Bienvenido

TREPIDANTEMENTE DIVERTIDA!...

viernes, 22 de junio de 2012

Hoxe pasámolo extra-xenial... e é que para despedir o curso, organizouse no cole a "Festa da Auga"...
Bueno, pero o mellor de todo é que esta semana ao ser a derradeira do curso, foi trepidantemente divertida, xa que cada día estivo marcado por un acontecemento que repercutiu no desenvolvemento de cada xornada. Comezaremos polo principio...
Así, o LUNS e o XOVES celebramos os aniversarios de dous dos nosos compañeiros: Roi e Froilán. Deste xeito, como cada vez que celebramos un aniversario no cole, levamos a cabo as rutinas establecidas para este momento e que marcan un hito moi importante para o neno ou nena “cumpleañero”, pois nada máis e nada menos que ten que quitar a súa foto da tarta de 3 anos e pegala... na tarta de 4 anos! Un feito simbólico que nos fai sentir un pouquiño máis súper-maiores... Parabens Roi e Froilán, os cakes estaban exquisitos!



O MARTES... que paso ou martes?... Ai, si! Como esquecer a visita que tivemos na nosa aula: os nenos e nenas da “Galiña Azul” de Rianxo que para o vindeiro curso comezarán no cole dos maiores.
Así, ao ser xa veteranos nesto do cole dos maiores, coa axuda da profe Silvia e do noso profe, lles explicamos algunhas das normas que rexen a vida no cole e máis concretamente na aula, lles ensinamos algúns dos nosos rincóns preferidos e ata lles cantamos algunha canción. Estaban un pouquiño asustados e asustadas, e ata lles preguntamos a Papeliño e a Papelote se lle comeran a lingua aos nenos e nenas. Que nooon, non teñades medo, e lembrade durante todo o verán que o cole dos maiores é un lugar divertido, así que vinde sempre co mellor dos vosos sorrisos...
Xa o MÉRCORES, saimos de excursión por Rianxo, unha excursión sinxela e desenvolta dentro do horario lectivo tal e como marca o acordo establecido polo Claustro de Profesores a principio de curso. Perfectamente ataviados coas nosas mochilas de colgar ao lombo -hoxe si estaban permitidas- e agarradiños das nosas bolboretas, emprendimos camiño para desfrutar xunto cos nosos compañeiros e compañeiras de 4 e 5 anos, dun picnic no archi-famosísimo “parque da tirolina”. Corrimos, saltamos, trepamos, rodamos... foi sensacional!




Cando a semana estaba a piques de rematar, o XOVES, o profe tiña preparada dende había xa algunhas semanas unha gran sorpresa... a ver, a ver,... trátase dunha sorpresa que comeza polo “F” de Froilán e remata polo “A” de avión... que podía ser? Ninguén deu coa solución, pero á volta da sesión de Psicomotricidade... tiñamos preparada “unha festa súper-rechiflante”!


Tratábase dun día diferente, era un día que tiña certo sabor a despedida, un día no que celebrabamos o final do curso: comimos snacks e aperitivos varios, bebimos zumes e bebidas isotónicas, bailamos as nosas cancións favoritas e tamén algunha que outra canción de maiores, xogamos cos globos... pasámolo fenomenal!












E aquí non rematou todo, xa que aínda nos agardaba o mellor para o VENRES... siii, a “Festa da Auga”!

Logo da asemblea, moi ansiosos por comezar a participar nos xogos que os días previos nos explicara o profe, dirixímonos á primeira estación: as piñatas, consistente en vaciar, cos ollos pechados e cun pau, uns cubos que contiñan confetti ou auga.


Había xogos para todos os gustos: relevos con esponxas, transvasamos auga dun vaso ao outro na cabeza..., podedes imaxinar como rematamos... em-pa-pa-dos!






Ese mesmo día, tamén participamos na “Busca do tesouro”, un xogo de pistas no que a través do “veo, veo”, descubrimos un cofre cargadiño de gummys... mmm, deliciooosas!
Xa de volta na clase, comezamos a mudarnos coa roupa que traiamos preparada da casa e todos xuntos degustamos algúns dos snacks e aperitivos que sobraran do día anterior... tiñamos fame!
Agora chegan as vacacións; é tempo de ir á praia e á piscina, de viaxar e de coñecer novos lugares, de comer xeados... é tempo de verán!, pero non deixedes de visitar o noso blogue, xa que durante as vacacións seguirá vivo, moi vivo...
Un saúdo e non esquezades que... o noso blog se alimentará dos vosos comentarios!

"CU-CÚ, CANTABA LA RANA..."

viernes, 15 de junio de 2012

Esta semana, seguimos pechando as actividades que marcaron as semanas e o desenvolvemento de cada xornada escolar durante o curso.
Así, se fai uns días o noso derradeiro compañeiro Luis Miguel levaba por última vez a “Mochila Viaxeira”, este mércores tocoulle a Xiana X. levar para a súa casa a Papeliño e a Papelote. Dúas actividades que se converteron en realidade grazas á axuda inestimable das nosas familias... mil millóns de grazas por estar sempre ao noso carón!
Como xa vos explicaramos a principio de curso, Papeliño e Papelote atópanse situados nun lugar privilexiado da aula e en cada unidade didáctica convertéronse nun excepcional eixo motivador que nos presentaron, a través das súas historias, cada centro de interese.
Coñecimos as modificacións que se producían no contorno e na vida das persoas coa chegada de cada estación do ano, disfrazámonos na unidade didáctica do antroido na que Papelote nos descubriu o mundo dos indios, tamén vivimos o Nadal e ata axudamos a unha boneca atopar o sorriso... historias disparatadas, realmente moi divertidas.
Agora, xa para rematar, traballamos os medios de transporte e de comunicación, descubrindo que tras unha longa andadura chea de vivencias, experiencias e aprendizaxes, chegamos ao final de curso co inicio dunha nova estación: o verán.
Sen lugar a dúbidas, os medios de transporte, convertéronse en eixos motivadores de conversa nas asembleas matinais. Todos e todas coñeciamos o coche, autobus, camión, barco, lancha, motocicleta, avión, helicóptero... e ata varios de nós xa subimos en avión para ir a lugares tan dispares como Tenerife, Valencia, Madrid ou Barcelona.
Estas sempre froitíferas conversas, servíronnos para lembrar as normas básicas de comportamento nos medios de transporte.
Siii, agardade!... Xa que como vén sendo habitual, para pechar este eixo de traballo, que mellor cun debuxo... Tratábase dun debuxo libre no que tiñamos que plasmar o noso medio de transporte preferido. Había coches, furgonetas, barcos... e ata cohetes para viaxar ao espacio, excelente!





Por outro lado, e como o noso primeiro curso no cole dos maiores está a piques a piques de rematar, o profe explicounos que para o vindeiro curso, sentarémonos nun equipo novo -seremos letras en lugar de cores-, tamén teremos libros novos -desta vez serán de cor rosa,… xa son libros de 4 anos!-, e claro… tamén teremos unha nova amiguiña, xa que Papeliño e Papelote, ficarán nas clases dos nenos e nenas de 3 anos.
Esta nova amiguiña chámase Pascuala, unha rá que, do mesmo xeito que o fixeron durante este curso Papeliño e Papelote, presentarannos cada centro de interese.
Pascuala non se trata dunha rá normal, nin moito menos, trátase dunha rá cunhas antenas na cabeza que lle serven para ver todo e máis, unha rá coa que pasaremos momentos únicos e inesquecibles… estamos seguros!








Así, o venres, decidimos levar a Pascuala para a biblioteca… uuuy, neste momento houbo un pouco de lío porque todos e todas queriamos ser os encargados de levala, pero axiña comprendimos que iso, alomenos no cole, non pode ser.


Xa na biblioteca, Pascuala, a nosa convidada especial para a sesión de contacontos que correu a cargo de Carla V. e de Froilán, estivo nun lugar privilexiado… cos contacontos!, así non perdería detalle das historias que traian preparadas.



Xa o luns, esgotaremos os últimos 5 días de cole, logo chegarán as vacacións, unhas vacacións que moitos de nós xa necesitamos e das que agardamos disfrutar miles, pero antes diso… sabedes que esta semana teremos unha sorpresa cada día? Pois si, así que seguide moi atentos ao noso blogue que vos manteremos informados...
Ah!, nos vos esquezades de cruzar os dedos para que o tempo acompañe, que senón…
Un saúdo e non esquezades que... o noso blog se alimentará dos vosos comentarios!

3 ANOS B, UN AULA DE PEQUENOS-GRANDES ARTISTAS!

viernes, 8 de junio de 2012

Un ano máis, e como vén sendo habitual cada curso, está a piques de saír unha nova edición da nosa revista escolar “Ondiñas veñen”, en cuxa proceso de elaboración participamos todos os nenos e nenas do cole.
As seccións e temáticas que integran a nosa revista escolar son para todos os gustos e públicos, dende traballos nos que se explican como vivimos as distintas celebracións que teñen lugar no cole tales como o samaín, o magosto ou o nadal, ata entrevistas, pasatempos e mesmo contos nos que se converten en protagonistas seres fantásticos e marabillosos.
Uf!, o primeiro e máis complicado foi determinar a temática que achegariamos á revista escolar unha das clases dos máis pequerrechos do cole.
Esta tarefa, serviunos para facer unha flashback e lembrar todos os momentos vividos durante este curso: o noso primeiro Samaín-Halloween, o magosto, o nadal, o antroido...

















E mil millóns de actividades máis como a celebración do “Día da Paz”, o traballo da secuencia didáctica “Pintamos o indio” na que descubrimos o modo de vida e costume dos pobos indíxenas, saídas didácticas que nos serviron para coñecer un pouquiño máis o noso concello... 














Momentos únicos e irrepetibles que se convertiron en experiencias de ensinanza-aprendizaxe que, dado o cúmulo de experiencias vividas, estiveron patentes na aula, propiciando descubrimentos, xerando aprendizaxes e contribuindo á interacción entre iguais e aos nosos procesos de socialización infantil... Sen lugar a dúbidas, uns momentos súper-rechiflantes!
Finalmente, optamos por unha temática de sobra coñecida polos nosos blogueiros máis fieis que, afortunadamente, segundo nos contades, cada vez sodes máis... escollimos as nosas sesións de mergullo no mundo da ARTE.
Deste xeito, nas dúas cariñas asignadas, sintetizamos algúns dos descubrimentos realizados durante este curso sobre este mundo que tan interesante nos resultou e do que agardamos seguir aprendendo para o vindeiro curso.
Así, recollimos algunhas das obras de arte traballadas durante o curso, lembrando os distintos artistas que sustentaron este traballo tan fascinante: Goya, Leonardo DaVinci, Picasso, Miró, Andy Warhol, Murillo, Canaletto, Monet, Matisse... As obras de arte seleccionadas foron:

"La gallinita ciega" de Francisco de Goya y Lucientes.
"Las Meninas" de Pablo Ruiz Picasso.





"La conversación" de Henri Matisse.
"Madre e hija delante del sol" de Joan Miró.









Asemade, aproveitamos para explicar os procesos de creación e recreación dunha das obras máis coñecidas de Vassily Kandinsky: “Cuadrados con círculos concéntricos”, convertíndonos, agora si que si, en pequenos-grandes kandinskys...

 

O resultado do noso traballo... velaí o tedes! Pero antes, unha pregunta, atréveste a mergullARTE na ARTE con 3 anos B?...

3 anos B, 
un aula de pequenos-grandes artistas!



Un saúdo e non esquezades que... o noso blog se alimentará dos vosos comentarios!

CASTELOS DE AREA...

viernes, 1 de junio de 2012


Esgotando as nosas derradeiras semanas de curso, comezamos a pechar capítulos desta viaxe que tan rica e froitífera está resultando para moitos de nós. Deste xeito, esta semana comezamos o libro número 8 de Papelote, pero ollo, non se trata dun libro máis, nooon, trátase nada máis e nada menos que do derradeiro libro de Papelote, xa que para o vindeiro curso teremos unha nova compañeira de viaxe da que só vos adiantamos que é de cor verde, axiña vola presentaremos…
Nesta unidade didáctica, as actividades que levaremos a cabo xirarán en torno ao verán, observando e identificando algunhas das modificacións que se producen no contorno e na vida das persoas coa chegada desta nova estación.
Para iso, comezamos realizando nas asambleas matinais un torbeliño de ideas no que descubrimos que sabemos moitas cousas acerca do verán e, moi especialmente acerca da praia.
A ver, a ver,… que cousas levamos para a praia?... Pois o cubo, a pá, o rastrillo, a pistola de auga, o flotador… Decatámonos que, ademais de todas estas cousas que tan importantes nos resultan para a praia, as nosas familias van cargadiñas coas toallas para secarnos cada vez que nos damos un chapuzón na auga, o parasol, o traxe de baño, as gafas para mergullarnos e… a crema para o sol! Un dos conceptos clave deste centro de interese, no que aprenderemos a ser precavidos na exposición ao sol.
Ademais, tamén aprenderemos a ser máis respectuosos co contorno natural, non enchendo a praia de lixo e non ensuciando o mar no que viven milleiros de seres vivos tales como os caranguexos, os tabeiróns, os augamares e os peixes. Uns peixes tan bonitos como os que nos servirán como contraportada para os nosos traballiños trimestrais que debecemos por levar para a casa…



Sen lugar a dúbidas, as asembleas matinais, sempre e cando teñamos ganas de falar e estemos inspirados, convértense nunhas situacións de aprendizaxe únicas nas que todos xuntos descubrimos e coñecemos cales son as ideas previas acerca dun tema determinado.
Asemade, tamén nos serven para comprobar como moi pouquiño a pouco acatamos cada vez máis as normas que rexen os intercambios lingüísticos: erguemos a man para falar, sabemos escoitar ao resto mentres fala… séguenos custando, si, pero estamos convencidos que o lograremos.
Nestas asembleas serviunos como material de apoio o conto e a lámina mural da unidade na que Papelote, por arte de maxia, meteuse nun dos seus debuxos e foi dar… á praia! Alí, xunto a María, Chun, Margarida, Xan… e a profe, viviron unha aventura moi divertida na que Papelote estivo a piques de morrer afogado… pooobre!
E para rematar, todo o aprendido ata o de agora nesta nova unidade didáctica que comezamos con entrega e entusiasmo, plasmámolo nuns debuxos aos que non lles falta de nada: parasoles, toallas multicolor, gafas de mergullo, cubos, castelos de area e ata gaivotas, porque na praia tamén hai gaivotas, sabíadelo?...




Un saúdo e non esquezades que... o noso blog se alimentará dos vosos comentarios!