Bienvenido

#TodoVaiSaírBen

lunes, 20 de abril de 2020


Esta semana, seguindo de novo as instrucións da Consellería de Educación, Universidade e Formación Profesional, comezamos coas recomendacións propias deste 3º trimestre que nesta ocasión toman como eixe vertebrador A EXPRESIÓN ARTÍSTICA.
Indubidablemente, a expresión artística convértese nunha linguaxe con numerosas posibilidades de comunicación. Deste xeito, os elementos, materiais, soportes e técnicas que emprega, permiten a realización de múltiples actividades que potencian a nosa imaxinación, curiosidade, pensamento crítico e creativo, a exploración e experimentación, a sensación, percepción...

Así, como unha das actividades propias da linguaxe plástica está a representación do esquema corporal. Lograr o esbozo completo do esquema corporal diferenciando cabeza, tronco e extremidades, ás veces segue resultando unha tarefa máis complicada do que debera.
  • Na cabeza: ollos, nariz, boca, orellas e pelo, tamén o pescozo.
  • No tronco: recrear a indumentaria propia de cada estación e/ou situación representada.
  • As extremidades poden debuxarse de formas variadas para aportar volume, sensación de profundidade, movemento, perfís, posturas combinadas... como obxectivos propios de 6º de Educación Infantil.
Xa logo, hai que completar os debuxos con elementos complementarios que contribúen a dar unha visión final de conxunto, ao tempo que ofrecen unha información persoal de cada neno e nena, unha visión global dos seus intereses... o proceso debe de ser coidado e elaborado. Rotuladores, ceras brandas, Plastidecor36, lapis de cores... para cada cousa unha cor diferente, sen présa, coloreando ao xeito, amodo...

Alén disto, tamén se poden desenvolver outro tipo de actividades que poñan a proba o uso de elementos e materiais propios desta linguaxe:
  • tesoiras: claro que todos somos quen de recortar libremente, pero ás veces o recortado con demarcación resístesenos,
  • punzón e táboa de picado: o picado con demarcación convértese nunha actividade que pon a proba a nosa paciencia,
  • plastilina, masa para modelar e ferramentas propias: dando volume, forma e proporción,
  • témpera, acuarela, pinceis de distintos grosores  e esponxas de estampación: para descubrir as propiedades da pintura, as cores primarias, as mesturas como medio para a obtención das cores secundarias...
Neste senso, podemos empregar todos estes materiais de maneira illada e/ou combinada con técnicas propias da expresión artística, experimentando distintas formas de traballo:
  • collage: a partir de material de desfeito e refugallo (recortar e pegar, picar e ensartar, estampar, engurrar...),
  • vidrieiras con distintos tipos de papel, compoñendo formas, mosaicos...,
  • actividades con pintura: estampacións, salpicaduras/batik, por inmersión...,
  • modelado: dando volume mediante pellizcos, estirados...
Todo este traballo verase complementado coas achegas de artistas de todos os tempos, estilos e países: Paul Klee, Vasili Kandinski, Piet Mondrian, Joan Mirò, Picasso, Jorge Peteiro, Leandro Lamas... Frida Kahlo, Maruja Mallo, e mesmo Julia Minguillón nada na nosa cidade...

Listo!... Agora xa, deixade voar a imaxinación e pintade de cores e de toneladas de purpurina concentrada todo o que nos agarda cando isto remate... Á N I M O !!

2 comentarios:

Marta dijo...

Moitas grazas José Ricardo
Esperamos que pronto todos nos poidamos volver a encontrar... Martín Fouz manda moitos bicos e apertas para todos
Desexa poder volver ó cole antes de pasar a primaria

Profe J.Ricardo dijo...

Aínda que complicado, oxalá moi pronto vernos de novo e pechar como ben merece estes 3 cursos xuntos...
Un abrazo enorme para MARTÍN F. e para TELMO.
Saúdos familia.