Bienvenido

#TicTacTepToc

lunes, 11 de mayo de 2020


Esta semana, seguindo as instrucións da Consellería de Educación, Universidade e Formación Profesional, deixo de novo unhas recomendacións que nesta ocasión toman como eixe vertebrador o uso das TECNOLOXÍAS DA INFORMACIÓN E DA COMUNICACIÓN (TICs).
Indubidablemente, dentro das recomendacións de traballo que semanalmente engadimos ás rutinas propias da casa, non podiamos deixar á marxe o impacto das Tecnoloxías da Información e da Comunicación (TICs), en tanto que dende que nacemos convivimos con todo tipo de equipos tecnolóxicos: teléfono móbil, tablet/Ipad, ordenador… que integrados de xeito responsable, enriquecen a nosa aprendizaxe.
Así pois, nun mundo sometido ao impacto dos medios de comunicación e da alta tecnoloxía, a escola, atópase na obriga de incorporar na súa práctica as suxestións que ambos recursos ofrecen ao posuír unhas características e virtualidades que non deben desaproveitarse no ámbito educativo.

Ao tempo, sabedores da necesidade de afectos, e nesta situación de confinamento máis que nunca, o emprego do teléfono, o correo electrónico e mesmo as videochamadas a través de APPs creadas para tal efecto, cobran un peso significativo neste tempo.

Na nosa aula atopamos o ordenador e o Encerado Dixital Interactivo (E.D.I) como recursos didácticos para traballar, reforzar, consolidar e/ou ampliar contidos propios da Educación Infantil: lóxica-matemática, lecto-escritura, grafomotricidade, as cores, nocións espaciais, temporais, topolóxicas, musicais… ademais da consabida adquisición doutras capacidades, competencias e habilidades máis específicas como aprender a mover de maneira precisa o rato, sinalar, facer clic, arrastrar…
Para isto, contamos con software educativo comercializado (que ás veces toman como eixo motivador os nosos personaxes de ficción favoritos), xogos LIM (para traballar a lectura, comprensión, razoamento…) e mesmo no Portal Educativo da Xunta de Galicia o Espazo Abalar que recentemente sufreu unha actualización no seu repositorio de contidos e actividades para dar resposta ás necesidades do COVID-19…

Alén disto, facer mención especial a Internet e ás súas ferramentas web 2.0., onde moi posiblemente os propios nenos e nenas sexan expertos na búsqueda, selección e emprego sistemático de diferentes enlaces de interese que poñen a proba a súa atención e enxeño.

Familias!... Lonxe da idea de que as TICs convértense nun medio de contaminación mental, racionalizade o seu uso e comprobaredes como os recursos tecnolóxicos son fonte de coñecemento, aprendizaxe e gozo… a navegar!


Agora xa, con este respiro, sentídevos fortes, con decisión e con ganas de V I V I R intensamente. Ollade o mundo con amor.

0 comentarios: