Bienvenido

SE A PAZ É UN SOÑO... NÓS SOÑAREMOS TODA A VIDA!

viernes, 29 de enero de 2010

Se a PAZ é un soño, nós soñaremos toda a vida. Esta é a conclusión á que chegamos ao longo desta semana, tras as conversacións suscitadas pola actividade conmemorativa que celebramos hoxe venres no noso centro: o Día da Paz.
Na relación dos principios establecidos na LOE, ocupa, sen lugar a dúbidas un lugar relevante, a transmisión daqueles valores que favorecen a liberdade persoal, a responsabilidade, a cidadanía democrática, a solidaridade, a tolerancia, a igualdade, o respecto e a xustiza, así como aqueles outros valores que axudan a superar calquera tipo de discriminación.
Tendo esto moi presente, nesta semana estivemos traballando aspectos relacionados coa Educación para a Paz, esto non quere dicir, nin moito menos, que este ámbito de traballo que demanda a sociedade plural e cambiante na que vivimos, a limitemos exclusivamente a esta data, pois, día a día, ao longo dos distintos momentos da xornada, dunha maneira ou doutra, traballamos elementos relacionados con este eixo transversal.
Así, por exemplo, o momento da asemblea posibilita o traballo desta temática no momento en que progresamos na escoita atenta ao resto de compañeiros, a saber respectar a súa opinión cando esta é distinta da propia e, sobre todo, levantar a man antes de falar, algo que sabemos nos está custando acatar... sentímolo profe.
Tamén traballamos elementos relacionados con esta temática cando a principio de curso entre todos e todas establecemos as normas que rexen a vida da aula ou cando o profe nos amosa formas pacíficas e máis aceptadas socialmente para resolver os conflitos que día a día nos suceden e que forman parte do noso proceso de socialización.
Todo isto foi traballado dun xeito máis dirixido e intencional nesta semana na que os nenos e nenas de 4 anos B pedimos a PAZ, un concepto do que xa tiñamos algunha idea.
Para iso, unha vez máis, as asembleas matinais convertíronse nun recurso excepcional para chegar ao centro deste concepto que tantas veces escoitamos nos medios de comunicación social. Día a día fomos traballando sobre a paz, e para organizar un pouco as nosas ideas, que eran moitas, decidimos facer un bule-bule no encerado, e previa man levantada (esta semana facíase algo indispensable) relacionamos a Paz con conceptos e accións tales como: “axudar a mamá”, “portarse ben”, “recoller”, “amigos”, “obedecer”... A partir destas ideas, moi acertadamente chegamos a unha conclusión, pois para todos nós a Paz é algo máis ca ausencia de guerra.

Todo isto ademais tamén se traballou a partir de actividades impresas que xiraban en torno á Paz, posibilitando a adquisición de habilidades relacionadas coa lecto-escritura, mediante a composición da palabra PAZ para o cal debíamos fixarnos e colocar na orde correcta cada grafema, habilidades manipulativas, identificación de elementos relacionados coa Paz...
Finalmente o venres, logo do recreo, todo o alumnado do centro reunímonos no porche do pavillón sur e alí, clase a clase, fomos lendo a petición que fixemos e meténdoas nun cesto que ía unido a un inmenso globo inflado con helio que representaba a bola do mundo e no que tamén se podían ler palabras e mensaxes relacionados coa Paz.
Cando todos os grupos expuxeron o seu desexo de Paz, proxectáronnos nunha pantalla dixital unha canción na que se fala de valores vinculados coa data obxecto de conmemoración. Titúlase Aquarela, unha música e unha letra sensacional acompañada dunhas imaxes que non nos cansamos de ver e, durante a semana, lle pedíamos ao profe unha e outra vez que a puxera no ordenador.
Como actividade final deste acto conxunto do centro, aquel globo ao que non lle quitamos ollo durante toda a celebración - era espectacular -, soltouse na explanada do patio e, subiu moi moi alto, ¿a onde irá parar?...
Agardamos que as nosas mensaxes, acaben nun lugar no que non coñecen a Paz, nun lugar no que non existen os sorrisos nos nenos e nenas pois, a PAZ... comeza cun sorriso!
Un saúdo e non esquezades que... o noso blog se alimentará dos vosos comentarios!

MOI ATENTOS...

PROFE, HOXE LEVANTEIME E SENTINME MÁIS MAIOR, PROMÉTOCHO...

viernes, 22 de enero de 2010

Despois da conta atrás realizada ao longo da semana, por fin chegou o 19 de xaneiro, un día no que dous dos nosos compañeiros, Mauro e Laura L., serían os primeiros, de toda a clase, en cumprir 5 anos, de aí que esto mereza unha mención especial no noso blog.
“Profe, hoxe levanteime e sentinme máis maior, prométocho”, era o que dicía, moi contento, un dos nosos cumpreañeiros ao entrar na clase e é que de sobra sabía que hoxe era o seu día; un día no que se convertiría xunto coa outra nosa cumpreañeira nos protagonistas da xornada.
Cando levamos a cabo a asemblea matinal o profe colocou, tal e como prometera, a tarta de 5 anos logo de retirar a de 3 anos que quedara baleira en decembro tras os aniversarios de Izan, Hugo e Paulo.
Como podedes imaxinar, a partir deste momento surxiron preguntas inevitables para moitos de nós.
- Tamén poñerás a tarta de 6 anos, profe?.
- Claro, pero para iso todavía queda moooooito tempo, nada máis e nada menos que agardar de novo a que pase o Festival de Nadal.
- E logo da tarta de 6 poñerás a tarta de 7 anos?...

A resposta nesta ocasión foi inesperada, pois fixo replantexarnos moitas cousas coas que non contabamos.
O profe explicounos que non ten preparada a tarta de 7 anos, pois cando cumpramos esta idade, incluso moitos de nós os 6 anos, estaremos na planta dos maiores.
A moitos de nós a idea gustounos; por fin nos esqueceremos do mandilón e, sobre todo, por fin, estaremos na hora do patio na zona de xogos dos maiores, unha zona que invita máis ca nosa á expansión vital.
Simultaneamente, sucedéronse sentimentos atopados, pois o feito de subir para a planta dos maiores conlevaba unha condición coa que moitos nos contabamos. Así, un dos nosos compañeiros moi sentido dixo: “profe, eu non quero cumprir máis anos, porque quero que ti sempre sexas o meu profe”... sen palabras.
Logo de levar a cabo todas as rutinas da asemblea, marcadas pola celebración dos aniversarios, e de realizar as actividades de aprendizaxe establecidas para ese día na zona do traballo obrigatorio, por fin chegou o momento, un momento que aos nosos cumpreañeiros fíxose interminable...
Coma sempre, a celebración dos aniversarios leváronse a cabo co ritual que seguimos dende o curso pasado: decoración da coroa, soplado de velas, fotografías e... traspaso da foto para a tarta de 5 anos, un momento que, nesta ocasión converteuse en algo sensacional e co que todos e todas estabamos expectantes.
Logo de cantar a canción “Tengo 5 años”, puxémonos a comer os cakes cos nosos cumpreañeiros trouxeron, e por tratarse de dous aniversarios o profe deixounos comer máis trozos dos permitidos habitualmente..., estaban delicioooosos!!! e por enriba disto, hoxe tamén teriamos ración dobre de caramelos masticables.
Ssssshhhh!!!, un segredo para Mauro e para Laura L. de parte de: Paulo, Carla, Iván, Candela, Alejandro P., Borja, Samuel, Laura R., César, Iria, Hugo, Áurea, Paula, Izan, Zaida, Alejandro O., Marta, David, Alejandro S., Sandra, Alejandro M. e Adriana... querémosvos mil millóns!!! (pero lembrade que é un segredo)

Como vedes, as pequenas cousas contan cunha significatividade especial na nosa aula convertíndose en situacións excepcionais que nos fan cada día un pouco máis maiores e axúdannos a entender mellor o noso pequeno-gran mundo e aínda que temos que agardar ata marzo para celebrar os próximos aniversarios, ao longo destas semanas compartiremos sorpresas fantásticas, así que seguide atentos ao noso blog.
Un saúdo e non ESQUEZADES que... o noso blog se alimentará dos vosos comentarios!

"¿ERES DIFERENTE? SIIIIII. PUES ERES ESPECIAL..."

viernes, 15 de enero de 2010

Esta semana, e aínda que acabamos de comezar o trimestre, agardábanos unha sorpresa máis que marcaría o desenvolvemento da semana; pois o xoves 14 realizamos unha saída didáctica a Santiago para acudir ao espectáculo de El Patito Feo.
A expectación que levantou ao longo da semana a asistencia ao espectáculo, antes e despois da súa asistencia, provocou que, en xeral, nos amosásemos máis receptivos cara as actividades metodolóxicas de ensinanza-aprendizaxe que xiraron en torno ao argumento do conto.
O certo é que este clásico da literatura infantil xa o traballaramos o curso pasado, e a través de actividades dirixidas, o seu relato permitiunos iniciarnos no desenvolvemento dunha imaxe propia axustada aprendendo a respectar as diferenzas, tamén a identificar gradualmente as propias características, posibilidades e limitacións, desenvolvendo sentimentos de autoestima e autonomía persoal, avanzar na elaboración do esquema corporal...
Nos días previos limos e escoitamos no CD a adaptación e máis o conto orixinal de Andersen, lembramos cales eran os personaxes e entre todos e todas buscamos as razóns polas que o Patito Feo era rexeitado por todos os animais do bosque, algo que, espontaneamente, nos permitiu establecer paralelismos co conto de Orejas de mariposa (Edit. Kalandraka), lembrades?
Todos e todas estabamos nerviosos, e proba diso é que nas asembleas fixemos unha conta atrás tal e como sucede nos grandes acontecementos que dunha ou outra maneira marcan o ritmo da nosa clase. Agora estamos a contar os días que faltan para o aniversario de 2 dos nosos compañeiros; xa falta menos, tranquilos que seredes os primeiros en estrear a tarta de 5 anos que o profe puxo no panel das rutinas da asemblea.
Cando chegou o día e logo da asemblea e de lembrar as normas que debemos seguir cada vez que saimos do centro, subimos ao autobús... algo sensacional!!! Uns iamos cantando, outros vendo os debuxos animados na tele, outros mirando pola ventá... ata que, despois de moito preguntarlle ao profe canto faltaba, chegamos ao teatro.
A historia conta o sucedido a Mamá Pata cando atopou un ovo que non tiña familia e decidiu que nacera xunto aos seus filliños. Cando os parruliños naceron, un deles ao que Mamá Pata chamou Pequeñín, era diferente.
Mamá Pata intentou que todos os seus fillos se sentiran integrados, nembargantes Pequeñín, sempre se sentirá un pouco desprazado polos seus irmáns algo que o empuxará a saír a buscar novas aventuras facendo amigos como Gustavo Rana ou o Gallo Galleta.
Pequeñín, finalmente coñecerá á guapa Patita Violeta á que lle falta unha patiña, e a pesar de que só podía nadar en círculos, ambos amigos descubrirán xuntos o bonita que é a vida.
Durante a representación teatral todos estivemos cos ollos moi moi abertos para non perder detalle; aplaudimos, cantamos... e dun modo ameno e desenfadado aprendemos co importante está no interior e non no noso aspecto exterior. Algo que seguiremos traballando na unidade didáctica que comezamos a desenvolver esta semana e cuxo centro de interese é o corpo humano.
Finalmente, e antes de subir ao autobús comimos un pequeno piscolabis para repoñer forzas e, xa máis tranquilos, voltamos de novo ao cole.
Como podedes imaxinar, na asemblea seguinte non se falou doutra cousa, intentamos explotar didacticamente todo o acontecido o día anterior para, plasmar a nosa visión particular do conto nun debuxo no que deberían aparecer todos e cada un dos personaxes que saen no relato: Mamá Pata, os 6 parruliños, Gustavo Rana, o Gallo Galleta, Violeta (fixádevos no detalle da pata) e, por suposto... Pequeñín.
Un saúdo e non ESQUEZADES que... o noso blog se alimentará dos vosos comentarios!

COMEZA A FUNCIÓN... SILENCIO.


ARTISTAS CON TODAS AS LETRAS.

CHACHI VOLACHI, CHACHI PIRULI...

lunes, 11 de enero de 2010

Despois dunhas merecidas vacacións voltamos de novo ao cole e aínda que sabemos que a máis de un lle custará coller o ritmo de traballo habitual, moitos estabamos desexando que as vacacións rematasen e así ver a todos os nosos amiguiños e amiguiñas e ao profe.
Como unha mañá máis comezamos coas rutinas de entrada e coa asamblea matinal; unha asamblea, que hoxe era moi especial, pois despois de tanto tempo sen vernos tiñamos moitíiiiiiiiiisimas cousas que contar…
Cada rutina deselvoveuse co ritmo habitual: bos días, elección do encargado, fichaxe de ausencias e presenzas, constatación do tempo atmosférico, actividades de lecto-escritura e de iniciación ao razoamento lóxico-matemático… ata que un dos nosos compañeiros, un dos paxes reais, viu ao carón da fiestra algo que chamou a súa atención, co que a asamblea, vos podedes imaxinar, tivo que pararse para ver o que sucedía e… oooooooooooooooohhhh, nada máis e nada menos que había tres agasallos e un sobre no que se lía: “Para el profe J.Ricardo”. ¿Sónavos?...
Como podedes imaxinar, neste contexto as hipóteses foron innecesarias, xa que todos dimos coa solución... siiiiiiiiiiiiiii as SS.MM. os Reis Magos de Oriente deixárannos na súa visita polas rúas de Rianxo o día da Gran Cabalgata Real 3 agasallos que, nerviosos e moi entusiasmados, desexabamos abrir pois non tiñamos nin a máis remota idea do que se podía agochar en cada un.
Así pois, o mestre constitui 3 grupos para que cada un de nós tivese a oportunidade de abrir un agasallo, e ao sinal de: “preparados, listos, xa!” un tras un fomos abrindo, en primeiro lugar o agasallo do Rei Melchor, logo o do Rei Gaspar e, por último o que nos deixou o Rei Baltasar que, aínda que era o máis pequeno foi o que máis nos sorprendeu a todos e todas...
Moi nerviosos e entusiasmados o profe puxo un pouco de calma coa lectura da carta que, as SS.MM. os Reis Magos de Oriente nos deixaron. Nela explicaban un montón de cousas tales como que ao longo de todo o ano agóchanse nunha das nubes que se ven dende unha das fiestras da clase, que nos temos que portar requeteben tanto na casa coma no colexio e as razóns pola que un curso máis o profe quedou sen o que lle pedira dende había tempo, algo comprensible se temos en conta a dura tarefa de repartir agasallos a todos os nenos e nenas do mundo.
Non podemos transmitirvos todas as ilusións que vivimos nesta asamblea tan especial, pero se queredes saber máis, non dubidedes en preguntarnos que vos contamos algún outro detalle do acontecido nesta primeira xornada do trimestre...

Un saúdo e non esquezades que... os REIS MAGOS existen... existen no corazón de cada un dos que cren neles!


PENSANDO PENSANDO, DURMIU. E DURMINDO DURMINDO, SOÑOU.

martes, 5 de enero de 2010

[…]
Cando chegou a Noite de Reis, díxolle a nai:
- Hoxe tes que te deitar ben cedo. Esta noite veñen os Reis Magos!
- Non! Eu quero velos! –fungou o neno.
- Os Reis non entran nas casas dos nenos que non están durmidos! –espetoulle o pai.
- Entón voume deitar cedo –aceptou o cativo.
[…]
Fragmento do conto: Cando Martiño tivo ganas de mexar na Noite de Reis. (Edit. Kalandraka)

Así que xa sabedes o que hai que facer esta noite, deitarnos ben cediño para mañá ver cumpridas todas as nosas ilusións.
Para axudar ás SS.MM. os Reis Magos de Oriente nesta longa noite de traballo, aquí deixamos as nosas estrelas para que guíen o seu camiño; coma sempre ás familias: mil millóns de grazas pola vosa colaboración!!!