elexir- e témpera cor prata a modo de escamas.


E así, tras unha longa conta atrás de máis de dúas semanas, chegamos ao día, 1 de marzo, venres de antroido no cole... que nervos!... Estabamos ilusionadísimos coa celebración, expectantes, descontrolados...


Nunha asemblea diferente na que un entregado DRAGÓN (MARTÍN F.), desenvolveu con total rigorosidade as rutinas propias deste momento, aproveitamos para falar de cada disfrace: funcións, complementos e accesorios. Non todos os días un pode converterse en: superheroe, animal, princesa Disney...




Xa a media mañá, no ximnasio, participamos no “Festival de Antroido” onda os compañeiros e compañeiras de 4 ANOS B para mimar e dramatizar Chindolelé de Cantajuegos que estas semanas ensaiamos coa profe Marta... auténticas súper-stars!





Resultou un acto ameno e non perdemos detalle das cancións de todas as clases do colexio: que variedade de estilos, cantos disfraces, canto traballo ben feito... parabéns ANEXA!... e que viva o antroido!



Un saúdo e non esquezades que... o noso blogue se alimentará dos vosos comentarios!