Bienvenido

CON AIRES DE FESTA...

viernes, 27 de octubre de 2017

Menuda sorpresa nos agardaba esta semana, pois nada máis e nada menos que hoxe venres 27 de outubro celebramos... 3 aniversarios!... Si, si, no cole dos maiores terán cabida a celebración dos nosos aniversarios que, dado o cúmulo de situacións que provocan no noso pequeno-gran mundo, converteranse en experiencias didácticas cun enorme potencial educativo. 
Nestes primeiros aniversarios mensuais do mes de outubro, foi a quenda de GAEL, MARTÍN C., SOFÍA e ÁNGEL que, convertidos en todos uns súper-maiores de 3 anos, fixeron de anfitrións no desenvolvemento das rutinas que levaremos a cabo a medida que o tren dos aniversarios da clase vaia avanzando ao longo do curso.
Como?... que non sabedes que na clase temos o tren dos aniversarios?... No espazo por excelencia da nosa aula, presidindo a asemblea, contamos cun tren onde cada vagón se corresponde cun mes do ano e onde as nosas fotografías están ordenadas atendendo á nosa data de nacemento. A partir deste panel, diariamente, logo de escribir a data de xeito convencional no encerado e nas ruletas dispostas no panel de rutinas, cantamos e mimamos a canción dos meses do ano que son 12...


Así pois, esta celebración por ser a primeira, resultou especial, descubrindo a secuencia rutinaria que seguiremos na celebración dos aniversarios que teñamos durante o curso, atentos...
En primeiro lugar, e para que os homenaxeados se sentisen os verdadeiros protagonistas do evento, xa a primeira hora da mañá, inmediatamente despois do ritual da asemblea matinal, MARTÍN C., SOFÍA e ÁNGEL puxeron cadansúa coroa na que figuraba nun lugar visible o número 3, os anos que cumprían os nosos cumpreañeiros. Tratábase dun día diferente para eles... que contentos estaban!


Xa no tempo que habitualmente adicamos ao momento da merenda, disfrutamos do ritual dos aniversarios. Sen perder detalle, xuntos vivimos o momento estrela desta rutina, un dos momentos que conta con máis significado para nós: o traspaso da foto dos cumpreañeiros da tarta de 2 anos para a tarta de 3 anos, foi un momento sensacional e co que todos e todas estabamos expectantes, encántanos setirnos súper-maiores!... 



















Deste modo, cada cumpreañeiro colleu amodiño da tarta de 2 anos a súa foto e pegouna na tarta de 3 anos, decatándonos que na tarta de 2 anos quedan as fotos de 7 compañeiros: no mes de novembro, JAVIER & PABLO F., e no mes de decembro de BELTRÁN, NABIA, VALERIA, ALICIA e SIRA, eles serán os próximos en cumprir anos; paciencia...
Seguidamente, aprendemos e cantamos a canción de “Tengo 3 años”, a primeira vez timidamente para logo mimar e dramatizar cada acción...


Finalmente, para rematar, e para sentir se cabe máis que todos e todas formamos parte dun grupo, un abrazo enorme entre os 25 para os 3 cumpreañeiros de novembro... moitísimos parabéns!



Isto, e a purpurina que MARTÍN C., SOFÍA e ÁNGEL refregaron pola cara, resultou o mellor dun día de festa no cole... este cole si que mola!


Un saúdo e non esquezades que... o noso blogue se alimentará dos vosos comentarios!

ARTE POR TODAS PARTES!

viernes, 20 de octubre de 2017

A expresión plástica xoga un papel indiscutible en Educación Infantil, constituíndo unha das linguaxes con maiores posibilidades de expresión que nos serve para comunicar aspectos da nosa vida cotiá, estimular e potenciar a imaxinación, curiosidade, o pensamento crítico, creativo, a exploración e experimentación, a sensación, percepción...
Así pois, o mércores participamos activamente nun obradoiro artístico na aula de Educación Artística da Facultade de Maxisterio a través do cal creamos e recreamos diferentes esculturas a partir de materiais de desfeito e refugallo.
O certo é que xa estabamos avisados que acudiriamos a un aula distinta con profes que, lonxe de ser os que actúan semanalmente no grupo, non coñeciamos, ni tan sequera os coñecía o profe. Deste xeito, máis expectantes que nunca, establecemos unhas normas básicas para a actividade: control de esfínteres, respectar a quenda, escoitar con atención aos xefes da actividade...
Xa o mércores, desenvoltas as rutinas de entrada -prendas de abrigo e mochila no percheiro- e os rituais da asemblea -desta vez a súper-encargada foi IRENE-, organizámonos no tren de saída para converternos... en pequenos-grandes artistas!...
O momento de acollida non puido resultar máis apropiado, comezamos coa escoita activa e visionado do conto: El museo de Tronquito (Edit. Nórdica Libros).


Sen perder detalle da actitude entusiasta de Tronquito e do seu afán por coleccionar todo tipo de obxectos, achegámonos ao museo como espazo de ocio que serve para conservar as obras expostas de diferentes artistas.


Posteriormente, tocaba poñerse mans á obra e axiña nos organizamos en equipos de traballo para interactuar de xeito libre cos materiais alí dispostos.
Había unha mesa con papel de aluminio como o que moitos traemos na merenda. Arrugamos, dobramos, rachamos... e, sobre todo, pintamos, pintamos e pintamos con rotuladores fluorescentes e con pincel e témpera de cor fucsia... que interesante!


Noutro espazo, había pasta para modelar de cor branca, que unha vez seca queda dura como a parede. Aquí amasamos, cortamos, fixemos ruliños, bolas, formas impresas con paus, ramas de árbore, pedras... quen máis e quen menos logrou darlle volume á súa obra como un auténtico escultor... fantástico!



Tamén inventamos con caixas e rolos de papel de diferentes tamaños e grosores, completando a nosa creación con cintas adhesivas de cores variadas: negra, vermella, verde, azul e amarela... bonitos resultados!


Con este ambiente tan propicio para a estimulación da imaxinación e creatividade, observamos, identificamos, coñecemos e diferenciamos propiedades e cualidades de obxectos cotiás, decatándonos que hai... arte por todas partes!


Resultou un tempo de traballo individualizado no que cadaquén decidiu cando estaba rematada a súa produción para, e a modo de actividade final, catalogar as obras no museo que se creou nun dos recunchos da aula.


Para rematar, os profes de Maxisterio déronnos unha entrada para pasar a contemplar as creacións aportadas polo grupo... canto artista concentrado por metro cadrado!     


Un saúdo e non esquezades que... o noso blogue se alimentará dos vosos comentarios!

"BOS DÍAS, BOS DÍAS, AI SI!..."

viernes, 13 de octubre de 2017

Metidos na intensa vida do cole dos maiores, e máis ou menos adaptados a este cúmulo de novidades, estes días introducímonos na aprendizaxe das normas, hábitos e rutinas que rexerán a vida e actividade cotiá da nosa aula con tempos dispares como o momento da asemblea, do traballo obrigatorio individual ou do xogo libre e/ou dirixido nos rincóns.
En Educación Infantil, a posta en práctica dunhas rutinas, axúdanos a coñecer o contorno que nos rodea, superando os nosos medos e temores ao descoñecido, dándonos a oportunidade de anticiparnos ao que vai ocorrer e proporcionándonos a seguridade, tranquilidade e confianza necesarias para unha correcta adaptación e estancia na escola.
Queredes saber cal é a nosa secuencia rutinaria?... Pois velaí vai!
Para comezar, desenvolvemos os hábitos propios do MOMENTO DE ENTRADA, quitamos as prendas de abrigo, colgámolas no percheiro identificado coa nosa fotografia e nome e sentamos na liña vermella para desenvolver os rituais propios da ASEMBLEA.


A zona da asemblea, convértese nun espazo da aula no que hai que estar cos ollos e orellas abertas e coa boca pechada, moooi pechada para dar comezo ao ritual dos bos días, o saúdo aos compañeiros e compañeiras e á elección do súper-encargado, protagonista de cada asemblea matinal...


O súper-encargado elixe a pegatina do mandilón do profe, 


rexistra no panel correspondente as ausencias e presenzas, constata o tempo atmosférico con PIPO, o coello espacial, 


e iníciase de xeito individualizado na escrita real e contextualizada de grafemas significativos a partir do propio nome.


Asemade, terá encomendada a función de ser o maquinista do tren nas saídas e entradas da aula... canto nos gusta ser os primeiros! Agora temos que aprender a non soltarnos, camiñar despacio e non empurrar... nooon, así nooon!
Nestas asembleas matinais, falamos acerca das actividades que levaremos a cabo durante a xornada ao tempo que lembramos o realizado o día anterior, prestando especial atención a aspectos vencellados coa lecto-escritura e a lóxica-matemática: revisamos no mandilón que letras temos no noso nome, escribimos cantos faltan, cantos son nenos, cantas son nenas, palabras significativas do centro de interese...
Este momento, ademais de dar inicio e final á xornada escolar, constituirá por si mesmo un elemento motivador para o desenvolvemento da linguaxe oral, xa que aproveitamos para facer partícipe ao grupo-clase dos nosos pequenos-grandes problemas, tentando progresivamente respectar as normas que rexen os intercambios lingüísticos... que complicado!
Logo da asemblea, desenvolvemos as actividades de aprendizaxe, -amodo, sen présa, agarrando a cera ao xeito...-, 


para antes do recreo, reservar un pequeno tempo para repoñer forzas co Momento da merenda.


Vedes que durante a mañá non paramos, pero aínda queda o máis divertido, o MOMENTO DO CONTO e o xogo libre e/ou dirixido nos RINCÓNS.
Así pois, durante o período de adaptación, participamos en diversas actividades que serviron para descubrir e coñecer algúns dos xogos e xoguetes cos que gozaremos ao longo do curso. Axiña, cando pase máis tempo, teremos asignado un rincón a cada equipo de traballo, pero antes, debemos aprender a xogar, recoller e respectar as normas establecidas neste momento de xogo.


Ademais destas rutinas, a nosa actividade diversíficase si cabe aínda máis coa incursión no horario das actividades desenvoltas por teacher Pili, Cosme, Pedro, María José e Verónica-Chús-Medines; os mestres especialistas de Inglés, Música, Psicomotricidade, Relixión e apoios na aula,... fantástico!
Canta actividade!... e o curso non acaba máis que de comezar. Sen lugar a dúbidas, o noso primeiro ano no cole pinta ben, moooi ben... 
Un saúdo e non esquezades que... o noso blogue se alimentará dos vosos comentarios!