Bienvenido

UNHA OLLADA AO PASADO...

viernes, 22 de marzo de 2013


Coas actividades que levamos a cabo esta semana, pechamos o 2º trimestre, un trimestre repleto de experiencias e situacións que contribúen ao noso desenvolvemento integral, axudándonos a comprender un poquiño máis o noso pequeno-gran mundo.
Abofé que este trimestre foron moitas e variadas as actividades que levamos a cabo co gallo das actividades conmemorativas e complementarias que se organizaron no noso cole… non paramos!
Comezamos o trimestre celebrando o “Día da Paz”, unha semana na que máis que nunca se facía necesario portarse requete-ben, falar baixiño e non a berros,  escoitando ao resto de compañeiros e compañeiras, compartir… aprendendo que a PAZ é algo máis que a ausencia de guerra.







E do antroido?... Que nos dicides do antroido?... uns días cheos de fantasía nos que deixamos voar a nosa imaxinación aproveitando para convertirnos nos nosos personaxes favoritos. Un curso máis, houbo disfraces para todos os gustos: princesas, súper-heroes, fadas... extra-xeniais!


Asemade, tamén reservamos un anaquiño de tempo para sentir bolboretas no estómago de xeito especial o 14 de febreiro, “Día de San Valentín”. Uns días nos que traballamos iso tan complexo, e que tantos quebradeiros de cabeza trae aos maiores... o AMOR! Descubrindo estupefactos as incipientes historias de amor que, a pesar da nosa curta idade, máis dun xa viveu.


Ademais de todas estas actividades que dalgún xeito mudaron o normal desenvolvemento do trimestre, seguimos construíndo as nosas propias aprendizaxes e coñecementos que, un trimestre máis, recompilamos nos archivadores a modo de actividades impresas...


Así, entre outras, coñecimos o número 5 e 6: trazado, cantidade, serie numérica, composición e descomposición... a algún de nós aínda se nos resisten as mates, pero pacieeencia, que seguiremos o vindeiro trimestre...
Tamén comezamos a construír as nosas primeiras palabras e textos significativos silabeando a partir de distintos exercicios de prelectura os fonemas: /N/ e /Ñ/, /B/ e /V/, /D/, /F/, /R/...
E mil millóns de actividades máis como a lectura e traballo de contos que nos serviron como alicerce para as actividades desenvoltas: Rosa Caramelo (Edit. Kalandraka), Caracol e Caracola (Edit. OQO), a Colección ¿Quién es Tento? (Edit. Edelvives)..., exposicións na biblioteca do cole que nos achegaron ao ciclo vital dos vermes de seda e aos tesouros que se agochan no fondo mariño, sesións de contacontos...


Deste xeito, e tras todo o traballo desenvolto, chegan estes días de descanso que agardamos disfrutar o máximo posible para recargar as pilas e enfrontarnos con éxito ás diferentes actividades que nos agardan xa no 3º trimestre, un trimestre no que nos convertiremos... nos súper-maiores de mandilón!... como pasa o tempo!... 
Un saúdo e non esquezades que... o noso blog se alimentará dos vosos comentarios!

LINDA Á ESPREITA.

viernes, 15 de marzo de 2013

Esta semana, resultou máis diferente que de costume, pois si ben o mércores tivemos unha sesión de contacontos, o venres acudimos a unha exposición na biblioteca do cole sobre o noso mar... Comezaremos polo principio...

Mergullados de cheo nas derradeiras actividades coas que pecharemos xa este 2º trimestre o venres da vindeira semana, entre actividade e actividade, acudimos o mércores, despois do recreo á aula de psicomotricidade. Nesta ocasión, aínda que todos e todas levabamos vestida a roupa apropiada para psicomotricidade, en tanto que tiveramos clase “de gimnasia” a primeirísima hora da mañá, acudimos a esta dependencia por unha razón ben diferente... iamos a escoitar un contacontos... si, si, un contacontos de verdade!
Linda á espreita (Edit. Xerais), narra a historia dunha vaca diferente ás demais. Cada mañá, mentres a muxían, a vaca Linda fitaba nerviosa e impaciente cara ao exterior da granxa porque había algo que a Linda lle gustaba máis ca nada no mundo. O seu maior pracer consistía en meterlle un susto ao carteiro e escorrentalo...
O contacontos, cun libro grande, moooi grande, conseguiu crear un ambiente de expectación total no que non perdemos o máis mínimo detalle da historia de Linda, unha vaca entrañable, divertida e xoguetona.


Xa na clase, a mirada amable de Linda, non podía pasar desapercida entre as nosas actividades, e xurdiu a proposta de facer un debuxo do conto, no que cada quen plasmou aquilo que máis lle chamou á atención aparecendo nun lugar privilexiado a súa protagonista: a vaca Linda.


Ao longo deste trimestre, foron moitos os contos lidos e traballados na clase, dando boa conta deles en varias entradas do noso blogue, pois a súa utilización serviunos para crear un clima de diversión e festa que resulta tan grato e estimulador para a aprendizaxe.
Máis concretamente, coa narración de contos aprendemos a escoitar, a pensar, a ver as cousas cos ollos da imaxinación, permitíndonos entrar na realidade por camiños novos e coñecer e comprender progresivamente o noso pequeno-gran mundo, que non é tan doado como pensades os maiores.
Todo isto ademais, traballámolo na actividade do préstamo semanal na que cada semana un dos nosos compañeiros e compañeiras convírtese nun contacontos que, cun ton de voz máis ou menos alto, achéganos á historia que se recolle no conto escollido para a ocasión.
Do mesmo xeito, a lectura de contos na nosa aula, convértese nun excelente momento de relaxación co que, tras o momento de xogo libre no patio ou nos rincóns, distendemos a atmósfera da aula.
Por outra banda, e xa o venres, acudimos a última hora á biblioteca do cole para levar a cabo a actividade do préstamo semanal e realizar a lectura en voz alta e en gran grupo das láminas que levamos esta semana: o N e o Ñ.
Pero nesta ocasión, tan pronto entrar na biblioteca, 5 carteis mudaron o desenvolvemento normal da actividade…
Tratábase da exposición “Coidando o noso mar” do CEIDA (Centro de Extensión Universitaria e Divulgación Ambiental de Galicia) coa que se pretende sensibilizar sobre o importante valor  natural e a fraxilidade dos ecosistemas mariños, tendo en conta a incidencia das actividades humanas e os residuos que estas xeran. 

Para saber máis, facer click na imaxe da barra da esquerda.
Coa simple observación das fotografías que aparecían nos carteis, quen máis e quen menos fixo a súa pequena achega acerca do necesario que resulta que todos e todas coidemos o noso mar para poder desfrutar del cando cheguen as vacacións de verán.
Esta exposición, serviu como complemento perfecto a unha sesión do proxecto de divulgación e formación que a Cofradía de Pescadores de Rianxo está levando a cabo e na que participamos fai xa algunhas semanas.
Tratábase de descubrir e identificar, mediante o tacto, distintos obxectos e/ou produtos que teñen orixe mariña. E claro, como podedes imaxinar, entre estes obxectos apareceron elementos de orixe humana… pésimo!
E como premio a esta semana tan intensa no que a actividade se refire…, que mellor maneira que pechar o trimestre que levando os contos de prelectura que nos trouxo a SS.MM. o Rei Gaspar?... Algúns xa lemos sen axuda… bueno, unha pouquiña si que precisamos,... a do dediño lector!… xa o coñecedes?...


Un saúdo e non esquezades que... o noso blog se alimentará dos vosos comentarios!

FLORES A ROSALÍA.

viernes, 8 de marzo de 2013

Sabiades que o 24 de febreiro foi o “Día de Rosalía”?... O 24 de febreiro está recollido oficialmente como o “Día de Rosalía de Castro” pola Consellería de Cultura e Educación no seu Calendario do Libro e da Lectura por ser a data do seu nacemento, de aí que dende a semana pasada, estemos traballando fragmentos dunha das súas obras máis celebérrimas: Cantares Gallegos.
Desta maneira, a semana pasada, cada clase do cole elaborou cadansúa flor para agasallar á súa familia no “Día de Rosalía”, unha iniciativa recollida pola Asociación de Escritoras e Escritores en Lingua Galega (AELG).
Houbo flores de todas as cores e para todos os gustos nas que cada clase do cole deixou voar a súa imaxinación. Flores elaboradas a partir de material de desfeito e refugallo, flores de plastilina, con gomets, flores con papel crepé, de seda... en definitiva, flores de mil millóns de cores que conmemoraban o “Día de Rosalía”, o 24 de febreiro.
No noso caso particular, entre todos e todas buscamos na Internet unha flor a dobre cara para colorear, picámola, pegámoslle papel celofán e... o noso toque persoal... purpurina, moooita purpurina!


Tamén durante a semana pasada, nas asembleas matinais aproveitamos para coñecer algún dato curioso da vida de Rosalía de Castro, momento que varios compañeiros aproveitaron para explicar ao resto do grupo que cando eramos pequenos, -máis se cabe-, visitaramos en Padrón a “Casa Museo de Rosalía de Castro”...
Estes momentos de achegamento á literatura galega, servíronnos para memorizar, recitar e mimar extractos poéticos de Cantares Gallegos, ao celebrarse o 150 aniversario da súa publicación, participando xunto aos nosos compañeiros e compañeiras de 4 ANOS A no recital poético organizado a nivel de centro na biblioteca... estivemos sensacionais!      
Por outra banda, e xa durante esta semana, co gallo da celebración do “Día Internacional da Muller Traballadora”, seguimos achegándonos a esta ilustre escritora galega, plasmando nunha actividade impresa as “flores a Rosalía” da semana pasada.
Para iso, ademais de completar o título escribindo o nome de “ROSALÍA”, decoramos a lámina con estampacións en témpera empregando un bastonciño de aseo persoal. Se ben é certo, entusiásmannos todas aquelas actividades nas que empregamos materiais e técnicas da linguaxe plástica, agora ben, iso de querer ser sempre os primeiros, é pouco ou nada compatible con actividades que requiren de tanta precisión.... paciencia, que non somos coches de carreira!


Esta secuencia de aprendizaxe, culminou hoxe coa conmemoración do “Día Internacional da Muller Traballadora” que introducimos a partir da lectura do conto de O país dos mandóns (Edit. Émbora) e Rosa Caramelo (Edit. Kalandraka). 

O país dos mandóns. (Edit. Embora)

Rosa caramelo. (Edit. Kalandraka)
Con estes contos, achegámonos a este día recoñecido no ano 1975 pola “Organización de las Naciones Unidas" (ONU) no que se conmemora a loita da muller pola súa participación na sociedade e no seu desenvolvemento íntegro como persoa.
Todo isto, viuse reflectido na asemblea matinal na que entre todos chegamos á conclusión de que as nosas mamás son SÚPER: súper-boas, súper-agarimosas, súper-alegres e... súper-traballadoras!!!
Deste xeito, quen máis e quen menos fixo a súa aportación na asemblea falando acerca do traballo que día a día desenvolve a súa tía, madriña, avoa, pero, sobre todo, a súa nai.
Así temos, dende nais que traballan en fábricas, ata nais que traballan en cafeterías, oficinas ou mesmo na casa... na casa?
Neste senso, moitos de nós, apuntamos moi acertadamente, o feito de que hai nais que traballan na casa: lavan a roupa, fregan a louza, pasan o ferro... ademais, por si todas estas cousas fosen poucas, teñen que lembrarse de enviarnos cada luns o mandilón e o vaso, de traer a ficha de lectura cada venres, de cumprir cada día o menú de merendas establecido dende principio de curso... 

MADRIÑA COCIÑEIRA!
MAMÁ PEIXEIRA!
MAMÁ E AVOA VARREDORAS!
MAMÁ MARIÑEIRA!














 




 




Sen lugar a dúbidas, sodes SÚPER e ÚNICAS... moitos parabens neste día!
Un saúdo e non esquezades que... o noso blog se alimentará dos vosos comentarios!

... METAMORFOSE!

viernes, 1 de marzo de 2013

Esta semana, investigamos e aprendemos cal é o proceso de crecemento dos vermes de seda, a partir dunha actividade na que participamos xa o pasado curso.
Lembrades os convidados especiais que tivemos cando tiñamos 3 anos?... Pois si, durante aproximadamente unha semana tiveramos na nosa clase uns vermes de seda... oooh!
Así, na zona da asemblea, o profe dispuxo unha caixa rectangular de madeira na que se atopaban os ovos dos que días despois comezou a nacer algún que outro vermiño pequerrechiño pequerrechiño...
Durante esa semana, logo da realización do traballo obrigatorio, acudiamos ocasionalmente a visitar a estes convidados tan especiais descubrindo cal era o seu principal alimento: as follas de moreira. Unhas follas de moreira de cor verde escura e dun tamaño considerable que debían estar perfectamente secas para que serviran de alimento aos vermes.














Pois ben, esta semana, máis concretamente o luns, acudimos á biblioteca para ver en que se converteron aqueles vermiños que tiveramos en 3 anos, coñecendo novos conceptos acerca do ciclo vital dos vermes.
Alí, explicáronnos o proceso de elaboración da seda que se obtén dos vermes: como nacen, de que se alimentan e o delicados que son.
A seda foi descuberta en China hai uns 5000 anos e  foron capaces de gardar o segredo durante case 2000 anos, interesante, non si?...
Asemade, entre todos e todas descubrimos cales son as 4 fases principais do ciclo vital dos vermes: ovo, verme, crisálida e bolboreta.
Achegámonos a cada unha destas fases a través dun conto no que se narraba o proceso de desenvolvemento dun vermiño: como elaboraba a seda, que obxectos se poden elaborar con este tecido, cales son as técnicas empregadas para o traballo industrial da seda...
Tamén manipulamos fíos de seda tan delgadiños tan delgadiños que semellaban os fíos das telas das arañas, eran... practicamente invisibles!


Comprobamos os tipos de tecido que se poden elaborar a partir deses fíos tan finiños tan finiños que elaboran os vermes e a partir dos cales se poden tecer prendas de roupa de uso cotiá tales como bufandas, luvas ou chaquetas, entre outras.














Pero sen lugar a dúbidas, o que máis sensación causou foi ver de primeirísima man os casulos; casulos de diferentes tamaños e cores, ata tivemos a ocasión de ver como queda un casulo unha vez que sae del o verme convertido en bolboreta... impresionante!














Xa para rematar, avalíamos todo o aprendido a partir dun enlace web no que da man do verme Bertín, conseguimos o noso título de pequenos científicos respondendo a unha serie de preguntas sobre todo o traballado durante a secuencia de aprendizaxe e co que agora, poderemos disfrutar cantas veces queiramos facendo click na imaxe que se achega a continuación.

Fai click na imaxe que se atopa na barra da esquerda
Indubidablemente, o traballo experimental cos vermes de seda, contribui a fomentar a construción de aprendizaxes significativas aplicables a situacións e problemas que se nos presentan na nosa vida cotiá... estupenda proposta de traballo!
Un saúdo e non esquezades que... o noso blog se alimentará dos vosos comentarios!