Bienvenido

DE LISTAS AZUIS E BRANCAS...

viernes, 26 de septiembre de 2014

Agora si, agora si que podemos dicir que comezamos o cole dos maiores, pois unha vez rematado o período de adaptación no que a quendas de permanencia na aula se refire; esta semana descubrimos algunhas das rutinas e ritmos cotiás que desenvolveremos na nosa aula ao longo do curso. E claro, unha das primeiras rutinas obxecto de aprendizaxe non podía ser outra que a posta e abotoado correcto do mandilón... uf, que difícil!
De listas azuis e brancas, con cadros pequerrechiños azuis e brancos... aderezados, nalgúns casos, cos nosos personaxes favoritos de debuxos animados, con botóns multicores e cunhas fermosas letras de cores nas que pronto seremos quen de identificar o propio nome e o dos nosos compañeiros e compañeiras... uns mandilóns chulísimos!


Sen lugar a dúbidas, o mandilón convertirase na prenda de vestir por excelencia que luciremos durante os cursos da Educación Infantil, asemade, convertirase nun elemento co que traballaremos diversas capacidades, habilidades, destrezas e actitudes que incidirán no noso desenvolvemento integral e harmónico.
Así pois, cada mañá, entraremos na aula no “tren de Martiño” comezando coas rutinas de entrada, e dentro destas, coa posta de mandilón como primeiro ritmo cotiá.
A través desta rutina, traballaremos un senfín de contidos tales como, entre outros: a coordinación óculo-manual e relacións matemáticas de correspondencia -cada botón correspóndese con cadanseu ollal-, actitudes de gozo e disfrute ante um aspecto coidado e ordeado dun mesmo -ollo ao ollal, cada botón no seu lugar!-, hábitos de autonomía persoal no tempo que poñemos e abotoamos de xeito cada vez máis independiente, sen a axuda do profe, o mandilón -un brazo, outro brazo e... a voar!-... interesante e froitífera rutina... non si?...






E tras a posta do mandilón?... Comeza a xornada: a asemblea matinal con todos os seus ritos e rutinas, o tempo de traballo en mesa, a clase dos especialistas, o momento da merenda, o tempo do patio no parque do tobogán grande, a sesión de contacontos e as dinámicas de expresión rítmico-musical-corporal, o xogo libre e/ou dirixido nos rincóns... 



Siii, de todo isto, vos daremos novas moi pronto... seguide moi atentos ao noso blogue!
Os nenos e nenas de 3 ANOS B, estamos preparados para descubrir e disfrutar de todo o que nos agarda este curso 2014-2015... COMEZAMOS!!!

... COMEZAMOS!!!
Un saúdo e non esquezades que... o noso blogue se alimentará dos vosos comentarios! 

PASENIÑAMENTE...

viernes, 19 de septiembre de 2014

Unha semana cargada de novidades, grazas ao feito de que as quendas establecidas para o período de adaptación diversificáronse e no canto de grupos de 5 nenos e nenas, o grupo-clase constituise en dous únicos grupos de 10 nenos e nenas cada un... que ledicia levamos ao coincidir con vellos amiguiños!...
Agora xa, comeza a conta atrás para incorporarnos ao cole en horario normal, unha situación que propiciará iniciarnos de xeito sistemático nas rutinas da aula.
Aínda queda un longo camiño, queda seguir acostumándose paseniñamente aos hábitos, rutinas e ritmos cotiás que vertebrarán o desenvolvemento da nosa parrilla de clase cada xornada; para iso, estes días participaremos en actividades grupais que servirán para descubrir e coñecer algúns espazos e materiais da aula, identificaremos progresivamente espazos individuais coma o casilleiro individual, o percheiro, o lugar para comer..., estableceremos ritmos e rutinas que nos ofrezan un marco estable e seguro...
Siii..., xa formamos parte dunha nova vida, onde imos soñar, xogar, cantar e fantasear... velaquí vos deixamos unhas imaxes destes primeiros días no cole dos maiores...









Familias, estade tranquilas, confiade e paciencia, moooita paciencia, isto é novo para nós, pero coa vosa axuda será tooodo máis doado...
 Un saúdo e non esquezades que... o noso blogue se alimentará dos vosos comentarios!

MAMÁ DÁME BICOS, PAPÁ DÁME MÁIS...

viernes, 12 de septiembre de 2014

Esta semana abrimos por primeira vez a porta da nosa aula, e MIGUEL, NAIRA, GAEL e SABELA R.G., SABELA R.I., XIMENA, MICAELA, XOEL, YAIZA e BRUNO, iniciamos o noso primeiro día no cole dos maiores con moitos nervios, ansiedades, ilusións compartidas, algunha que outra bágoa e sorrisos, moooitos sorrisos... Todo era novo para nós: o cole, a aula, o profe e os amiguiños, os xoguetes... uf, cantos cambios!

Esta semana, aproveitamos o noso blogue de aula para animar nesta ocasión a PAULA, LAURA, NICOLÁS, NAIARA, MARCOS, EVA, JUAN RAÚL, DANIELA, YAGO e SANTIAGO. Estes nenos e nenas son os seguintes en disfrutar dunhas horas na aula e no parque do cole dos maiores...

Xa ao longo da vindeira semana, os grupos serán máis diversos, un feito que propiciará o coñecemento de novos amiguiños e amiguiñas... isto soa ben, moi ben!...
Do mesmo xeito, esta diversificación de grupos, servirá para convertir a nosa aula nun fermoso poleiro, onde seremos uns agarimosos pitiños e pitiñas que axudarán a un pitiño de crista de vermella no seu período de adaptación á escola do medio da eira. Moi atentos...

O pitiño branco
de crista vermella
comeza hoxe a escola
do medio da eira.

Intúe que a escola
é algo importante,
porque no poleiro
só fan preguntarlle:

-E ti?...vas á escola?
-Cando á escola irás?
-Se non vas á escola...
non aprenderás.

Onte pola noite
non pechaba ollo,
estaba nervioso
con todo ese embrollo.

O pitiño branco
non dorme, non soña,
faise mil preguntas
sobre iso da escola:

Haberá unha mestra?,
ou un educador?,
será un sitio frío?,
fará nel calor?

Que fago cando entre?,
terei que sentar?
Se non teño sitio...
poderei marchar?

Alí hai moita xente...
coñecerei a alguén?
Con quen xogo se...
non coñezo a ninguén?

E se quero caca
ou facer pipí...
a quen llo debo eu
comentar ou dicir?

Se vou ao retrete
saberei regresar?
Quen a cremalleira
me axudará a pechar?

E se cando acabe
non me veñen buscar...
que fago? marchar?
ou pórme a chorar?

Estas e outras dúbidas
fanlle presentir
que iso da escola
non é para si.

Cando dorme, soña
coa avoa galiña.
Que emocionada
está a pobriña!:

-Como pasa o tempo!
Onte inda era ovo,
e hoxe o meu neto
é un alumno novo!

Espertou outra vez,
ás tres da mañá
e lembrou as cousas
que lle mercou papá:

Un lapis, uns folios,
unhas cores, un traxe...,
Moitas máis cousas
que se vou de viaxe!
..................................
O galo ergueuse
e chamou ao pitiño,
a pola mandou
bulir un pouquiño:

-Hai que bulir un pouco,
xa pasa da hora
correde ou non chegamos
cediño á escola.

Será que a escola
-pensa o pitiño-
se vai desprazando
cada minutiño?

Ai que nervios teño!
Xa estamos chegando
con pitas e pitos
eu voume atopando.

O pai, o galo
está preocupado...:
que fará o pito
cando estea esgotado?

Se a escola é -cavila-
o mellor que hai...
por que lle treme todo
á miña bela nai?
...............................
Que é iso que soa?
Que é ese timbre?...
Non entro, non quero,
as miñas ás resístense.

Mamá dáme bicos,
papá dáme máis,
Nin que me fose
alén de Xangai!

Se me dan máis bicos,
voume suxeitar,
forte, moi forte,
non me hei soltar.
...........................
Chegou o momento,
xa teño que entrar,
saúdanme na porta...
isto vaime gustar.

Papá e mamá
quedaron un pouquiño
por se tiña medo
de ficar soíño.
............................
...Aos poucos días
vai seguro á escola,
está pouco tempo,
máis todo controla.
.................................
E é que esta escola,
a escola da eira,
ten un plan de entrada
que é de primeira.


Azucena Arias Correa en "E ti... vas á escola?"

Durante as vindeiras semanas, traballaremos a modo de secuencia de aprendizaxe, o poema “As dúbidas do pitiño” de Azucena Arias Correa... será estupendo!... preparados?...
Un saúdo e non esquezades que... o noso blogue se alimentará dos vosos comentarios! 

NOVAS SONRISAS!... NOVOS MANDILÓNS!...

lunes, 1 de septiembre de 2014


Siii, xa estamos aquí!!!... Como, que non sabedes quen somos?... Somos nós, as novas “SONRISAS Y MANDILONES”, que ao longo deste curso vos contaremos a través do noso blogue un senfín de experiencias coas que coñeceremos máis e comprenderemos mellor o noso pequeno-gran mundo. Agardamos que vos gusten…
Este curso será moi importante, trátase nada máis e nada menos que do noso primeiro curso no cole dos maiores: uff, que nervios!
Estamos a piques de comezar unha nova etapa nas nosas vidas nas que van intervir persoas que resultan descoñecidas para nós; por iso, é importante que colaboredes cos mestres e mestras en todo este proceso contándolle cousas sobre nós porque non nos coñecen, transmitíndonos tranquilidade á hora de entrar e ledicia á hora de saír.

Como todo isto é novo para nós, é importante que un de vós nos acompañe durante estes primeiros días, pero debedes de estar tranquilos porque se vos vemos nerviosos non o imos pasar ben, e contáronnos que o cole dos maiores é súper-divertido e que nel aprenderemos un montón de cousas novas.

É necesario que nos mandedes ao cole con roupa cómoda e cun calzado que non teña cordóns porque aínda non sabemos atalos e deste xeito non precisaremos de ninguén para calzarnos.

Para estar no cole dos maiores, ademais precisaremos un mandilón aberto por diante de listas azuis e brancas cos botóns de cores e co noso nome escrito en letra maiúscula; tende en conta que imos traballar moito.

Como imos pasar moito tempo no cole, tamén nos deberedes mandar un pequeno almorzo;... pero ollo!, non nos mandedes moita cantidade porque aínda non comemos tanto, e procurade cumprir o menú establecido para que a miña dieta alimenticia sexa saudable e variada... mmm!

Ás veces non imos querer ir ó cole, sobre todo se non durmimos o suficiente, por iso é recomendable que nos deitedes cedo e que durmamos entre 10-12 horas; se aínda así non queremos ir, preocupádevos de que non teñamos febre, dor de oídos… e se estamos sans, lembrádenos o ben que o pasamos e a cantidade de sorpresas que viviremos ao longo de cada xornada.

MIGUEL, NAIRA, GAEL e SABELA R.G., SABELA R.I., XIMENA, MICAELA, XOEL, YAIZA, BRUNO, PAULA, LAURA, NICOLÁS, NAIARA, MARCOS, EVA, JUAN RAÚL, SANTIAGO, YAGO e DANIELA, están preparados... e vos?...

Un saúdo e non esquezades que... o noso blogue se alimentará dos vosos comentarios!